fbpx
A CoruñaCompostelaCulturaNovas

Así serán as festas de Entroido na Coruña e Compostela

Presentación do Entroido na Coruña.

As festas do Entroido comezarán na Coruña xa este venres, 10 de febreiro. En Compostela haberá que esperar un pouco máis, ata o sábado día 18.

A Coruña

A alcaldesa coruñesa, Inés Rey, presentou  a programación das actividades previstas, que se estenderán ata o día 25 de febreiro. Serán, en total, dez días de festexos “nos que renderemos homenaxe á identidade do Entroido coruñés, lembrando a persoas que fixeron moito por promover esta festa na cidade”.

As actividades específicas de Entroido darán comezo este sábado 11, co concurso de comparsas na modalidade de música e letra que se celebrará no Palexco, a partir das 18.00 horas. A comparsa gañadora será a encargada de interpretar dúas cancións, en directo, no acto de entronización do Deus Momo, o venres 17.

O día 16, Xoves de Comadres, ás 20.00 horas, terá lugar un acto de homenaxe a Isabel Zendal, cunha ofrenda floral na estatua situada nos terreos do antigo Hospital de la Caridad, fronte ao IES Zalaeta. Posteriormente, e a partir das 21.00 horas, darase continuidade a esta homenaxe na estatua dedicada á Real Expedición no Paseo Marítimo, unha iniciativa coa que o Concello se suma á conmemoración do 220º aniversario da Real Expedición Filantrópica da Vacina. A rolda de homenaxes no contexto do Entroido seguirá o venres 17. Este ano, o Concello lembrará as figuras de Antonio Santiago Álvarez ‘Nito’ e o seu neto, Antón de Santiago, falecido en xullo de 2022, aos 77 anos. Ese mesmo día, e a partir das 21.00 horas, terá lugar o acto de entronización do Deus Momo na contorna do Obelisco.

O sábado 18, a partir das 17.30 horas, a rúa de San Andrés acollerá o concurso de comparsas na modalidade de vestiario, coreografía e orixinalidade. Case 1.200 persoas formarán parte da comitiva de participantes. Ademais das agrupacións coruñesas tomarán parte máis comparsas de Cambre, Oleiros, A Laracha, Arteixo, Culleredo e Tomiño. Ademais, tamén na rúa de San Andrés, celebrarase o concurso de carrozas, con 14 agrupacións inscritas que buscarán sumarse ao palmarés histórico de carrozas gañadoras. A fin da festa do sábado 18 terá lugar a partir das 21.30 horas, na praza de María Pita, co concerto de Sidonie, seguido polo Velorio da Sardiña no Circo de Artesáns da rúa de San Andrés, xa ás 23.15 horas.

As derradeiras actividades do Entroido terán lugar entre o mércores 22 e o sábado 25, último día da programación. Concretamente o mércores 22, desde as 20.30 horas, celebrarase o tradicional desfile do Enterro da Sardiña ata a praia de San Amaro, onde terá lugar a desentronización do Deus Momo. O percorrido do desfile iniciarase no Circo de Artesáns, pasando pola praza de María Pita, o Campo da Leña e a rúa da Torre, antes da queima do Deus Momo en San Amaro. Por último, e xa o sábado 25, terá lugar a ruada de comparsas que, desde as 13.00 horas, percorrerá o Cantón Pequeno, con encontro na praza de María Pita (13.30 horas) e saída cara a praza de Azcárraga.

O Entroido tamén chegará as rúas da Coruña en forma de concertos, con asistencia de balde. O venres 18, o Ágora acolle o concerto ‘Unha banda de Entroido’, coa Banda Municipal de Música acompañada por Paula Carballeira como narradora. Ese mesmo venres 18, e desde as 21.30 horas, actuará Sidonie na praza de María Pita, e xa o luns 20, tamén en María Pita, será o turno de The Txandals (21.00 horas) e Mojinos Escozíos (23.00 horas). O Martes de Entroido, día 21, e no contexto dos concursos infantís de disfraces, actuarán Los Mecánicos no Campo da Leña (17.00 horas).

Presentación do Entroido en Compostela.

Compostela

O concelleiro de Festas de Santiago, Sindo Guinarte, deu conta a da programación do Entroido, que neste 2023 recupera o tradicional desfile de disfraces o martes 21 no que se premiarán as mellores parellas, grupos, comparsas ou carrozas. Na rolda tamén estivo a concelleira de Centros Socioculturais, Mercedes Rosón, que explicou a programación específica para estas festas na rede de centros do Concello.

O Entroido arranca en Compostela o sábado 18 de febreiro co tradicional desfile do Meco, que partirá ás 20.00 h da praza do Obradoiro e que irá acompañado polos Conformistas de Conxo, A Ruliña de Laraño e Os Armatroulas de Laraño ata quedar instalado no Pazo de Bendaña. Dende alí escoitará, ao igual que todos os composteláns e compostelás que se acheguen ata a praza do Toural, o pregón de inicio das festas a cargo de Talía Teatro.

Antes, pola mañá, poderase ir abrindo boca cos obradoiros para os máis pequenos no Espazo Apego (11.00 h e 12.30 h) ou coa animación a cargo da Asociación Folclórica Colexiata do Sar que levará a música e os cantares de Entroido da comarca de Santiago polas rúas da cidade entre as 18.30 e as 20.00 horas.

O domingo 19 haberá animación de rúa dende as 10.30 horas coa comparsa Os Conformistas de Conxo e cos Entroidos de Vilariño de Conso e Santiago de Arriba (Chantada). Pola tarde tomará o relevo a comparsa A Ruliña de Laraño acomapañada pola charanga Europa.

A cita central da xornada será o Festival Infantil de Disfraces que, como é habitual, se celebrará na Sala Capitol e no que poderá participar calquera neno ou nena menor de 14 anos, con entrada libre e inscrición previa (entre as 16.30 h e as 17.45 h). Haberá baile, sorteo de agasallos e concurso de disfraces en tres categorías: individual, parella ou grupo. Os premios son doados por El Corte Inglés.

Os nenos e nenas serán tamén os protagonistas das propostas programadas para o luns 20 de febreiro. No CSC Maruxa e Coralia haberá obradoiros de máscaras divertidas entre as 10.00 e as 14.00 horas, con reserva de prazas no propio centro. Pola tarde tamén haberá pasarrúas coa charanga Bicoia e os Armatroulas de Laraño, dende a praza Roxa ata a rúa de San Pedro.

O día grande do Entroido, o martes 21, arrincará co obradoiro de caretas peliqueiras que se celebrará no CSC Maruxa e Coralia de 10.00 a 14.00 horas.

Xa pola tarde, terá lugar o agardado desfile de Entroido, tras tres anos sen el por mor da pandemia, que partirá da avenida de Ferrol ás 17.30 horas e que percorrerá as rúas Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, República do Salvador, Hórreo, Senra e avenida de Xoán Carlos I. Ao remate do percorrido, os participantes concentraranse na Sala Capitol, onde a partir das 20:00 horas terá lugar a presentación do espectáculo Entroidanzas, con Pesdelán, e, posteriormente, a entrega dos premios do desfile.

No desfile do Martes de Entroido vanse repartir preto de 16.000 euros en premios en seis categorías: carrozas, comparsas, grupos, mellor parella, mellor disfrace individual e mellor comparsa de parroquias ou barrios do Concello de Santiago.

Xa ao día seguinte, o mércores 22 de febreiro, Santiago despedirá o Entroido coa Queima do Meco na praza Roxa, despois do seu desfile dende a praza do Toural pola rúa Nova, rúa do Vilar, Senra, Doutor Teixeiro e República do Salvador. Todas as persoas que o desexen que deberán vestir rigoroso loito para a ocasión.

A programación en Compostela complétase co Entroido tradicional dos Xenerais da Ulla que o sábado 25 protagonizará o desfile das Xeneraliñas da Semente ás 12.00 h dende Santa Clara e con remate na praza de Cervantes, onde ser poderán escoitar os tradicionais vivas e atranques. Tamén haberá ocasión de vivilos nas parroquias de Marrozos (sábado 11), Angrois (domingo 12), Aríns (sábado 18) e O Eixo (domingo 19). Neles está inspirado o cartel deste ano, obra do deseñador Álex Rozados.

O propio día 25 de febreiro aínda se poderá desfrutar da festa cos Entroidos rurais en Compostela de 18.00 h a 19.30 h e co Entroido de Conxo (durante todo o día), organizado pola Coordinadora de Festas Tradicionais do barrio.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.