fbpx
CompostelaCulturaEntrevistasNovas

Mondra: “ARDĒN é un espazo no que as persoas poden ser en todos os sentidos libres”

Mondra, bailando no barrio de San Pedro. Foto: Iván Barreiro

Co barullo propio dun mércores pola mañá na churraría de San Pedro, entre cafés, chocolates -e churros, por suposto-, cuncas, risos, moitas conversas… transcorreu a miña charla con Martín Mondragón. Ou como o público o coñece, Mondra. O nome deste mozo de 23 anos de Teo empezou a soar moito nos últimos meses como unha das voces máis prometedoras e singulares da nova escena musical galega.

En setembro presentou o seu primeiro disco ARDĒN, producido por Berto e editado por Altafonte. Un traballo que salienta pola súa marcada identidade así como pola rebordante dimensión electrónica dun proxecto que dialoga coa música tradicional galega.

Que nos vexamos aquí na rúa de San Pedro non é casualidade. Que é Compostela para ti?

Compostela converteuse no meu fogar. Sempre serei de Teo, pero vin a estudar aquí e, aínda que me quedaba moi preto, no segundo ano da carreira —estudou Comunicación Audiovisual na USC— xa decidín quedar. Vivín en varios sitios e cando cheguei ao barrio de San Pedro dixen: “Este é o meu lugar”. Aquí puiden tecer moitas redes, achegarme moito á veciñanza… Gústame participar nos proxectos do barrio, actuei nas festas… E levo moito tempo vencellado a unha asociación de educación e tempo libre, para crianzas de 8 a 18 anos, que está na rúa do Home Santo. Tamén dou aulas na asociación A Xuntanza do barrio. Asentarse aquí e relacionarse coa xente foi moi fácil.

Foi tamén aquí en Santiago onde presentaches o teu primeiro disco ARDĒN, nun concerto na Sala Capitol que todo o mundo recorda como un gran espectáculo…

Foi moi emocionante poder presentalo nesa sala. Esgotáronse as entradas. Neste ano tiven varias ocasións para actuar alí acompañando a outros artistas, pero ese día sentir que a Capitol podía ser a túa casa… Foi unha maneira de celebrar o momento en que lle entregas á xente o proxecto. É un traballo que está sendo moi ben acollido, estou moi agradecido.

Para min a posta en escena, a FOLĪA das ARDENTES, que é como lle chamamos ao espectáculo, é case o centro do proxecto. Nos directos é onde se xuntan moitas dimensións para poder contar o noso relato. Está a danza, a parte estética… Son soportes tamén para facer que a música chegue á xente a través de máis mecanismos. Creo que é a expresión máis grande que nós podemos facer da nosa música.

Como te sentes ti enriba do escenario?

É divertido. Sempre digo que non depende do número de persoas que haxa. Ás veces sénteste moi cómodo con 4000 persoas diante, como foi no festival de Revenidas, e ás veces súper incómodo con doce. Pero en xeral gústame estar aí. É un espazo que tratas con moito respecto, moita responsabilidade porque é o teu traballo… E ás veces veste despois en vídeos dos concertos e dis: “Non sabía que podía chegar a esta naturalidade”. É moi reconfortante sentir que podes realmente estar TI no escenario. Hai veces que o consegues… e veces que simplemente executas, porque non tes un bo día, ou non estás a gusto por algo. Igualmente eu diría que para min é o espazo máis cómodo do mundo.

Conectas tamén moito co público infantil. Por que cres que é así?

Non teño nin a menor idea (sorrí). Son un rapaz novo, o proxecto ten unha parte seria pero tamén divertida, festiva… Supoño que pode vir por aí. Eu estou contento porque é súper interxeracional o que acontece. É moi ‘guai’ ver que as tres primeiras fileiras son de nenos e nenas de 10 anos e que tamén veña xente vella ou perfís que nunca pensei que conectarían con Mondra.

Mondra publicou o seu primeiro disco este ano. Foto: Iván Barreiro

Neste proxecto que é Mondra -do que sempre falas en plural- unha peza fundamental é a de Berto, que produce o disco, non si?

É que non son quen de falar de Mondra como algo persoal. Somos moitas persoas.

A Berto coñecino en setembro do 2022, un ano antes de sacar o disco. Podía ter quedado nunha figura de produtor exclusivamente, afastado do artístico ou do conceptual, pero el estivo aí para min ao 50%. Foi un proceso de tirar un do outro, de ceder un e outro para chegar a un punto en común… Foi moi interesante.

Fomos sacando primeiro ‘singles’, sen darlle máis importancia ao conxunto que ás individualidades dos temas: ‘Saco de pulgas’, ‘Punheta!’… Pero para min o máis interesante a nivel musical pasou despois cando xa tiñamos un camiño feito, cando xa non facía falla darnos explicacións do que queriamos.

Tamén contas coas colaboracións de Aida (Tanxugueiras), Fillas de Cassandra e Brassica Rapa. Todo mulleres. Foi buscado?

Non é casual, claro! Con Aida comparto unha amizade desde hai moito tempo e quería que ela estivese no disco. No caso de Fillas de Cassandra coincidimos co mesmo produtor, coñecémonos e decidimos colaborar. E o de Brassica Rapa foi a guinda final. Para pechar o álbum dinme conta de que tiña dúas colaboracións con mulleres e quixen completar esa terceira cunha banda de mulleres como son elas. Nun tema moi queer e moi festivo para pechar o disco como é ‘Carmela’.

Neste disco reivindicas moito a liberdade…

Si, nós creamos ARDĒN como un universo paralelo, onde poder contar cousas que nos preocupan na Galiza, na miña contorna local. Encubertamente hai no disco un discurso socio-político, pero contado a través de ARDĒN, unha terra creada por nós, e cos ardentes, que somos a xente que habitamos esa terra. Na FOLIA as opresións que sofren esas ardentes non entran nunca. Creamos ese espazo como un espazo libertario, no que as persoas poden ser en todos os sentidos libres. Parece un discurso moi recorrente, pero nos últimos tempos é necesario. Creo que son varias as opresións que están no foco e intentamos que haxa unha loita por elas.

Falabamos antes de que é un traballo conxunto, pero tamén é certo que ti te implicas en todo: desde a música, ata o deseño, os vídeos…

Para min é moi importante porque creo que a base dun proxecto artístico é a coherencia. É moi duro cando ves algo que forma parte do teu proxecto e quedas con algún tipo de inquedanza, pensando que o farías doutra maneira… Temos unha equipa fantástica, unha chea de persoas cun criterio artístico alucinante, pero ao final todo sae dende min e por iso intento traballar en conxunto con todas elas. Dende a confianza máis absoluta, pero tentando que non haxa ningún fío que se saia.

Cantareiro, bailador, instrumentista… que foi antes?

Todo á vez (Sorrí). Desde pequeno sempre se me notou a gana de estar nun escenario. Desde os sete anos estou vencellado a agrupacións culturais do Concello de Teo, que foi onde aprendín a bailar e tocar. Xa na adolescencia medrou o meu interese por todo isto, funlle prestando máis atención, estudando pola miña conta… e cando fixen 18 anos comecei a ser docente.

Como comentas, levas tempo dando clases de cultura tradicional. É algo que pensas combinar co teu traballo artístico?

Levo bastante tempo noutros proxectos artísticos, como a compañía de danza de Fran Sieira, por exemplo; e teño ganas de seguir por ese camiño. Sempre co meu proxecto persoal no centro, pero vencellado a outros proxectos artísticos. Son moi novo e quero seguir aprendendo. Tamén me apaixona o audiovisual, ser docente de cultura tradicional gústame tamén… pero teño o foco posto nas artes escénicas.

Un momento da nosa charla na churraría de San Pedro. Foto: Iván Barreiro
Un momento da nosa charla na churraría de San Pedro. Foto: Iván Barreiro

Moitas veces falan de ti como unha das voces máis prometedoras da nova escena musical galega. Como levas estes comentarios?

A min préstame que se poida ver o proxecto como algo que pode ter continuidade. Alégrame por esa parte, porque os medios se fagan eco disto como algo que pode ser duradeiro. Aínda que ás veces a prensa pon o primeiro que se lle pasa pola cabeza… Pero tamén sentes a presión de ser mirado dunha maneira diferente. Tes inseguridades, por suposto, sobre como continuar… Pero sempre me refuxio na aprendizaxe que queremos seguir adquirindo.

Dicías nunha entrevista que era necesario “facer do tradicional algo mainstream”. O tradicional sempre vai formar parte da túa carreira?

Pode ser que nun futuro non estea como un elemento tan central, pero eu creo que a cultura tradicional en xeral é algo que forma parte de min porque medrei niso. Igual que medrei no teatro, igual que me formei no audiovisual… Non creo que sexan cousas que vaian desaparecer.

Eu creo que está pasando algo moi interesante na música galega que é que por fin podemos encher grandes espazos, chegar á masa galega… Como un pouco de broma sempre digo que en todos os territorios as ‘rock stars’ son as persoas do sitio e eu creo que é o que ten que pasar aquí. Imos polo camiño. Todos apreciaremos unha Rosalía que veña ao Coliseum da Coruña, pero tamén é moi interesante que as Fillas de Cassandra poidan meter 20.000 persoas nun concerto. A min o que máis me preocupa é que a música en galego sexa moi importante na Galiza, pero coa música tradicional sinto tamén que é algo que nos define como pobo. Que a música tradicional ocupe espazos ‘mainstream’ vai facer que xente totalmente desarraigada da nosa cultura poida conectar con ela e sentila súa.

Falando de futuro, cales son os teus próximos concertos e que lle pides ao ano novo?

En decembro teño a Foliada da Fonsagrada, que é un espazo ao que levo indo moitos anos e é moi especial para min poder tocar alí. Tamén facemos a abertura do concerto especial de fin de xira das Tanxugueiras no Coliseum da Coruña. Comezarei ademais a traballar en nova música para o 2024 e haberá moitos concertos a partir da primavera. Levaremos o espectáculo que estreamos na Capitol incluso por fóra da Galiza.

E con respecto á segunda cuestión, o tema da Palestina é algo que a min me atravesa profundamente, entón espero que cese o conflito alí e poida haber algún tipo de saída para un pobo que está sendo masacrado. Precisamente é un relato que nós contamos a través de ARDĒN, que é estar sempre pola liberdade e a autodeterminación dos pobos. Así que ese é o meu desexo para o ano novo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.