fbpx
CompostelaGastronomíaNovas

O Concello de Santiago e o sector hostaleiro retoman a campaña “Fala baixiño”

O Concello de Santiago, en colaboración coas principais asociacións do sector hostaleiro, pon en marcha de novo unha campaña para mitigar os ruídos que se producen na rúa e favorecer o descanso da veciñanza. A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, acompañada por Serxio Fernández, de Hostalaria.Gal; por Jesús Peón, da Asociación Hostelería Compostela; e por Lucía Vázquez, da Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Compostela, presentou a iniciativa, que leva por lema “Fala baixiño”, e que volve coincidindo coas festas do Nadal.

O lanzamento desta campaña, cunha imaxe renovada, “responde a unha das demandas que as asociacións de hostalaría nos trasladaran, e doutra, á necesidade de seguir concienciando sobre o dereito ao descanso da veciñanza aproveitando a proximidade dunhas datas festivas por excelencia en que todas e todos participamos activamente: o período pre-nadal, con todas as ceas de empresa e xuntanzas de celebración comunitaria diversas, así como todas as celebracións relacionadas co Nadal propiamente dito que virán despois”, lembrou a alcaldesa. Non obstante, “a campaña reactívase con intención de que se manteña no tempo, máis aló do propio Nadal, posto que o seu obxectivo último é apelar constantemente á nosa responsabilidade á hora de divertirnos desde o respecto ao descanso ao longo de todo o ano e en todo tipo de circunstancias”.

Dende as asociacións de hostalería sinalaron a importancia desta campaña, que sempre “foi moi ben acollida”, como sinalou Serxio Fernández. Tanto el como Lucía Vázquez e Jesús Peón fixeron fincapé en que moitas veces a xente “non é consciente de que está a facer ruído á saída dun local” polo “sempre están ben estas campañas” que buscan concienciar e apelar á responsabilidade individual.

Fala Baixiño

Mantense o lema da campaña, Fala Baixiño, porque “é un lema xa instaurado entre a veciñanza en relación aos obxectivos que queremos acadar (o comportamento respectuoso),mais reformulamos a imaxe botando man dunha icona representativa de Compostela”.

Escolleuse como base visual un elemento que simbolice “alguén” que ocupa o espazo público pero que o fai sempre en silencio e sen intervir no descanso da veciñanza. E se ben é certo que en Santiago hai moitas esculturas urbanas que poderían simbolizar esta situación/actitude, tamén hai que recoñecer que unha das máis prezadas, queridas e buscadas é a escultura das Marías.

Coralia e Maruxa foron representadas nunha escultura de César Lombera Moret, obra que desde 1994 convive coa cidadanía compostelá e cos milleiros de persoas que pasan pola cidade, ocupando un espazo público na Alameda e que a día de hoxe é un símbolo da cidade.

Para o lanzamento desta campaña, “botamos man de Maruxa, a maior e a máis baixiña das irmás, que nos chisca un ollo e, con complicidade, nos insta a baixar o volume con ese xesto universal que consiste en poñer o dedo índice sobre os beizos”, sinalou Sanmartín.

Tamén se reformula a gama de cores. Neste caso escóllese a cor amarela que nas gamas de cor dos sinais, como os de obrigatoriedade (azul) ou prohibición (vermello), se asocia cunha chamada de atención por risco ou precaución, isto é, unha advertencia.

Por último, establécese un xogo visual co significado semántico da palabra “baixiño”, cun tratamento gráfico que crea un efecto descendente da propia palabra para reforzar tanto a mensaxe como o significado.

Esta semana xa comezou a verse esta campaña na rúa, na traseira de buses urbanos (en 2) e en 34 MUPIS colocados en diversos espazos da cidade, “porque é na rúa onde debemos coidar o noso comportamento e o espazo de socialización onde corremos o risco de causar molestias cando nos xuntamos en grupo en momentos de lecer e diversión”.

E a través das Asociacións de Hostalería distribuiranse folletos de man coa mensaxe da campaña, e aos locais proporcionaráselle unha placa de xeito que poidan dispoñer de elementos perdurables no tempo.

A alcaldesa agradeceu a colaboración das tres asociacións na difusión da campaña, que “continuará con novas accións sorpresa que iremos desvelando no seu momento”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.