Compostela, arte e artistas
Por Inés Silvalde, Delio Sánchez e Marisa Calderón – Os Catro Gatos
Din que Compostela é terra de auga, terra de pedra, terra máxica.
E Compostela é todo iso e máis. É tamén terra de arte e artistas. Mires onde mires hai un deleite para os sentidos.
Esas ideas, esas obras, foron xestadas por alguén no seu particular recuncho, a gorida do artista, na que case sempre en soidade, cobran vida as ideas e nacen as obras que poderemos contemplar e gozar .
E aquí comeza a nosa aventura, o percorrido polos lugares onde comeza a xestación da obra artística.
Tentaremos que os artistas de Compostela nos abran as portas, nos conten as súas experiencias neses espazos sagrados que son os obradoiros dos creadores de obras de arte.
Compartiremos tempo e espazo con artistas plásticos, artesáns e artistas audiovisuais. Falarannos, sobre todo, do espazo no que as súas obras nacen e medran. E se eles nos deixan, miraremos pola fechadura para contaxiarnos da paixón polas artes.
O estudio de artista está cheo de percepcións sensoriais moi especiais.
Ás veces , aqueles que non acostuman a percibir olores pouco habituais, experimentan un sentimento de rexeitamento ante eses olores fortes, descoñecidos, exóticos, que invaden dende o nariz ata as tripas e transportan coma se algún tipo de droga se tratase. Pero pronto engancha, fáise oco, aniña e queda. Entón xa estás atrapado nas redes da creatividade. Está claro, todo comeza polo nariz.
É curioso contemplar a organización destes espazos porque son lugares onde ninguén pon normas agás as do artista. Orde ou desorden, caos ou rigor. Aí comeza a información do proceso creativo, da linguaxe plástica e da personalidade do artista.
Son fascinantes as cores e as texturas deses mundos de pinturas e pinceis, de ferramentas artísticas, de barro, de papel, de lenzos.
É o protagonista, o que preside a escea para a contemplación, o cabalete de pintura, a mesa de traballo ou esa calquera superficie onde se produce o parto dunha nova obra.
Nestes encontros cos autores das obras contarannos como son quen de enfrontarse cun baleiro branco ou unha materia informe e facer deles unha forma nova onde se reflicten anacos das súas vivencias , coñecementos e inquedanzas.
Preguntarémoslles polo proceso creativo, polos seus comezos e a evolución da súa obra ao longo do tempo.
Aquí tedes o noso mapa de artistas. Sabemos ben que son todos os que están pero que fáltannos moitos por coñecer no percorrido que hoxe, con este primeiro artigo, comezamos .
Traerémosvos os lugares, as ilusións e as experiencias de todas estas persoas cuxa vida xira en torno a iso que chamamos Arte. Con maiúsculas.