fbpx
CompostelaGastronomíaNovas

Máis de 180 adegas e un túnel do viño con 300 referencias, no I Encontro Revera Vinum

O I Encontro do Viño Galego Revera Vinum celebrarase no Hotel Monumento San Francisco os días 22, 23 e 24 de marzo. O evento, promovido pola Asociación Hostalaría Compostela e organizado por Escenoset, conta co apoio da Xunta de Galicia, a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL) e o Concello de Santiago. Tamén conta co patrocinio de Ponte da Boga e Cervezas 1906 e coa colaboración de Viaqua, Galicia Calidade, Ternera Gallega, o CIFP Compostela, o CPR O Raio Verde e Renfe, como transporte oficial.

O Hotel Monumento San Francisco acolleu a presentación deste Encontro que reunirá por primeira vez en Santiago a todas as Denominacións de Orixe (DO) e Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) do viño galego nun mesmo evento. Na rolda de prensa participaron Marta Fernández, directora de profesionalización de Turismo de Galicia; Sindo Guinarte, concelleiro de Turismo do Concello de Santiago; Thor Rodríguez, presidente da Asociación Hostalaría Compostela; e Guillermo Fernández, delegado comercial de Hijos de Rivera SAU.

Na zona expositiva participarán máis de 180 adegas, presentes en 26 stands organizados por distribuidoras, e un túnel do viño con máis de 300 referencias. Estas actividades estarán abertas ao público, previa retirada de entrada, o martes 22 e o mércores 23 de marzo de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:30 horas e o xoves 24 de marzo de 11:00 a 14:00 horas.

Programa

Ademais da zona expositiva, no Revera Vinum desenvolveranse varias actividades con algúns dos máis prestixiosos sumilleres e viticultores do país.

O Encontro arrincará o martes 22 de marzo coa Selección de augardentes e licores de Galicia para as Distincións Gallaecia 2022 e unha ‘Cata de Viños de Tinalla’ que, dirixida por Alberto Varela, contará coa participación de Iria Otero, José Crusat, Robustiano Fariña, Nacho González e Alfredo Fernandez, así como Fran Gorín, presidente da Asociación Oleira de Buño. A continuación, os enólogos Xurxo Alba, Pablo Vidal e Álvaro Bueno ofrecerán unha ‘Cata de Climas’, dirixida polo xornalista experto en información meteorolóxica Diego Viaño. Haberá tamén unha charla impartida por Viaqua, coincidindo coa celebración do Día Mundial da Auga.  Xa pola tarde, a catadora Pilar Fernández centrará o seu taller na elaboración de cócteles con augardentes e licores de Galicia e Salomé Beiroa e Toni Gerez ofrecerán un taller de cata de queixos con DOP galegas.

O mércores 23 de marzo o sumiller e director da Guía de Viños, Destilados e Bodegas de Galicia, Luis Paadín conducirá unha cata de escumosos galegos. O mesmo día un dos mellores elaboradores de viños blancos en España, Rafael Palacios, dirixirá a cata ‘Un godello de altura’. Pola tarde, o vicepresidente da Asociación de Sumilleres de Galicia Gallaecia, Alejandro Paadín, impartirá un taller de viños IXP galegos. A xornada rematará coa mesa redonda ‘Dez viños e cinco mulleres’ nas que cinco mulleres profesionais do sector catarán os seus dous viños galegos a recomendar. Nesta mesa participarán a xornalista María Campos, a empresaria María Garrido, a sumiller Eva Pizarro, e as formadoras Mercedes González e María Rey.

O xoves 24 de marzo comezará coa mesa de debate ‘Que queremos ser? O futuro do viño en Galicia’. Nela participarán Guillermo Cruz, Eva Pizarro, Alberto Nanclares, Ana Méndez, Xosé Lois Sebio, Juan Vázquez e Juan M. González. A continuación, o sumiller Juanjo Figueroa conducirá a cata ‘Variedades esquecidas de Galicia’. O Encontro rematará coa entrega das Distincións Gallaecia de Augardentes e Licores de Galicia 2022.

Ademais, durante as tres xornadas do Revera Vinum, AGACAL organizará unha zona de ‘Experiencias de Calidade’, con degustacións de distintas elaboracións de produtos de DO e IXP galegas. Tamén Galicia Calidade e Ternera Gallega ofrecerán diversas degustacións.

Talleres de tiraxe de Cervezas 1906 e cata de Ponte da Boga

A zona expositiva do Encontro incluirá tamén un espazo dedicado a Cervezas 1906, no que se realizarán talleres de tiraxe de cervexas de Hijos de Rivera. O horario para poder realizar estas formacións gratuítas será o martes 22 e o mércores 23 de marzo de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:30 horas e o xoves 24 de marzo de 11:00 a 14:00 horas.

Ponte da Boga estará presente no Encontro cunha cata especial da man dos seus expertos que se celebrará o martes 23 ás 17:00 horas na Sala Columnas.

Actividades paralelas

Coa finalidade de implicar a toda a cidade e ao sector hostaleiro neste I Encontro do Viño Galego Revera Vinum, organizaranse algunhas actividades paralelas en colaboración co Concello de Santiago. Así, do 18 ao 27 de marzo, desenvolveranse unhas rutas de viño por bares e restaurantes composteláns, premiando o consumo cun sorteo de diversos agasallos.

Aqueles locais interesados en participar poden escribir xa a actividades@reveravinum.gal para recibir a folla de inscrición.

Inscricións e entradas

O programa completo e o prezo das actividades pode consultarse na páxina web reveravinum.gal

As entradas para a zona expositiva e para asistir ás actividades poñeranse á venda nos próximos días a través da mesma web.