Fran Gorín, de Obradoiro Gorín: “A nosa base é a tradición de Buño, pero tamén empregamos novas formas e materiais”
Fran Gorín pertence a unha familia de tradición oleira. Xa seu avó traballaba neste oficio no seu Buño natal. No seu obradoiro deseña e crea pezas que respectan a tradición, pero tamén introduce innovacións que teñen chamado a atención de moitos locais de hostalaría e de xigantes como Zara.
Como te iniciaches na artesanía?
Meu avó e meu pai eran oleiros os dous e eu seguín os seus pasos. Aprendín co meu pai e desde que rematei a Secundaria, empecei a traballar con el. Cando fixen 21 anos el enfermou e ao pouco, morreu. Entón collín unha depresión e deixeino. Estiven case 15 anos sen dedicarme a isto. No 2018, a miña compañeira, que sabía que me gustaba moito, animoume para retomar o oficio e aquí sigo.
Que tipo de pezas elaboras e con que técnicas?
A base do Obradoiro Gorín é a tradición de Buño. Empregamos o barro que se extrae no Coto dos Barreiros. Pero cos anos e coa demanda do mercado, fomos evolucionando, respectando esas ensinanzas que recibín do meu pai, pero empregando novas formas, materiais… Facemos, por exemplo, pezas de gres, que son máis resistentes e dan máis xogo cos esmaltes. E cando a clientela o demanda seguimos elaborando como antigamente, con coccións a baixa temperatura.
En setembro de 2022 creaches, xunto con Alfarería Rulo, unha colección de accesorios de baño para Zona Home. Que tal a experiencia?
O contacto con eles foi a través da Mostra de Olería que facemos en Buño todos os anos. Sendo unha multinacional, sempre vas con certo medo, pero a experiencia foi moi boa. Deixáronme traballar libremente dentro do deseño que acordamos. A colección respecta moito a tradición de Buño, empregando barro bizcochado, cuns trazos simples de liñas brancas, como as que se empregaban antes para decorar.
Que relación tes co mundo da restauración?
Actualmente colaboro con locais de aquí da zona de Bergantiños, algo na Coruña, en Pontevedra en distintos furanchos… Teño varios deseños e tamén traballo baixo demanda. Podo dicir que son deseños personalizados, á carta. Sempre, claro, vendo o que se pode ou non se pode facer e dando consellos. Emprego barro de Buño, pero a alta temperatura, porque é máis resistente e menos poroso, máis axeitado para empregar nun restaurante.
Que supón para ti contar coa marca Artesanía de Galicia?
Nós temos a marca Olería de Buño, que está moi ben vista, pero Artesanía de Galicia dálle un pouco máis de valor ao que facemos. É unha marca moi coñecida tanto a nivel estatal como europeo; e iso dá garantía de que realmente son produtos feitos a man, elaborados a pequena escala… Cada peza supón moitísimo máis traballo do que a xente se imaxina. Non é como o pan, facelo e levalo ao forno. En olaría as pezas teñen que secar, retocalas, esmaltalas… Antes de chegar ás túas mans, pasa polas mans do artesán ao mellor cinco, seis, sete ou ata oito veces.
Onde podemos mercar as túas pezas?
Fago venda directa no meu obradoiro na rúa Santa Catalina, 72 (Buño). Tamén na web obradoirogorin.com e nas redes sociais Facebook e Instagram como @obradoirogorin