Preocupación na hostalaría compostelá por pasar a nivel alto de restricións desde o sábado
Segundo informou esta mañá o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, desde este sábado o lecer nocturno estará pechado en Compostela e nas outras seis cidades galegas, así como noutros 53 municipios situados no nivel alto e máximo. Poderán funcionar só co 50% das terrazas, ata a unha da madrugada. Ademais, para acceder ao interior de bares e restaurantes (que só terán tamén o 50% de aforo) será necesario presentar un carné de vacinación, proba negativa de covid ou un documento de pasar a enfermidade.
A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, precisou que a situación epidemiolóxica en Galicia “non é boa”, pois os datos empeoraron con respecto aos da semana pasada. Neste senso, a responsable de Saúde Pública destacou que a comunidade conta arestora cunha incidencia acumulada a 7 días de 345 casos por 100.000 habitantes, e de case 675 casos no seu computo a 14 días. En canto á taxa de positividade en Galicia, nestes intres sitúase no 12.3%, catro puntos por debaixo da media nacional, que se atopa no 16.25%.
Thor Rodríguez, presidente da Asociación Hostalaría Compostela, amosou a “preocupación” do sector por estas novas medidas, que supoñen un duro golpe para uns negocios que levan ano e medio soportando unha grave crise económica derivada da pandemia da covid-19. Rodríguez espera que este sexa o “último esforzo” que se lles pida. A entidade enviou un comunicado no que fai un chamamento á responsabilidade individual e colectiva da sociedade para frear o incremento dos contaxios. “Preocúpanos tamén que mentres os hostaleiros seguimos cumprindo coa normativa, se sigan producindo gromos en reunións de tipo de privado que non se están a controlar”, apuntou Rodríguez.
Dende a Asociación de Bares, Pubs e Discotecas xa tiñan manifestado hai uns dias a súa “total disconformidade” con estas normas, considerándoas “inxustificadas, desproporcionadas e discriminatorias” e avanzando que están a estudar posibles medidas legais contra as mesmas. “Consideramos intolerable que se siga a criminalizar e a pór o foco dos contaxios covid na hostalaría mentres cada día vemos imaxes de botellóns en espazos públicos sen ningún intento de control por parte das autoridades”, apuntaron a través dun comunicado.
Autotest en farmacias
Na súa intervención, García Comesaña informou tamén do incremento da capacidade diagnóstica que terá a comunidade galega, tras aprobarse a venda de autotest nas oficinas de farmacia e asinarse un acordo entre a Xunta e os Colexios Oficiais de Farmacéuticos de Galicia para que as oficinas de farmacia adheridas poidan acreditar a validez dos resultados destas probas e integrar os seus resultados nos rexistros do sistema público de saúde.
Este acordo permitirá que as farmacias expidan documentos acreditativos de resultado negativo cando a toma da mostra se faga na propia oficina, e baixo o asesoramento do persoal farmacéutico. Estes documentos, serán expedidos de balde, e terán validez para seren presentados naquelas actividades restrinxidas dentro da comunidade galega que requiren acreditar un resultado negativo de proba diagnóstica para o seu acceso.