A Real Filharmonía de Galicia “escoitará o mundo” na súa programación para a temporada 2022-23
32 concertos en Santiago e 18 por toda Galicia compoñerán unha completa programación que irá de outubro a maio. Será a derradeira temporada programada por Paul Daniel como director artístico da orquestra.
A Real Filharmonía de Galicia presentou este xoves no Parque da Música en Compostela, nas inmediacións do Auditorio de Galicia, a nova temporada 22-23 que levará por título ‘Escoitar o Mundo’.
Na presentación estivo presente a concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago, Mercedes Rosón, a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández, a directora técnica da Real Filharmonía de Galicia, Sabela García Fonte, e o xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López. Tamén interveu por vídeo o director artístico da orquestra, Paul Daniel.
A nova programación, que levará por nome ‘Escoitar o Mundo’ será, segundo indica o director artístico, Paul Daniel, “unha auténtica festa para os oídos”. “É unha invitación a escoitar de novo a túa orquestra, a escoitar a enorme variedade e os espectaculares contrastes da música que nos encanta explorar”, indicou Daniel.
Ademais, esta temporada será a décima e derradeira de Paul Daniel como director artístico da Real Filharmonía de Galicia, que dará o relevo a un novo director ou directora co novo ano. Daniel ofrecerá entre xaneiro e marzo catro programas máis como director. “É moi especial para min este ano no que me despido despois dos dez máis felices da miña vida musical como director titular. Deséxolle ao público todo o mellor mentres continúan a explorar a marabillosa música da súa Real Filharmonía de Galicia nos vindeiros anos”, destaca o británico.
En total, a orquestra con sede no Auditorio de Galicia ofrecerá 50 concertos. Deles, 32 serán en Santiago e 18 noutras cidades galegas para o que a Real Filharmonía conta coa inestimable colaboración das Sociedades Filharmónicas de Ferrol, Pontevedra, Lugo e Vigo así como o Teatro Principal de Ourense e Afundación.
Estreas absolutas e en España
Na vindeira temporada, o público poderá gozar da estrea absoluta da obra Tra l’acqua salata do compositor galego Xabier de Paz, así como a orquestración de Carme Rodríguez para tres cancións de Augusta Holmès. Tamén se estreará en España a obra Yürüyen Kösk (A mansión andante) de Fazil Say, Starburst (Estalido estelar) de Jessie Montgomery ou o Concerto céltico para arpa e cordas de Catrin Finch.
Outro fito moi especial será a da estrea en Europa da restauración da película e a música de Foolish Wives, filme de 1922 de Erich von Stroheim dentro do programa de Cineuropa. Esta restauración musical estivo a cargo de Timothy Brock que será o director do programa.
En outubro retomaranse ademais os Concertos nos Barrios que achegan a música da Filharmonía ás zonas residenciais máis afastadas do Auditorio de Galicia con actuacións no Centro Cultural de Santa Marta, no Centro Comercial Área Central e na Igrexa de Conxo.
Nos seguintes meses a Real Filharmonía volverá a atoparse con directores e solistas que fixeron vibrar o escenario do Auditorio no pasado e con músicos que dirixirán e interpretarán a orquestra galega por primeira vez como Sian Edwards ou Nil Venditti, Jonathan Cohen, Can Okan, Diego Martín Etxeberría ou Andreas Ottensamer.
Destacadas figuras do panorama internacional musical coma o pianista Fazil Say, o clarinetista Andreas Ottensamer ou a pianista Alexandra Diarescu, e talentos emerxentes como a acordeonista Helena Sousa, a arpista Alba Barreiro ou o violinista Jaime Naya, terán protagonismo nesta temporada coa Real Filharmonía de Galicia.
Un ano no que tamén se retoma o intercambio coa Orquestra Sinfónica de Galicia, xa que a formación con sede no Pazo da Ópera da Coruña ofrecerá un concerto no Auditorio de Galicia o 23 de marzo con Michal Nesterowicz como director e Soyung Yoon co violín. A Real Filharmonía devolverá a visita cun concerto na Coruña o sábado 6 de maio con Paul Daniel como director e Nemanja Radulovic como violinista.
Proxecto Sensoxenoma22
Os primeiros concertos desta temporada serán o 30 de setembro e 1 de outubro co Proxecto Sensoxenoma, unha iniciativa de investigación levada a cabo conxuntamente polo IDIS (Instistuto de Investigación Sanitaria de Galicia) e a Real Filharmonía de Galicia no que se estudará cientificamente a resposta do xenoma perante un estímulo musical. Isto farase cunha recollida de mostras aos asistentes que determinará como se comporta o seu corpo antes e despois de escoitar o programa, dirixido por Baldur Brönnimann que será sorpresa. A información detallada destes dous eventos poderá consultarse en breve a través da web sensogenoma.es.
Concertos didácticos
Tamén terán cabida as programacións didácticas dentro da programación. Será con dúas propostas: Xogo de Espellos, unha ollada a través da música electrónica composta por Javier Otero e Mini Mozart, dirixido por Jan Wierzba e que conta coa colaboración do Serviço Educativo da Casa da Música do Porto. Serán seis concertos dirixidos para centros de toda Galicia de ESO e Bacharelato, no caso do primeiro espectáculo, e Primaria, no caso do segundo. A información para asistir aos concertos atópase dispoñible na web compostelacultura.gal.
Abonos
A renovación de abonos poderá facerse os días 5, 6, 7, 8, 9, 12, 13, 14 e 15 de setembro no teléfono do Auditorio de Galicia (981 571 026) de 11h a 14h e os novos abonos poderán facerse os días 20, 21, 22 e 23 de setembro no despacho de billetes do Auditorio e na Zona C no seu horario habitual. Haberá dúas modalidades, que poderán ser o abono completo para os 25 concertos por 308,25€ (cun 25% de desconto sobre o prezo total) ou para cada un dos tres trimestres (cun 15% de desconto).