CompostelaCulturaNovas

Catro intérpretes con discapacidade cuestionan como abordamos a diferenza en ‘Nada se sabe’

O espectáculo de teatro inclusivo ‘Nada se sabe’, coproducido polo Centro Dramático Galego e Culturactiva, terá este xoves, 16 de xaneiro, a súa estrea compostelá no Salón Teatro, onde permanecerá ata o 9 de febreiro para ofrecer unha vintena de funcións. As representacións, que terán lugar de mércores a domingo ás 18,00 h., contarán con diferentes sistemas de accesibilidade e con servizo gratuíto de autobuses desde máis de 40 concellos galegos, ademais de se complementar cunha seriede actividades paralelas como posfuncións ou visitas táctiles.

A sede da unidade teatral da Xunta de Galicia acolleu a presentación do espectáculo, na que interviñeron os directores da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, así como Fran Rei, codirector de ‘Nada se sabe’ con Ignacio García, e a actriz Corina Alfonso Mañá, en nome do elenco do que forma parte xunto a Rubén Bargiela Sierpes, Alba Chao García e Elvis García Torres.

Sutil lembrou que ‘Nada se sabe’ é unha das coproducións impulsadas polo Centro Dramático Galego en 2024 no marco da programación conmemorativa do seu 40º aniversario e en liña tanto co activo traballo a prol da inclusión que vén desenvolvendo nos últimos anos a compañía pública da Xunta, como coa recentemente aprobada Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude animou o público a asistir ao espectáculo, que tras a súa estrea o pasado mes de xullo na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia e o seu paso polo Festigual da Coruña, regresa ao lugar onde se desenvolveron parte dos ensaios para compartir unha necesaria reflexión sobre como a sociedade actual aborda e xestiona a diferenza.

‘Nada se sabe’ constitúe unha proposta integradora e única no contexto teatral galego tanto polo elenco, integrado por dúas actrices e dous actores con diversidade funcional, como polo tema, que aborda diversas versións da discapacidade no teatro clásico, deténdose na adaptación moderna e sinxela que asina Manuel Lourenzo a partir de Filoctetes, una das traxedias de Sófocles. Súmase igualmente a delicada selección musical, a mestura de linguaxes e a súa formulación como un reto á audiencia para nos cuestionar o que entendemos por discapacidade e por integración.

Para a dirección desta proposta, formaron tándem Ignacio García, ex director do Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro, experto en pedagoxía teatral e un dos directores de escena máis relevantes a nivel estatal e europeo, e Fran Rei, actor cómico, autor de guións e director teatral, que nos últimos anos vén desenvolvendo con Culturactiva un continuo traballo de integración social a través do teatro.

Xunto con Corina Alfonso Mañá, Rubén Bargiela Sierpes, Alba Chao García e Elvis García Torres nas interpretacións, contaron no seu equipo coas achegas de José Manuel Faro González “Coti” (escenografía e iluminación), Grupo de Teatro Muxicas ONCE Ourense (voces en off), La Canalla (vestiario e atrezzo), Rosa Moledo (asesoramento lingüístico), Diseñatas – Fundación Igual Arte(imaxe), Rocío Cibes (deseño gráfico e fotografía) e do equipo técnico do Centro Dramático Galego.

Público de máis de 40 concellos

Como en anteriores producións da compañía pública, con ‘Nada se sabe’ estará operativa a campaña de mobilidade ‘Sobes ao autobús do teatro?’, que nestes momentos xa ten programados 23 buses gratuítos con parada en máis de 40 concellos galegos para facilitarlle o desprazamento a Santiago ao público de toda Galicia. Para estas representacións no Salón Teatro, habilitáronse diferentes sistemas de accesibilidade para o público, como interpretación en lingua de signos en todos os pases, programa de lectura fácil ou audiodescrición para os espectadores que a soliciten previamente no despacho de billetes e dispoñan de auriculares propios. Así mesmo, unha hora antes das funcións dos sábados e domingos terá lugar unha visita táctil para aquelas persoas con discapacidade visual que desexen experimentar un percorrido polos elementos físicos do espectáculo, mentres que ao rematar o pase dos venres o público terá a oportunidade de participar nun coloquio co equipo.

Sesión DJ na función de estrea

As persoas que acudan á estrea de mañá poderán gozar, ademais, da sesión que Fran Rey DJ ofrecerá desde o balcón do Salón Teatro ao finalizar a representación do espectáculo. A este primeiro pase da montaxe asistirá un grupo de estudantes da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, que esa mesma tarde visitará tamén a nave de servizos técnico do Centro Dramático Galego como parte das actividades do programa formativo CDG Lab que a compañía pública mantén co centro.

As entradas para as funcións do espectáculo poden adquirirse en liña a travésda web entradas.ataquilla.com ou no despacho de billetes do Salón Teatro ,aberto desde dúas horas antes de cada pase.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.