fbpx
CompostelaGastronomíaNovas

‘Navalla’ e ‘Queixo’ de ArteSana, gañadoras do XIV Santiago(é)Tapas


A Sala Mozart do Auditorio de Galicia acolleu a gala de entrega de premios do XIV Santiago(é)Tapas e do III Santiago(é)Cóctel, conducida pola xornalista Marga Pazos. Ao acto asistiron, entre outros, o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo; o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte; e outros membros da Corporación municipal, así como o presidente da Asociación Hostalaría Compostela, Thor Rodríguez, e unha nutrida representación da hostalaría compostelá.

Durante as dúas semanas e media que duraron os concursos repartíronse máis de 24.000 tapas e 2700 cócteles. En canto a votos do público, contabilizáronse 14.816 válidos.

As propostas gañadoras foron:

Premio á Mellor Tapa na categoría creativa Santiago(é)Tapas 2022, dotado cunha figura, un diploma e 1.000 euros para ‘Navalla’ de ArteSana. Esta é a tapa que obtivo unha maior puntuación e, polo tanto, representará a Santiago no concurso ‘De tapas por Galicia’, que organiza Turismo de Galicia.

Premio á Mellor Tapa na categoría tradicional Santiago(é)Tapas 2022, dotado cunha figura, un diploma e 1.000 euros para ‘Queixo’ de ArteSana.

Premio á Mellor Tapa maridada con viño Santiago(é)Tapas 2022, dotado cunha figura, un diploma e 500 euros para ‘Polo rubio en ravioli de wonton’ da Bodeguilla de Santa Marta.

Premio á Mellor Tapa maridada con cervexa Santiago(é)Tapas 2022, dotado cunha figura, un diploma e 500 euros para ‘Pan bao asado da feira’ de La Planta.

Premio Tapa do Público na categoría tradicional Santiago(é)Tapas 2022, dotado cunha figura, un diploma e 700 euros para ‘Taco pulled porco’ de Pedra.

Premio Tapa do Público na categoría creativa Santiago(é)Tapas 2022, dotado cunha figura, un diploma e 700 euros para ‘Navalla’ de ArteSana.

Premio á mellor tapa sen glute Santiago(é)Tapas 2022, dotado cun diploma e unha cesta de produtos sen glute para ‘Croquemol’ de Vilar 64.

Primeiro premio Santiago(é)Cóctel 2022, dotado cunha cocteleira, un diploma e 500 euros para ‘Frida Kahlo’ do Pub Atlántico.

– Segundo premio Santiago(é)Cóctel 2022, dotado cunha cocteleira, un diploma e 400 euros para ‘Purple rain’ de O Sendeiro.

– Mellor Gin Tonic Royal Bliss Tradicional, dotado cun diploma e 600 euros para ‘Get back’ de Pub Atlántico.

Mellor Combinado Royal Bliss Vangarda, dotado cun diploma e 600 euros para ‘Frida Kahlo’ de Pub Atlántico.

Ademais destes galardóns, os chefs dos locais que maior puntuación obtiveron no concurso recibiron como agasallo a chaqueta curta oficial de Santiago(é)Tapas. Estes foron: ArteSana Gastrobar, Bar Suso, Bodeguilla de Santa Marta, El Cartel de Mawey, La Planta, Madia Leva, O Sendeiro, Pedra, TS A Casa e Vilar 64.

O XIV Santiago(é)Tapas, o concurso de tapas de Santiago no que participaron 63 petiscos, é un evento promovido por Turismo de Santiago e organizado pola Asociación Hostalería Compostela. O certame volveu a contar un ano máis co apoio de Cervezas Alhambra, en liña coa filosofía da marca que considera o tempo coma un ingrediente esencial á hora de elaborar as cousas que merecen a pena, como a boa gastronomía. Tamén colaboraron nesta edición Cash Record, Banco Sabadell, Utimaq, a Asociación de Celíacos de Galicia, Monbus Obradoiro CAB, SD Compostela, o festival Cineuropa, Can Cat e Renfe.

O III Santiago(é)Cóctel é un concurso organizado pola Asociación Hostalería Compostela, co patrocinio de Cash Record e Royal Bliss, que nesta edición contou con 35 cócteles participantes.

Homenaxe á muller cociñeira

Un dos momentos máis emocionantes da gala foi o da homenaxe que realizou a Asociación Hostalaría Compostela a todas as profesionais do sector na cidade, especialmente aquelas que estaban en activo durante os anos oitenta e noventa cando non obtiñan ningún tipo de recoñecemento. “Son mulleres que pasaban moitas horas, todos os días da semana, nas cociñas dos restaurantes, nuns traballos moi duros, sacando adiante os seus negocios, case sempre na sombra, sen recibir eloxios e moito menos, premios”, sinala o presidente, Thor Rodríguez.

Para representar a este colectivo, a Asociación escolleu a Carmen Iglesias, do restaurante A Charca; Esclavitud Pose Corral, do restaurante Los Caracoles; e Matilde Rodríguez, do restaurante Don Quijote.

Carmen Iglesias (Val do Dubra, 1945) abriu o restaurante A Charca (Rúa do Franco, 32) no ano 1975. Leva á súas costas case 47 anos de traballo e aínda continúa como xubilada en activo.

Esclavitud Pose Corral (Val do Dubra, 1950), máis coñecida como Esclavita, montou o restaurante Los Caracoles (Rúa da Raíña, 25), xunto co seu marido Germán González (xa falecido) no ano 1986.

Matilde Rodríguez (Cangas de Narcea – Asturias, 1950) leva traballando no restaurante Don Quijote (Rúa das Galeras, 20) desde a súa apertura no ano 1979.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.