Bares e restaurantes prolongarán o seu horario desde esta fin de semana
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou esta mañá novas medidas que se porán en marcha esta fin de semana, coincidindo coa fin do estado de alarma. Entre outras cousas, avanzou que Galicia deixará de estar pechada perimetralmente, aínda que se reforzará o rexistro de viaxeiros, ao que deben anotarse aquelas persoas que chegan á nosa terra desde zonas de alta incidencia. Tamén rematará o toque de queda (excepto nos concellos que se atopen en risco extremo) e se ampliará o horario de bares -que poderán pechar ás 23:00 horas– e restaurantes -abertos ata a 01:00. Estes últimos deberán seguir funcionando con cita previa, rexistro de clientes e medidores de CO2 da calidade do aire.
A hostalaría permanecerá pechada nos concellos en nivel máximo de restricións; funcionará só coas terrazas ao 50% nos de nivel alto; co 30% no interior e 50% no exterior nos de nivel medio; e co 50% en interior e 75% en exterior nos de nivel medio-baixo (no que se atopa actualmente Santiago).
Boas novas para o sector
A Asociación Hostalaría Compostela emitiu un comunicado no que celebra as novas normas indicando que é unha “moi boa noticia que pouco a pouco o sector poida ir volvendo á normalidade”. Iso si, advirten que esperan que as decisións sexan firmes: “O que sería terrible sería dar pasos atrás. Moitos negocios están nunha situación límite despois de máis dun ano de pandemia e non o soportarían”.
A entidade recorda que aínda son moitos os hoteis e pensións de Santiago e a súa comarca que continúan pechados agardando por unha melloría da situación, negocios que se verán beneficiados polo cese do peche perimetral da comunidade. Por outra banda, a entidade valora que cafeterías e bares que tamén serven pratos combinados ou racións poidan ter a posibilidade de estar abertos durante o horario de ceas, pois se consideraba un agravio comparativo en relación aos restaurantes.