Os bares en Santiago, Ames e Teo, abertos só en terraza e ata as 18:00 horas
A Xunta de Galicia decidiu endurecer as restricións en Santiago, Ames e Teo, que pasan a nivel extremo e, polo tanto, os locais de hostalaría deberán pechar ás 18:00 horas, non estará permitido o consumo no interior, e as terrazas só poderán funcionar co 50% do aforo e cun máximo de catro persoas por mesa.
Os últimos datos da situación epidemiolóxica de Compostela, cunha incidencia acumulada de 292 casos por cada 100.000 habitantes a 14 días, preocupa moito no Sergas, sobre todo, porque levan tres semanas de subida.
Esta mañá, antes de coñecerse a decisión do Subcomité Clínico, o alcalde da cidade sinalaba en rolda de prensa que os casos previsiblemente seguirán crecendo, alomenos, ata mediados de mes. Sánchez Bugallo destacou que estas cifras indican que o peche só de Santiago durante as festas de Nadal non foi operativo e tivo un resultado moi duro para o comercio. Esta circunstancia, sumada ao peso do turismo, ten como consecuencia, remarcou, que Compostela sexa “unha das cidades de Galicia que máis está a sufrir as consecuencias da pandemia”.
Hostalaría Compostela valora mobilizacións
A Asociación Hostalaría Compostela sinalou a través dunha nota de prensa que estas novas medidas chegan nun momento crítico para o sector, cunha diminución dos ingresos dun 80% e cunha alta porcentaxe das axudas sen cobrar. A entidade considera absolutamente desproporcionadas estas medidas, cando a incidencia acumulada en Santiago coincide coa media española e cando só se toman contra a hostalaría, mentres que no resto de sectores a mobilidade segue sendo a mesma.
A Asociación entende que o incremento dos positivos durante as festas de nadal non é responsabilidade do sector. No pasado decembro os bares e restaurantes non acolleron nin festas nin ceas de empresas e sufriron unha diminución dos ingresos dun 80% con respecto ao mesmo mes do ano anterior. Nese período si que houbo unha mobilidade específica noutros ámbitos, tal e como informou o conselleiro de Sanidade en rolda de prensa, como festas privadas, onde non hai ningún tipo de medidas de seguridade nin hixiene.
Así mesmo, a entidade compostelá denuncia a improvisación do Goberno galego na posta en marcha destas medidas, das cales non saben nin cando entran en vigor, sen dar marxe de adaptación a elas, co prexuízo que iso supón para os negocios hostaleiros.
Hostalaría Compostela lembra que o sector leva meses reclamando un rescate que permita salvar a pequenas e medianas empresas e, polo tanto, os miles de postos de traballo que dependen delas, pero as súas reclamacións non obtiveron unha resposta satisfactoria nin por parte do Goberno galego nin por parte do Goberno central. A entidade valora iniciar mobilizacións para tratar de buscar unha fórmula acordada que permita desenvolver a súa actividade e que trace a medio prazo unha estabilidade no conxunto do sector.