Actividades culturais, campañas de sensibilización e debates, no programa Compostela Diversa
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; a concelleira de Políticas de Igualdade e de Acción Cultural, Mercedes Rosón; e o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, presentaron o programa Compostela Diversa, que ten como obxectivo facer de Compostela un referente para as persoas LGTBI, un colectivo que precisa de accións globais e inclusivas que o axuden a avanzar na consecución dos seus dereitos, a visibilidade e a normalización da vida cotiá.
É a primeira edición desde programa transversal, que inclúe xornadas de reflexión e debate, programación cultural, iluminación coas cores LGTBI, e accións de sensibilización a través do sector comercial e a hostelaría. Unha campaña de dinamización e sensibilización na cidade que, dun xeito amable e próximo, axudará a acadar o obxectivo de normalizar a realidade LGTBI. “É moi importante”, sinalou o alcalde, “que nos impliquemos todos”. Uns cen establecementos, recordou, xa se inscribiron na campaña: 48 comercios, 34 bares e restaurantes, e 18 aloxamentos hoteleiros. Sánchez Bugallo, igual que Mercedes Rosón, agradeceu a implicación dos colectivos que participan en “Compostela Diversa”, entre elas, Amizando, Avante, Asociación Nós Mesmas, e Arelas.
A concelleira de Políticas de Igualdade, Mercedes Rosón, recordou que o “día 28 de xuño reivindícase e celébrase cada ano o orgullo LGBTI+, lembrándonos a necesidade de defender con firmeza cada día o respecto á dignidade de todas as persoas e o recoñecemento da enorme riqueza humana expresada na diversidade sexual e de xénero”.
Por iso, engadiu, desde Políticas de Igualdade, traballouse conxunta e transversalmente con distintos departamentos do Concello, para ofrecer unha programación compacta, reivindicativa, informativa e de visibilización da importancia da diversidade na construción da nosa sociedade. “Queremos que Compostela se vista coas cores de Compostela Diversa para, deste xeito, mostrar que Santiago é unha cidade aberta, e que o noso tecido empresarial implícase co colectivo LGTBI con respecto, empatía amabilidade e pluralidade, porque Santiago é unha cidade ambable, acolledora e diversa”.
Entre as accións programadas polos departamentos de Políticas de Igualdade e Acción Cultural, están:
23 de xuño. 18:30 h. Conferencia na Casa Xohana Torres, coa Asociación Nós Mesmas, baixo o títuolo “Educar(se) na diversidade”.
26 de xuño. 11:30 h. Proxección, no CGAC, do documental “Persoas S.A”, de Carmen PG Granxeiro. A continuación terá lugar unha mesa redonda coa participación de Laura Bughallo, Daniela Fernádnez, Enrique Latorre, Cristina Palacios, Carmen PG Granxeiro e Brais Papiri. Pola tarde, 18:00 h. no parque de Bonaval, desenvolverase un programa lúdico, artístico e poético a cargo de Paraíso Canto, A Rabela e Adaolado.
27 de xuño. 11:00 h. O Teatro Principal acollera “Historia e memoria da disidencia sexual en Galicia (1880-1980)”, de Daniela Fernández. ÁS 20:00 h., tamén no Teatro Principal, “Fransy, Davide e Cibrán”. Presentación a cargo das Fillas Bravas.
28 de xuño, ás 13:00 h, terá lugar a lectura dun manifesto no Palco da Música da Alameda.
As accións programadas a través dos departamentos de Comercio e de Turismo explicounas o concelleiro Sindo Guinarte. Destacou que “Santiago é historicamente unha cidade de acollida para todos e todas, máis alá da procedencia, das crenzas relixiosas ou da orientación sexual; unha Cidade Patrimonio da Humanidade, é dicir, é un patrimonio colectivo que calquera persoa ten o dereito a desfrutar sendo tratada dun xeito tranquilo, seguro e amable”. Por outra banda, engadiu, “queremos que Santiago continúe evolucionando como destino turístico, sendo cada vez máis amplo e diverso. Neste sentido, pensamos que Compostela Diversa é un programa excelente para dirixirnos aos turistas do colectivo LGTBI, destacando o carácter respectuoso e acolledor da nosa cidade.”
A continuación debullou as accións que se desenvolverán entre o 24 de xuño e o 11 de xullo.
A primeira é a colaboración na difusión do programa Compostela Diversa nos comercios, bares, restaurantes e aloxamentos do municipio, co obxectivo de implicar e sensibilizar ao sector turístico cara o obxectivo de normalizar a situación do colectivo LGTBI tamén neste sector. A participación é gratuíta para todos os comercios bares, restaurantes e aloxamentos participantes. Hai cen establecementos inscritos. Cada un deles recibirá: dous mandís, un cartel, 50 postais (comercios e aloxamentos turísticos), 50 pousavasos e 500 manteis individuais (bares e restaurantes)
A segunda acción é a iluminación e decoración de espazos públicos da cidade, tales como a fachada do Teatro Principal, sede central do evento, e diversos puntos do parque da Alameda, como o Palco da Música (no que se lerá o manifesto), a escultura das Marías (iconas elas mesmas da diversidade), ou o fotoxénico “Eucalipto dos namorados”, a entrada principal da Alameda por Porta Faxeira e a entrada no cruce do banco redondo coa Fonte de San Clemente. Con esta intervención, sinlou Sindo Guinarte, “que empregará a imaxe de Compostela Diversa, queremos que a cidade sirva de marco fotográfico para o programa”.