fbpx
CulturaGaliciaNovas

O CDG reflexiona sobre a última etapa da vida na obra Terceiro acto

O elenco de Terceiro acto, coas directoras. Foto: Xunta de Galicia

O Centro Dramático Galego (CDG), unidade teatral da Xunta de Galicia, estrea este xoves a súa nova produción Terceiro acto, dirixida por Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez e que reúne un elenco de rostros moi coñecidos para o público. Belén Constenla, Roberto Leal, Fernando Morán, Mabel Rivera e Eduardo R. Cunha ‘Tatán’ protagonizan esta peza, que ofrece unha reflexión sobre a última etapa da vida e reivindica o papel das persoas maiores na sociedade actual.

Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez, integrantes da compañía Teatro En Vilo, son tamén as creadoras dos textos a partir de improvisacións co elenco. Deste xeito, a peza convértese nun lugar de encontro, coa conversa como base. Os actores e actrices intégranse nos personaxes, que son eles mesmos, para compartir co público a súa memoria, os seus soños e as súas emocións nunha viaxe apaixonante a través das historias dunha parte viva do teatro en Galicia.

Un espectáculo que, segundo confesaron os cinco artistas na rolda de prensa de presentación no Salón Teatro, é único nas súas carreiras. “Nunca traballara dunha maneira tan comprometida, expoñendo tantas cousas que me preocupan, que me emocionan, que me dan medo… enriba dun escenario”, afirmou Mabel Rivera. “Cando comezamos co proxecto ningún de nós pensabamos que podia movernos tanto por dentro e por fóra”, sinalou Belén Constenla. “É unha experiencia moi especial, sobre todo por ese proceso de recuperación da memoria de cada un de nós”, apuntou Eduardo R. Cunha ‘Tatán’. “O xeito de traballar foi moi diferente. Pensaba que o sabía todo, pero aprendín moito con este proceso”, asegurou Fernando Morán. “É unha declaración de amor entre nós, de nós coas directoras e vai ser unha declaración de amor de nós co público”, resumiu Roberto Leal.

Terceiro acto estará no Salón Teatro durante un mes, ata o 16 de maio, no que se ofrecerán máis de 30 funcións de mércores a domingo. As entradas están xa á venda en ataquilla.com e poden adquirirse tamén no despacho de billetes desde dúas horas antes de cada función. O prezo é de 10 euros, con descontos do 40% para diversos colectivos e os domingos, día do espectador.

Esforzo das artes escénicas

Na presentación de Terceiro acto tamén participaron o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez.

Anxo M. Lorenzo destacou o esforzo que están a facer os profesionais das artes escénicas para seguir achegándolle á cidadanía os seus espectáculos dun xeito seguro nun contexto de especial dificultade. Neste sentido, resaltou o capacidade de adaptación do sector cultural ás circunstancias derivadas da covid-19, o que tamén vén demostrar o seu compromiso co público. O secretario xeral referiuse ademais ao impulso que lle está a dar a Xunta á escena, coa estrea da segunda produción do CDG deste ano, que se suma a outras dúas pezas de produción propia, O charco de Ulises e Serva me servabo te, e ás sete coproducións previstas, entre outros proxectos.

Ao igual que en O charco de Ulises, con esta produción o Centro Dramático Galego fai unha nova aposta pola codirección, neste caso da man de dúas mulleres. Avanza así tamén no compromiso adquirido este ano coa adhesión á iniciativa Tempadas de igualdade nas artes escénicas, promovida pola asociación para a igualdade de homes e mulleres na cultura Clásicas e Modernas.

O equipo artístico complétase ademais con maioría feminina. A escenografía corre a cargo de Marta Pazos, o vestiario de Yaiza Pinillos, a iluminación de Miguel Ruz Velasco, o espazo sonoro de Hugo Torres e a coreografía de Amaya Galeote. Pola súa banda, Laura Míguez asume a asistencia de dirección, Carmen Triñanes, a de escenografía e Xandre Vázquez, a de produción.

Inclusión e apertura á cidadanía

No marco da nova estratexia de difusión establecida polo CDG para este ano, centrada en potenciar o achegamento do teatro á cidadanía, haberá dobres funcións os venres e sábados a partir do 23 de abril e ao remate da función dos domingos desenvolverase un encontro do elenco co público no que afondarán no proceso de creación da obra.

Cómpre sinalar tamén que, na súa aposta pola inclusión, o Salón Teatro acollerá funcións descontraídas todos os mércores, con condicións de luz e son adaptadas ás necesidades das persoas con diversidade funcional. Nesta mesma liña, o 16 de maio terá lugar unha función inclusiva, na que haberá intérprete en lingua de signos, audiodescricións e programas de lectura fácil.

Ademais, e como novidade, o CDG está a organizar con diversos concellos desprazamentos da veciñanza a Santiago de Compostela para asistir ás funcións de Terceiro acto. O obxectivo é contribuír a que o  maior número de poboación teña a oportunidade de ver un espectáculo da compañía pública na súa sede escénica. Gondomar, Redondela, Sada, Santiso, Teo, Toques ou Piñor son algúns dos municipios que xa se sumaron á iniciativa. A maiores, o CDG está a traballar nunha xira, prevista para o mes de xullo, no marco da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia.