CompostelaCulturaNovas

‘Shakespeare en Roma’, do Centro Dramático Galego, chega ao Pazo de Fonseca ata abril

Presentación de ‘Shakespeare en Roma’ no Salón Nobre do Pazo de Fonseca.

O Centro Dramático Galego estrea este xoves día 9 en Santiago de Compostela Shakespeare en Roma, que en palabras do conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, supón “un gran desafío artístico e de produción para dar conta da madurez e solvencia da compañía teatral da Xunta”. O espectáculo ofrece un achegamento inédito e singular ás catro pezas que o gran dramaturgo inglés ambientou no Imperio Romano (Coriolano, Xulio César, Antonio e Cleopatra e Tito Andrónico), condensadas en pouco máis de dúas horas a partir de catro olladas dramatúrxicas diferentes e levadas a escena por outros tantos equipos de dirección cun mesmo elenco de oito intérpretes.

Román Rodríguez fixo fincapé nas particularidades da nova produción da compañía pública galega durante a presentación celebrada hoxe no Salón Nobre do Pazo de Fonseca, que ata o 2 de abril se transforma en escenario teatral para acoller as 39 funcións da montaxe. Neste sentido, agradeceulle publicamente ao reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, a colaboración institucional que posibilita a utilización deste emblemático espazo para os ensaios e as representacións de Shakespeare en Roma, así como o desenvolvemento de diferentes accións de divulgación cultural arredor desta proposta para o alumnado universitario.

O conselleiro e o reitor estiveron acompañados neste acto polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, e o e o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, así como por unha nutrida representación do equipo artístico e técnico do espectáculo. En nome del, tomaron a palabra o director portugués Rui Madeira, á fronte da peza Coriolano; María Barcala e Xúlio Lago, de Xulio César; Sara Rey, de Antonio e Cleopatra, e Quico Cadaval, de Tito Andrónico, así como Sheyla Fariña, en representación do elenco do que tamén forman parte Xurxo Cortázar, Cris Iglesias, Rebeca Montero, Marcos Orsi, Fran Peleteiro, Santi Romay e Toni Salgado.

Oito intérpretes para 47 personaxes

Estes oito intérpretes poñen en escena os 47 personaxes desta proposta, desenvolvida a partir das dramaturxias creadas ex profeso polo autor ucraíno Volodymyr Snegurchenko para Coriolano e as galegas Ana Carreira para Xulio César, Ana Abad de Larriva para Antonio e Cleopatra e Lorena Conde para Tito Andrónico.

Pola súa banda, o dúo Saturna asina o deseño de vestiario; Xosé Lois Romero, o espazo sonoro, e Juanjo Amado, a iluminación, mentres que Keka Losada e José Díaz encárganse respectivamente da asistencia de dirección e de produción.

Coa elección dun espazo non convencional para Shakespeare en Roma, o Centro Dramático Galego enfronta un importante reto artístico e técnico para imbuír o público no ambiente e o espírito dos orixinais asinados polo británico. Desenvolveuse con tal fin unha posta en escena de proximidade, na que os espectadores se disporán nas cadeiras do Salón Nobre a modo de Senado romano. Ademais, o Pazo de Fonseca contribuirá a trasladalos ao tempo histórico no que se escribiron e se estrearon por vez primeira estas obras.

Coa guerra de Ucraína como pano de fondo, a montaxe do Centro Dramático Galego conecta o presente, o período isabelino e a Roma clásica para propoñer unha reflexión sobre a recorrencia dos conflitos bélicos, a violencia e a loita polo poder. Estes tres factores guían o destino dos personaxes de Shakespeare en Roma, co foco posto nalgúns dos secundarios presentes nos catro textos.

Revisión dos clásicos

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou este regreso da compañía teatral da Xunta ao universo do bardo de Stratford-upon-Avon, a partir do que ten levado a escena algúns dos seus espectáculos máis celebrados e lembrados, como Soño dunha noite de verán, Ricardo III ou Noite de Reis. “O Centro Dramático Galego sempre busca novos e innovadores retos, pero ás veces o máis innovador é precisamente revisar os clásicos desde una nova perspectiva”, sinalou.

Así mesmo, enmarcou esta proposta no programa de producións propias que o Centro Dramático Galego desenvolve xunto a outra serie de accións nesta temporada 2022-2023 e dentro da que Recortes, caneos e outras formas de driblar acaba de pechar a súa xira galega cun gran éxito de público. Ademais, trabállase xa na primeira adaptación desde o teatro profesional da peza de Xohana Torres Un hotel de primeira sobre o río cara á súa estrea esta primavera.

Mobilidade e inclusión

Con Shakespeare en Roma, a compañía pública continúa avanzando tamén na mobilidade, a través da posta a disposición de transporte a Santiago desde distintos concellos galegos co programa #Sobeaobusdoteatro, ao tempo que na inclusión como liñas básicas de servizo público. Así, en Fonseca manteranse as funcións descontraídas dos mércores, nas que as representacións lévanse a cabo nunha atmosfera máis relaxada do habitual para facilitar a asistencia ao teatro e a comodidade de persoas con déficit de atención, espectro autista ou deficiencias intelectuais ou sensoriais.

As entradas para o novo espectáculo do Centro Dramático Galego, todas elas programadas ás 19,00 h., poden adquirise por adiantado na web www.entradasataquilla.com a un prezo de 10 euros, sobre o que se aplican os descontos habituais, e de 6 euros para os domingos, día do espectador. Instalarase, ademais, un despacho de billetes no Pazo de Fonseca, que abrirá ao público unha hora antes do comezo das representacións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.