fbpx

Luz Casal actuará coa Real Filharmonía de Galicia o 21 de xullo no Obradoiro

A artista Luz Casal actuará o vindeiro mes de xullo acompañada pola Real Filharmonía de Galicia no marco da programación cultural impulsada pola Xunta de Galicia con motivo do Xacobeo 21-22. Así o anunciaron, acompañados pola artista, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, quenes precisaron que o concerto terá lugar o mércores día 21 na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela e será retransmitido vía streaming.  

No acto de presentación, o responsable de Cultura salientou que a colaboración de Luz Casal coa Real Filharmonía de Galicia suporá “un salto de calidade na oferta do Ano Santo ofrecendo un espectáculo único do que poderán desfrutar tanto os galegos e visitantes como aqueles que estean na súa casa grazas ás novas tecnoloxías”. Do mesmo xeito, celebrou que a boa evolución sanitaria permita dar novos pasos na reactivación cultural e salientou que para Galicia “é un orgullo contar con embaixadores como Luz Casal para afianzar a imaxe da nosa Comunidade como unha referencia no sector cultural”.

“Luz Casal é unha das voces máis destacadas do panorama musical galego, unha profesional cunha sólida traxectoria que é recoñecida en todo o mundo”, afirmou Román Rodríguez antes de referirse á cantante como “un exemplo dunha artista que sabe renovarse e reinventarse para dar o mellor de si mesma continuamente”.

Nesta ocasión, a cantante de Boimorto estará acompañada por máis de medio centenar de músicos que ofrecerán unha actuación que permitirá que, tanto os presentes como os que sigan o concerto desde internet, viaxen a través da súa voz desfrutando dunha “oportunidade única para vivir á cultura e agradecerlle en persoa a Luz Casal todo o que leva feito por Galicia e pola nosa música desde o inicio da súa carreira”.

Pola súa banda, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, salientou que tanto con este concerto, como co resto da programación, “estamos a espallar a celebración deste excepcional Ano Santo dobre por todo o territorio, apoiando ao sector cultural tan duramente golpeado pola crise, e facéndoo con sentidiño e da man dos profesionais do sector”. 

Reactivación do sector cultural

O concerto, que forma parte da colaboración entre a Consellería de Cultura e Turismo de Galicia, empezará ás 21:30 horas da noite. Os asistentes de desexen asistir poden adquirir as entradas desde o luns 21 de xuño por un prezo de 19€, máis gastos de xestión, no portal web enterticket.com.

Cómpre destacar que a actuación realizarase seguindo os protocolos de seguridade sanitaria deseñados polo Goberno galego en colaboración cos profesionais do sector e en función da normativa sanitaria vixente, no que se refire  á limitación da permanencia de grupos de persoas en espazos públicos ou privados. Ademais, durante a celebración destes eventos deberán manterse medidas de seguridade como a distancia interpersoal, hixiene de mans e uso de máscara.