fbpx
CompostelaGastronomíaNovasPola gorxa

Minestra de verduras

Nesta entrega de ‘Pola gorxa’ imos falarvos de tres pratos que proveñen doutras gastronomías que non son a galega pero que tamén consumimos nas nosas mesas. Son a minestra, o gazpacho e o salmorejo.

Empezamos cunha que está admitida no dicionario da Real Academia Galega (RAG). A minestra (así con ‘i’ e non con ‘e’ como no castelán ‘menestra’) é un guiso feito de diversas verduras e legumes ao que se lle poden botar anacos de xamón, touciño etc.

O termo ten orixe italiana. Minestra significa sopa na lingua deste país do Mediterráneo. Por outra banda, unha minestrone é unha sopa típica italiana, elaborada con verduras e que adoita levar arroz ou pasta.

As outras dúas palabras que queremos explicarvos non existen en galego. Como podemos referirnos entón a elas e como debemos escribilas? Lanzamos a pregunta á RAG a través de Twitter e esta foi a resposta: “As palabras que aluden a realidades culturais que non temos de noso, como o gazpacho ou o salmorejo, e que tampouco teñen unha forma adaptada á nosa lingua, propoñemos mantelas na lingua orixinal indicando dalgún xeito que son voces foráneas, por exemplo usando a cursiva”.

Curiosidades

  • No Dicionario de alimentación e restauración editado pola Xunta de Galicia no ano 2012 si que aparece ‘gaspacho’ como forma de referirse en galego á sopa que se elabora principalmente con tomate, cogombro, aceite e allo e se serve fría.
  • Nese mesmo dicionario indican que o salmorejo é o gaspacho típico de Córdoba, de consistencia máis espesa que o tradicional por levar miolo de pan.

ONDE PROBALO?

A minestra de verduras forma parte de moitas das cartas dos restaurantes galegos durante todo o ano. O gazpacho e o salmorejo, pola súa banda, son dúas propostas que triunfan en verán, xa que a súa frescura é moi axeitada para combater a calor. Podemos atopalos como entrante ou tapa en moitos locais da nosa terra, a pesar de ser pratos típicos do sur de España.

Xa que estamos a falar de receitas nas que as verduras e froitas son as grandes protagonistas, imos recomendarvos dous establecementos vexetarianos e/ou veganos en Compostela para poder probalas.

Na rúa de San Pedro e situados un enfronte a outro, temos o Clem Café e o TS A Casa. O primeiro é unha cafetería con comida, menú, brunch e repostería vexetariana e vegana. Todo cociñado de xeito caseiro pola francesa Clémence Aymard. O segundo, é un restaurante rexentado por Marco Medeiros e Santiago Abal no que fusionan o mellor da gastronomía brasileira e galega. Ademais son especialistas tamén en zumes e cócteles.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.