fbpx

Crusat e Costas: AMODIÑO 2016

Practicando o slow drinking (para nós: beber sen présas)

Por Lorena Costas @lorena_costas

Ola, Pincheir@s! Neste número imos falar dun viño excepcional e dunha persoa, o seu elaborador, que, nun momento determinado da súa vida, pensou que nunca era tarde para cambiar de camiño.

Falamos de Eladio Piñeiro, que ao mellor, así de pronto, non vos soa; pero se vos digo que foi o fundador de Mar de Frades xunto con Carmen, a súa muller, alá polo 1983, agora si vos soa, non?

Mais chegou un momento no que se sentiu un tanto afastado do seu proxecto: Mar de Frades estábase convertendo nunha adega demasiado grande e industrial, algo moi distinto ao soño de Eladio, obsesionado por facer viños persoais e reflectores do terroir. Foi aínda en Mar de Frades cando naceu a primeira botella de vidro azul do mercado español empregada para algo alimentario, que se presentou na colleita do 91.

No ano 2003, a causa da grave enfermidade da súa muller, Eladio reflexionou sobre moitas cousas: vende a marca comercial Mar de Frades e comeza a preguntarse sobre cuestións tan importantes como o medio ambiente e o trato que lle damos, a globalización e os seus efectos etc. Foi no 2006 cando retomou o proxecto da adega familiar “Frore de Carme”, identificándose con conceptos como a singularidade e autenticidade, a fidelidade á paisaxe, afastándose de facer viños sempre iguais e comerciais.

Como el mesmo di, quere elaborar viños que conten unha historia, que emocionen, levar a alma da terra ao viño, por iso practica unha agricultura sostible e, dende hai uns anos, elabora tamén baixo os preceptos da biodinámica. Así, os seus viños dan un xiro: albariños moi varietais e, sobre todo, moi lonxevos, con elaboracións moi longas no tempo. É o caso de Frore do Carme, primeiro albariño que saíu ao mercado con catro anos de crianza. Seguramente tamén coñezades o seu Envidia Cochina, outro albariño fantástico, elaborado como antigamente. Tamén foi pioneiro na implantación da etiqueta termosensible, que cambia de cor cando o viño está no seu momento óptimo de consumo.

O viño de hoxe, Amodiño 2016, está elaborado con lías de tres colleitas diferentes, unha técnica da que vos falará Cru. Para min resalta a súa profundidade e estrutura; parece que ten crianza en madeira , pero non, todo é froito de ese traballo coas lías que fan del un viño untuoso, longo, sápido e que invita a beber e gozar del sen máis compañía que a de un mesmo sentado fronte ao mar. Non deixedes pasar a ocasión de probar esta marabilla. Ah, e a ver se sodes capaces de ver que é o que cambia de cor na etiqueta termosensible! 😉

Un exemplo do terroir de Eladio Piñeiro

Por José Crusat @choumimx

Imos esta vez cun viño moi persoal, un viño no que o elaborador toma decisións e aposta, afastándose da liña normativa, desa famosa tipicidade que produce aburrimento, xa que fai todos os viños iguais. Eladio Piñeiro elabora segundo el cre facendo viños moi persoais onde tamén se reflicta a terra onde crecen as uvas. Isto é “terroir” e a mestura das características da variedade, do terreo onde medran as videiras, pero tamén a persoa, e esa comuñón do campo co elaborador.

Así pois este Amodiño 2016 trátase dun albariño con dúas características principais na súa elaboración, a primeira delas é o tempo, non sendo un viño novo do ano, senón un viño maduro e complexo que para a súa elaboración require de tempo. E segundo é o seu especial traballo coas lías (os lévedos mortos trala fermentación). Trátase dun viño no que se traballan as lías de tres anos diferentes. As lías da colleita anterior que xa se utilizaran para elaborar outro viño aportando madurez e notas de crianza, as lías propias da colleita aportando untuosidade, e finalmente, as da seguinte colleita que lle aportan frescura e xuventude. Todo elo confírelle ao viño unha complexidade e presenza que fai que, a maiores de ser para beber, sexa un viño de comer, gastronómico.

E imos catar o viño, pois! Na copa atopamos un viño de cor amarelo pallizo, intenso que se agarra ás paredes da copa indicándonos que ten unha alta densidade. No nariz é salino, con notas de herbas, fiúncho, cítricos, froita branca, mazá e finalmente froitos secos. Tras botarlle un grolo, atopamos un viño untuoso, de acidez equilibrada, persistente, moi boa estrutura e con potencia. Salino con sabores a mazá, limón e pexego outra vez.

En canto á maridaxe imos propoñer dúas opcións ámbalas dúas de peixe de tempada. Propoño peixes potentes, con sabor, que este viño aguanta perfectamente con eles, xa que ten contundencia e estrutura dabondo. Por unha banda, unhas sardiñas asadas á grella de toda a vida con un bo pan de broa. Esas sardiñas de xuntanza cos amigos e familia ao redor do lume. Coma segunda proposta de maridaxe, algo máis de modernez e orientalidade, deixo un carpaccio de bonito de Burela cun aliño de zume de xenxibre (raiar, esperar uns minutos e apertar para sacar o zume), allo raiado, soia, zume de limón ou de yuzu, cebola verde ben picadiña e un chisco de pementa.

 

FICHA TÉCNICA:

Adegueiro: Adega Familiar Eladio Piñeiro

D.O.: Rías Baixas – Subzona Val do Salnés e Ribeira do Ulla

Variedades: Albariño

Grao: 13º

Colleita: 2016

Prezo: En torno aos 22€ na Viñoteca do Mercado

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.