Crusat & CostasGastronomía

Crusat e Costas: XIALMA

Máis alá da paisaxe

Aló Pincheir@s! A primavera chama xa ás nosas portas e trae consigo días máis longos, máis horas de luz e, se a choiva nolo permite (ou con choiva), podemos aproveitar para coñecer novos lugares, facer rutas de sendeirismo e gozar da natureza e do verde que está todo!

Aproveitando este festival de cores primaverais, achegámosvos desta volta a unha das paisaxes máis fermosas de Galiza: a Ribeira Sacra. Si, sabemos que temos falado desta zona en anteriores artigos, pero esta vez farémolo dende unha óptica distinta, desde o obxectivo dun fotógrafo que decidiu que quería embotellar esa paisaxe que adoitaba plasmar nas súas fotografías.

Chámase Xaime Cortizo e seguro que a moitos de vós vos soará, posto que leva uns 15 anos como fotógrafo profesional por Compostela e por todo a nosa terra. Cóntanos Xaime que o viño sempre estivo presente na familia; súa nai era de Haro (La Rioja) e xa había un tempo que lle roldaba a idea de facer viño dunha forma máis consciente, sen présas: un viño con alma e filosofía propia.

Entón foi cando chegou ás viñas de Bexán (Subzona Ribeiras do Miño) e Sobrecedo (Subzona Chantada) e como non podía ser doutro xeito, a súa mirada afeita a plasmar beleza quedou atrapada pola paisaxe. Viñas pequenas e antigas, de traballo manual “preciso e consciente”.

O proxecto de Xialma, conta Xaime, sostense en tres eixes: a Arte, o Tempo e o Territorio. Creo que non fai falla explicar por que: o viño é un xeito de facer arte do que ocorre durante todo un ano; a vendima e o seu produto son “ a captura dun ano enteiro”. Que bela metáfora para describilo, non si?

E de onde ven o nome do viño? Dinos Xaime que o X ven do seu nome, IA rende homenaxe á súa nai Julia e á súa filla Rosalía (nada de Intelixencia Artificial eh?!) e ALMA polo territorio, pola cultura e a paisaxe.

Crusat falaravos máis en profundidade do viño, da elaboración, variedades e viñas; eu desta vez quería centrarme exclusivamente na persoa, en incidir en que, aínda que non sexamos viticultores, podemos ter un soño e levalo á realidade desde o respecto, a observación e o traballo, e sempre acompañándonos de bos profesionais, claro! Xaime así o fixo, quería crear un viño que non fose unha botella máis nun estante, que cando mires a súa fermosa etiqueta saibas exactamente que significa o que vas beber. Como el nos dixo: “o viño como interpretación emocional dun lugar”.

Namorado da Ribeira Sacra

Normal que unha persoa coma Xaime Cortizo, fotografo de profesión, e afeito a capturar a esencia e a imaxe que ten diante, quedase namorado da paisaxe da zona da Ribeira Sacra e as súas parcelas de cepas vellas case que esquecidas en moitos casos. Así que cando puido, mercou dúas parcelas en dúas zonas diferentes, unha na aldea abandonada de Bexán (Sabiñao) e outra en Sobrecedo (Chantada), ámbalas dúas unidas polo rio Miño.

Este viño Xialma procede desas dúas parcelas, é pois un viño parcelario ou “Field Blend”. É unha mestura de tódalas uvas presentes nas parcelas. Mencía principalmente, pero tamén garnacha tinturera, e aproximadamente un 10 por cento de castes brancas (godello, palomino e dona branca). E disto quérovos falar. O aporte dun pouco de uva branca no viño axuda en diferentes xeitos. Por un lado axuda a obter unha cor vermella máis intensa e estable mediante a copigmentación na que os flavonoides da branca se unen ás antocianinas da tinta evitando a súa oxidación e a súa precipitación. Aporta tamén unha maior complexidade aromática, mais acidez e frescura, e suavízanse os taninos bravos. Cóntalle ti todo isto aos nosos maiores que plantaron as viñas. Ou mellor habería que contarllo aos técnicos que apostaron soamente polo monocultivo da Mencía nunha época non moi lonxana. A época da “eucaliptizacion” do viñedo.

Á vista trátase dun viño de cor cereixa con reberete lixeiramente violáceo, limpo e vibrante de capa media. No nariz presenta aromas finos, combina froita vermella coma a cereixa e framboesa e tamén a froita negra madura; existen notas de flores coma a violeta e tamén herbas. Na boca é un viño de entrada suave, redondo e fresco; cunha acidez media gustosa, mineral, longo, elegancia natural e sereo.

Imos pois coa maridaxe do viño, e coma case sempre escollo un produto de tempada. Neste caso de comezos da primavera é tempo da raia, antigamente existía a festa da raia en Portonovo, así que coma primeira elaboración propóñovos unha tradicional caldeirada de raia á galega con patacas ao seu mollo. Xa como un prato máis elaborado, pero xa veredes que moi sinxelo, propoño un raia fritida (rebozada con fariña de millo), cunha ensalada de fiúncho e tomate cherri, cun mollo agripicante con limón, salsa de soia, azucre, allo, sal e pasta coreana de pemento fermentado.

Xialma

FICHA DO VIÑO

Adega:
Xialma – Xaime Cortizo
D.O.:
Sen DO
Variedades:
Mencía (predominante), Garnacha Tintureira e un 10% de brancas (Godello, Treixadura e Palomino)
Grao: 12,5º
Colleita: 2024
Prezo: En torno aos 25€

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.