fbpx

‘Toleamos por (é)Tapas’, lema do XIV Santiago(é)tapas

O concelleiro Sindo Guinarte, Flavia Ramil e Thor Rodríguez durante a presentación

O concurso de tapas celebrarase do 27 de outubro ao 13 de novembro, e aqueles locais de hostalaría que queiran participar poderán inscribirse a partir do próximo 2 de setembro a través da páxina web santiagoetapas.gal.

O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, e o presidente da Asociación Hostalaría Compostela, Thor Rodríguez, presentaron en rolda de prensa algunhas das novidades que se están a preparar para o XIV Santiago(é)Tapas, o concurso de tapas de Santiago, que se celebrará este outono.

‘Toleamos por (é)Tapas’ é o lema desta edición, que adianta uns días o seu inicio con respecto a outros anos co fin de evitar a súa coincidencia coas ceas de Nadal nos locais de hostalaría da cidade. Así, o concurso que promove Turismo de Santiago e organiza Hostalaría Compostela comezará xa o xoves 27 de outubro, e prolongarase ata o 13 de novembro, celebrando a gala de entrega de premios a finais dese mesmo mes.

Segundo apuntou Sindo Guinarte, un dos obxectivos principais desta nova edición de Santiago(é)tapas é “prolongar a forte recuperación turística que está vivindo a cidade neste verán do 2022 tamén durante a primeira quincena do mes de novembro, fomentando así a necesaria desestacionalización da demanda”.

Pola súa banda, Thor Rodríguez sinalou que: “queremos contentar así a moita xente que espera con ansia a celebración deste Santiago(é)Tapas, sobre todo despois de ter que cancelar a edición do 2020 e de que no 2021 aínda tiveramos moitas restricións por mor da pandemia da covid-19, como foi o feito de non poder usar as barras”.

Tamén se adiantará o período de inscrición para facilitar que poidan anotarse o maior número posible de locais. Os establecementos de hostalaría interesados en participar disporán desde o 2 ata o 20 de setembro para poder facelo. Tanto as bases do concurso como a folla de inscrición estarán á súa disposición na páxina web santiagoetapas.gal

Nas mesmas datas que o XIV Santiago(é)Tapas, celebrarase a terceira edición do Santiago(é)Cóctel, concurso de cócteles que organiza a Asociación Hostalaría Compostela. A cota de inscrición para os locais que queiran participar no certame de cócteles será gratuíta para aqueles que se inscriban tamén no concurso de tapas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.