fbpx
#decomprasCulturaGaliciaNovas

Neste Nadal, agasallos culturais e de artesanía galega

Con decembro comeza unha época de moito consumo e de buscar os mellores agasallos cos que sorprender á familia e ás amizades. Desde Pincha apostamos polo comercio local, a cultura e a artesanía de Galicia como mellores opcións para regalar. Imos con algunhas ideas!

O mundo do revés. Coctelería peliqueira

Colección para cóctel da ceramista Laura Delgado que imitan o concepto dos vasos tiki da cultura polinesia, pero decorados con motivos dos personaxes do entroido tradicional de Ourense. Estas pezas recibiron o Premio Artesanía de Galicia 2022.

Podes ver os traballos de Laura no seu instagram @laura_delgado_ceramica

Bolso ‘Lar’ de Mundaya

Lixeiro, cómodo e atemporal. Un deseño feito a man por Lara Santomé, creadora de Mundaya, un dos obradoiros que forman parte de Artesanía de Galicia.

Descubre máis na súa web
http://mundaya.com

Laura Triñanes Xoiaría

As xoias que saen do obradoiro de Laura Triñanes, tamén dentro de Artesanía de Galicia, son pezas únicas. Emprega técnicas da xoiería tradicional, apostando pola cor, as formas e os sentimentos. Unha xoiaría ética e sostible.

Podes atopalas en shop.lauratrinanes.com

‘Deiche ollos e miraches as tebras’ de Irene Solá
Faktoria K de Libros. Tradución de María Alonso Seisdedos (2023)

Joana, Margarida, Blanca e Bernardeta forman un aquelarre que camiña na fronteira simbólica entre o ben e o mal, a luz e as tebras, a vida e a morte. Unha historia de familia, e moito máis, cargada de sororidade en tempos violentos e opresións sobre o corpo das mulleres. Sen dúbida unha desas historias para degustar con cada átomo da atmosfera na que nos somerxe.

Á venda na Libraría Lila de Lilith,
na rúa Travesa, 7.

‘E que vai ser?’ de Adelaida Vidal e María Montes
Baía Editorial (2023)

Con moito humor a protagonista vai contestando a todas as persoas que lle preguntan “Que vai ser?” durante o seu embarazo: un alien, un trol, unha filloa…? Ou non era iso o que querían saber? Un libro, gañador do IV Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade, estupendamente acompañado polas ilustracións.

Á venda na Libraría Lila de Lilith,
na rúa Travesa, 7.

‘La Historia Interminable’ de Michael Ende

Un libro que xa é un clásico do noso tempo, para amantes da lectura desde os doce anos. Unha historia que é unha homenaxe á literatura, o poder de evasión dos libros, un recordatorio da importancia da imaxinación e do seu poder para levarnos a outros mundos e outras épocas. Encántanos a frase que di: “Os verdadeiros gardiáns da memoria son os libros”.

Á venda na libraría low-cost Re-Read Santiago, no rúa de Santiago de Chile, 2.

ARDĒN
(Altafonte Music Spain, 2023)

ARDĒN é unha experiencia musical, visual e performativa que dialoga coa música tradicional galega. Unha proposta electrónica, luminosa e reflexiva, que celebra e reclama, que coida e berra, e abre a porta a unha terra diversa ateigada de liberdade, afectos e apoderamento.

O disco debut de Mondra está composto por dez temas, nos que destacan as colaboracións de Fillas de Cassandra, Aida de Tanxugueiras e Brassica Rapa.

Producido por Berto e editado por Altafonte,
ARDĒN está dispoñible nas principais plataformas dixitais e en formato CD de edición limitada e única.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.