666rpmCompostelaCultura

Nicho Varullo. Urbi et orbi

Por César Varela de Plástico Elástico 

Corría o ano 1991 na cidade de Santiago de Compostela. Eu estudaba aquilo que lle chamaban E.X.B. no Colexio La Salle. Estudar, o que era estudar, a verdade, non estudaba un carallo. Tiven que repetir tres cursos para poder quitar o Graduado Escolar. Con 17 anos empecei a facer o meu primeiro programa de radio en Radio Medellín (Seminario Maior – San Martiño Pinario) latando a clase os venres pola tarde. Comecei pinchando e falando de clásicos do Rock & Roll, pero unha mañá escapei do colexio (algo que estaba totalmente prohibido estudando E.X.B.) e fun dar unha volta polas rúas de Compostela. Metinme en El Pilar Grandes Almacenes a remexer na colección de casetes e despois de pasar un bo anaco e dar varios voltas polo establecemento, continuei o meu camiño sen rumbo rúa abaixo. Aos poucos metros atopei unha tenda que, a verdade non lembro o seu nome. No escaparate exhibían secadores de pelo, aparatos de radio, televisións e demais familia electrodoméstica. Botei un ollo e decidinme a entrar. Á esquerda atopei unha pequena sección na que vendían discos de vinilo e despois de darlle un repasiño, caeu nas miñas mans un que me chamou realmente a atención. Era algo infrecuente. Un disco con portada de cartón un tanto grosa de cor marrón clariño, como as caixas de cartón onde che meten as pizzas ou dun paquete de correos. Abrino e contiña unha folla interior (un folio en branco e negro) na que un tal Rudolph Abel (Director Xeral de Spectra), que ademais mostraba o seu careto no panfleto, falaba dun xeito un tanto estraño. Despois de darlle varias voltas e convencerme o produto, quíxeno mercar, pero non tiña pasta e pouco a pouco fun xuntando o que os meus pais me daban para pillarme un bocadillo no recreo e aforrar os cartos dos billetes para baixar de San Lázaro a San Roque no bus 6. Ao final logrei xuntar os cartos. Coido que custaba mil duascentas pesetas, máis ou menos, e pillei o disco. Cando cheguei a casa, metín o artefacto no meu primeiro reprodutor de vinilo marca Schneider, que me mercara Miña Nai en El Círculo de Lectores e de súpeto dixen: “Pero isto que carallo é?”. Era un mini-lp con 7 cortes, que minutos máis tarde e despois de darlle varias voltas e ir cambiando de canción, decateime que non soaba a 33 rpm, senón a 45 e entón, así de súpeto, todo cambiou. Soaba a unha mestura entre rock e punk (poderíase chamar Post Punk) con textos en castelán e un en galego, con certo aire poético ‘rarote’. Algo que me entrou á primeira de cambio. E entón dixen: “Isto é o que quero que soe en A Parte de Atrásh, o meu programa de radio”. E así foi!

A partir de aí, a miña perspectiva de ver a música mudou ao 100%. Empecei a programar discos de bandas desta estirpe e maquetas de grupos da cidade, que pouco a pouco fun coñecendo nos emblemáticos tugurios da cidade que ofrecían música en directo naqueles anos.

Pouco máis tarde puiden ver en directo a Nicho Varullo e aquilo foi sinxelamente emocionante e espectacular. Eles xa se formaran no 1988 en ensaiaban nun local que había en San Paio de Antealtares, no que non se podía sentar un. Tiñan que estar de pé en todo momento e decidiron chamarlle O Nicho. Así que, ante a situación e o barullo que facían, bautizaron ao grupo co nome de Nicho Varullo. Non me vou poñer agora a contarvos como foron os comezos con detemento, xa que me ocuparía varias follas e largaríanme da Pincha, pero co tempo a banda quedaría deste xeito: Pepe Sendón (batería), Fran Pérez (baixo), Antonio Pérez (guitarra) e Carlos Santiago (voz). Gravaron 2 discos como banda de rock, o primeiro o da Caixa de Cartón e o segundo, que nunca veu a luz (De momento! Non podo dar máis datos!), á parte de bandas sonoras para obras teatrais. A banda durou ata o 1996 e deixouse caer por toda a xeografía galega, soaron polo territorio estatal (sobre todo na Cidade Condal) e máis que nada tocaron en Santiago, nas Festas Universitarias das Facultades de Bioloxía, Matemáticas, Químicas, Filosofía… O seu derradeiro bolo foi na Sala Nasa.

O famoso disco de cartão aínda se pode atopar nalgunha tenda de discos de segunda man e na internet (YouTube). Máis info no que será o meu primeiro libro “30 Anos Traficando Cultura Subterránea”, que verá a luz algún día, pero por se acaso a palmo antes, aquí queda unha pequena mostra.

Moitas grazas pola vosa atención! Favores anticipan gracias…

Un comentario en «Nicho Varullo. Urbi et orbi»

  • Xenial artículo, bastante fiel á realidade, a lo menos, a que eu coñezo. Fun eu quen rexistrou ese segundo disco inédito, aparte de outras aventuras, e dou fe da forza creativa que este colectivo posuía.

    Resposta

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.