fbpx
CompostelaCulturaNovas

O Outono Códax Festival arrancará o 28 de novembro con Josele Santiago e The Limboos

The Limboos.

O Festival galego de música negra celebra este 2020 unha edición intermedia cos mellores sons do xénero e coa vista posta na celebración do X aniversario, posposta a 2021. Os concertos estarán dispoñibles en liña despois de celebrárense, o que supón a primeira versión dual do Outono Códax Festival, que se adapta ás circunstancias da actual situación de pandemia.

Josele Santiago actuará con The Limboos. Tito Ramírez, as bandas galegas Ukestra do medio e Sabela King & The Heartbreakers mailas afrocatalás The Sey Sisters completan o apartado musical. Haberá outras actividades paralelas, como a homenaxe ao cantautor Andrés do Barro, sesións djs en “Batallas aos pratos” e catas e gastronomía nos ‘Venres en branco’.

JOSELE SANTIAGO (Madrid) + THE LIMBOOS (Galicia) | 28 novembro (Auditorio de Galicia).

O último sábado de novembro terá lugar o concerto que ofrecerán Josele Santiago e The Limboos que actuarán xuntos tocando os seus temas favoritos dos 50’s e 60’s. Será un dos pratos fortes desta edición. Programada no Auditorio de Galicia, esta actuación é, sen dúbida, un dos eventos a non perder deste Outono 2020.

Josele chega en plena xira do seu novo disco con Los Enemigos, Bestieza, e xa van dez. O seu potente single «Siete mil canciones», último número 1 antes do confinamento, vai camiño de converterse nunha desas cancións especiais que permanecen.

The Limboos continúan a súa imparable traxectoria e regresan a Compostela para regalarnos unha actuación especial. A banda é herdeira da mellor tradición musical dos anos 50. Baía é o seu último traballo, e chega despois do marabilloso Limbootica!.

Josele Santiago.

TITO RAMÍREZ (Madrid) | 5 decembro (NH Collection).

A música volverá sonar en directo, desta vez no hotel NH Collection, da man do «misterioso» Tito Ramírez, alcumado «o Sixto Rodríguez español». No seu día, creuse que o seu primeiro single pertencía a un artista dos 60 que non chegara a publicalo, ata que o enmascarado subiu a un escenario a presentalo.

Tito Ramírez traerá ao Outono Códax o seu primeiro LP. Editado por El Volcán, con licenza de Discos Antifaz, en The Kink of Mambo o autor regálanos una exquisita confluencia de R&B, boogaloo, chachachá e mambo desde unha perspectiva moi persoal que perverte canons e patróns rítmicos.

SABELA KING AND THE HEARTBREAKERS (Galicia) + UKESTRA DO MEDIO (Galicia) | 11 decembro (Teatro Principal).

Este ano o festival inclúe, ademais de The Limbos, outras dúas bandas galegas: Sabela King & The Heartbreakers e Ukestra do Medio, que actuarán o próximo 11 de decembro no Principal.

Sabela King & The Heartbreakers regresan a este festival, ágora co seu primeiro disco de título homónimo baixo o brazo. Nel apostan por combinar composicións propias con versións moi persoais de cancións de Sam Cooke, Johnny Cash e Emily Loizeau. O seu será un directo marcado pola contención e a sutileza, unha viaxe sonora chea de texturas e matices.

A orquestra de ukeleles Ukestra do Medio trae a esta edición o seu primeiro LP, Outras Lérias, gravado no Laboratório Soyuz con Xurxo Pinheiro e Hevi. Despois de sete años de traxectoria desta volta interpretarán temas propios, en galego e con influencias que van do pop máis intimista ao surf, power-pop ou country, tocado con ukeleles, baixo e caixón.

THE SEY SISTERS (Cataluña) | 18 decembro (Mercado da Estrela. Centro Don Bosco).

E a última cita do festival galego de música negra será o 18 de decembro co espectacular trío de voces negras The Sey Sisters, que actuarán no marco do IX Mercado da Estrela, co que o festival inicia unha colaboración que pretende ampliar no futuro coa celebración de actividades conxuntas.

As reivindicativas irmás de ascendencia ghanesa nacidas en Cataluña, ofrecerán ritmos que van do góspel á música africana, pasando polo soul. Os seus cantos están impregnados de emoción e inspirados pola loita contra as inxustizas, a defensa dos dereitos humanos e a esperanza no futuro.

EN PARALELO (EXPO, PRESENTACIÓNS, BATALLAS AOS PRATOS E VENRES BRANCOS)

O festival completará a súa proposta musical con distintas actividades paralelas, como vén sendo xa habitual. Con elas busca manter o vínculo coa cidade de Santiago de Compostela cunha oferta variada que inclúe djs, catas de viño e gastronomía.

A presente edición homenaxerá ademais a Andrés do Barro, cando se fan 50 anos do lanzamento do seu primeiro disco, Me llamo Andrés do Barro Lapique. Catro veces número un de vendas cantando en galego, os logros do mítico cantautor ferrolán nunca fueron superados.

Batallas aos pratos

Manteis solleiros; ceas pinchadas no Flamingo: 21:00 horas
Wanda Buluba vs Manuele Caamagno – Sábado 12 de decembro
FragaBuqui vs BiogoteMix – Sábado 19 decembro

Vermús rockeiros no Riquela Club: 13:00 horas
Brenda Savoy vs Javi Savoy – Sábado 5 de decembro
Anita Cara B vs Alfonsito Bonus Track – Domingo 6 de decembro

Noite efémera no Fuco Lois: 21:30 horas
Miss D’Vil vs DJ Sanma – Sábado 12 de decembro

Presentación da gravación inédita: ‘Andrés do Barro. Su disco perdido’ e do libro ‘Andrés do Barro. Saudade’, con José Ramón Pardo, director de Rama Lama Music, Fernando F. Rego, xornalista musical, e Andrea Lapique, filla de Andrés do Barro. Xoves 10 de decembro no Riquela Club ás 20:00 horas.

Exposición da ilustradora Rebeca Losada en A Reixa-Matrioska ata o 18 de decembro.

Venres en branco. Catas de viño comentadas con maridaxe o xoves 10 de decembro ás 20:00 horas no restaurante A Maceta e o xoves 17 de decembro no restaurante Pim Pam.