fbpx
A CoruñaCompostelaCultura

Así celebrarán o Entroido na Coruña e Compostela

A CORUÑA

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou a programación do Entroido da Coruña, que comeza este sábado coa celebración do concurso de comparsas na modalidade de música e letra, a partir das 18.00 horas, no Centro Sociocultural Ágora, e que estará presentado polo cómico David Amor. No acto, que tivo lugar no Palacio Municipal de María Pita, estivo presente unha representación das asociacións e comparsas da cidade, contando con membros de Pantaleón, Maracos, Monte Alto a 100, Amigos da Xoldra, Kilomberos de Monte Alto e Malandros.

“Como todos os anos, non faltarán os habituais espectáculos e concursos ou a lembranza para os nosos choqueiros ilustres, mais tamén contaremos con actuacións musicais de gran nivel para trasladar a festa á praza de María Pita ou ao Teatro Colón”, sinalou a alcaldesa durante a súa intervención. Serán, en total, dez xornadas de festexos, entre este sábado 3 e o sábado 17.

As principais novidades da programación serán as actuacións musicais de Carlangas y Los Cubatas e Kumpania Algazarra, que terán lugar na praza de María Pita. A formación portuguesa Kumpania Algazarra amenizará a xornada do sábado 10 de febreiro, cando se celebrará o desfile de comparsas e carrozas a partir das 17.30 horas. Dito desfile pasará por San Andrés, A Mariña e rematará en María Pita, onde actuará Kumpania Algazarra ás 17.45 horas e, xa á noite, ás 21.30 horas. Esta banda conta con 20 anos de traxectoria, combinando no seu repertorio estilos como ska, funk ou ritmos latinos.

Por outra banda, Carlangas y Los Cubatas actuarán o luns 12 a partir das 21.00 horas en María Pita. Trátase da nova formación do cantante do grupo compostelán Novedades Carminha, que presentará ‘Bailódromo vol. 1’, o seu novo proxecto discográfico. Antes, o domingo 11, haberá a partir das 12.00 horas no Teatro Colón unha actuación especial da Banda Municipal de Música, baixo o título ‘Unha Banda de Entroido’.

Tal e como anunciou a alcaldesa, este ano o Xoves de Comadres estará dedicado á figura de Ángela Labaca, filántropa coruñesa que fundou a escola que hoxe leva o seu apelido en Juan Flórez. Desde alí sairá a comitiva a partir das 20.00 horas o xoves 8. Rematarán o percorrido na praza de María Pita, como é habitual.

Inés Rey fixo especial fincapé nos actos que se celebrarán o Martes de Entroido, o 13 de febreiro, no que “se manterán as liturxias habituais dun día tan sinalado para coruñeses e coruñesas”. Haberá homenaxes e ofrendas florais a Cantero, Canzobre, Palau e César, ademais da colocación da placa de Choqueira do Ano, que este 2024 recae en Jesusa Cabeza García, ‘Susa’, na rúa de San Xosé a partir das 13.30 horas.

Xa pola tarde, celebraranse os tradicionais concursos infantís de disfraces e choqueiros no Campo da Leña a partir das 17.00 horas. Xa ás 20.00 horas comezará o concurso de choqueiros e choqueiras da rúa da Torre, onde actuarán ao finalizar Los Piñeiros.

De novo, o Circo de Artesáns acollerá durante todas as xornadas de Entroido o velorio da sardiña, ás 23.15 horas cada día. Tamén se proxectará todos os días no propio Circo de Artesáns o documental de Omar Rabuñal ‘Entroido Cascarilleiro: dende Elviña a Monte Alto’, a partir das 22.00 horas.

O Enterro da Sardiña comezará o mércores 14 ás 20.30 horas en San Andrés, rematando, como é tradición, en Santo Amaro. Pechará o Entroido coruñés unha ruada das comparsas do Cantón Pequeno á praza de Azcárraga o sábado 17 ás 13.00 horas. “Serán, en definitiva, dez días de alegría e festexos nos que teremos a oportunidade de gozar como nunca dun Entroido moi noso”, sinalou a alcaldesa.

Festas e obradoiros nos centros cívicos

A programación de actividades de Entroido promovidas polo Concello chegará nos vindeiros días aos Centros Cívicos Municipais (CCM), con obradoiros e festas infantís orientadas ao gozo das crianzas e as súas familias nestas datas festivas. Neste sentido, o Goberno de Inés Rey ten previsto un amplo abano de iniciativas ideadas para nenas e nenos en idade de 4 a 12 anos.

O calendario de Entroido nos CCM da Coruña comezará o venres 9 de febreiro, coas primeiras festas infantís. Terán lugar en horario de tarde, nos centros cívicos da Cidade Vella, Palavea e Elviña (17.30 a 20.30 horas) así como no pavillón polideportivo municipal de Novo Mesoiro (19.00 a 22.00 horas).

Xa o sábado 10, as festas infantís de Entroido chegarán aos centros cívicos de Monte Alto, Monelos e Os Rosales (17.30 a 20.30); o domingo 11, aos centros cívicos dos Mallos e Labañou (16.30 a 19.30) e Eirís (17.30 a 20.30); e o luns 12, aos centros cívicos do Castrillón, Novoboandanza e San Diego (17.30 a 20.30).

A asistencia ás festas será de balde, sendo preciso formalizar inscrición previa no centro cívico de referencia. As entradas adxudicaranse por orde de inscrición ata completar capacidade.

Obradoiros creativos e musicais de Entroido para as crianzas

En paralelo ás festas, os Centros Cívicos Municipais tamén abrirán as súas portas a talleres infantís de Entroido, ideados para a rapazada en idade de 4 a 12 anos. As actividades terán lugar o sábado 10 e o luns 12 de febreiro.

Haberá dúas modalidades de talleres: o primeiro, os obradoiros musicais, e o segundo, os obradoiros creativos, unha proposta lúdica na que as e os pequenos participantes poderán explorar a súa imaxinación e amosar a súa personalidade a través da confección de disfraces orixinais.

‘Mascarada no Castelo’

O Castelo de San Antón tamén súmase ao Antroido coruñés co obradoiro creativo ‘Mascarada no Castelo’, que se celebrará o vindeiro sábado 10 de febreiro e está orientado a nenos e nenas de 6 a 12 anos.

Por medio de xogos participativos, as e os asistentes poderán desenvolver o seu talento creativo coa confección e reinterpretación das máscaras tradicionais do Entroido galego, o que lles permitirá ás pequenas e pequenos coñecer polo miúdo as vestimentas dos peliqueiros, cigarróns e pantallas.

A oferta para o taller é de 20 prazas e a asistencia será de balde, mais será preciso formalizar inscrición previa. Adxudicaranse por orde de reserva, ata completar o máximo de prazas. As solicitudes deberán tramitarse por vía telefónica, ao número 981 189 850 do Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón. Esta liña estará operativa de martes a sábado, en horario de 10.00 a 19.30 horas.

Actividades para a mocidade

Completan a oferta do Entroido do Concello diferentes obradoiros e actividades organizados polo servizo municipal de Mocidade nos espazos do Remanso e Metrosidero. Deste xeito, o Goberno de Inés Rey busca que a oferta destas festas implique a todo o conxunto da cidadanía con iniciativas de ocio saudable para mozos e mozas.

A primeira delas será un obradoiro de maquillaxe para o entroido, que terá lugar os días 3 e 9 de febreiro nas naves de Metrosidero, en horario de 18.00 a 19.30 horas. No Remanso, o martes 6 haberá, de 18.00 a 21.00 horas, un obradoiro de maquillaxe de fantasía para persoas de 12 a 30 anos de idade. Por último, tamén haberá un taller de artesanía para o Entroido, os días 6 e 8, nas naves do Metrosidero.

As inscricións, de balde e ata completar capacidade, pódense formalizar nos propios espazos ou na páxina web de Mocidade do Concello da Coruña.

COMPOSTELA

O Entroido arranca oficialmente en Compostela o sábado 10 de febreiro co tradicional desfile do Meco, que partirá ás 20.00 h da praza de Cervantes e irá acompañado polos Conformistas de Conxo, A Ruliña de Laraño e Os Armatroulas de Laraño ata chegar ao Pazo de Bendaña, onde quedará instalado ata o día 13. Dende o balcón escoitará, ao igual que todos os composteláns e compostelás que se acheguen ata a praza do Toural, o pregón de inicio das festas a cargo do cuarteto De Vacas. Previamente ao desfile do Meco, os Xenerais da Ulla abrirán boca co seus vivas e atranque cos que percorrerán as rúas da cidade entre as 18.30 e as 20.00 horas.

A concelleira de Festas, Pilar Lueiro, destacou a participación da veciñanza de Aríns, Marrozos, Angrois e O Eixo que “grazas á súa implicación fan grande a festa, así como a das entidades locais como Os Conformistas de Conxo, A Ruliña de Laraño, Santa Compaña e Armatroulas de Laraño, Os Bandiños, a comparsa de Maruxas e Coralias e as Xeneraliñas da Semente neste tempo de diversión e entretemento con valores tradicionais propios de Santiago de Compostela”.

Festival infantil de disfraces e animación nas rúas

O domingo 11 haberá animación de rúa dende as 10.30 horas coa comparsa Os Conformistas de Conxo e coa Batucada a cargo do Bloco da escola de Latexo a partir das 13 horas. Pola tarde tomará o relevo a comparsa A Ruliña de Laraño acompañada pola charanga Tíralle do Aire.

A cita central da xornada será o Festival Infantil de Disfraces que, como é habitual, se celebrará na Sala Capitol e no que poderá participar calquera neno ou nena menor de 14 anos, con entrada libre e inscrición previa (entre as 16.30 h e as 17.45 h). Haberá baile, sorteo de agasallos e concurso de disfraces en tres categorías: individual, parella ou grupo. Os premios son doados por El Corte Inglés.

Os nenos e nenas serán tamén os protagonistas da proposta ‘Mascarada Tour’ a cargo de Nauta Teatro e Títeres Alakrán que percorrerán as rúas da cidade histórica de Santiago a partir das 18 horas. Tamén haberá pasarrúas coa charanga Santa Compaña e os Armatroulas de Laraño, dende a praza Roxa ata a rúa de San Pedro, e Os Bandiños acompañados da comparsa de Maruxas e Coralias que partirán do CSC da cidade histórica e rematarán na praza de Cervantes.

Martes de Entroido

O día grande do Entroido, o martes 13, traerá o agardado desfile de Entroido, que partirá da avenida de Ferrol ás 17.30 horas e que percorrerá a rúa de Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, rúa de República do Salvador, rúa do Hórreo, rúa da Senra e avenida de Xoán Carlos I. Ao remate do percorrido, os participantes concentraranse na Sala Capitol, onde a partir das 20 horas terá lugar a actuación dos Bregadiers, e, posteriormente, a entrega dos premios do desfile.

No desfile do Martes de Entroido vanse repartir preto de 14.000 euros en premios en seis categorías: carrozas, comparsas, grupos, mellor parella, mellor disfrace individual e mellor comparsa de parroquias ou barrios do Concello de Santiago.

Xa ao día seguinte, o mércores 14 de febreiro, Santiago despedirá o Entroido coa Queima do Meco na praza Roxa a partir das 21 horas, despois do seu desfile dende a praza do Toural pola rúa Nova, rúa do Vilar, Senra, Doutor Teixeiro e República do Salvador. Todas as persoas que o desexen que deberán vestir rigoroso loito para a ocasión.

Xenerais da Ulla

A programación complétase co Entroido tradicional dos Xenerais da Ulla que o sábado 17 protagonizará o desfile das Xeneraliñas da Semente que sairán ás 12 horas dende Santa Clara e rematarán na praza de Cervantes, onde ser poderán escoitar os tradicionais vivas e atranques. Tamén haberá ocasión de vivilos nas parroquias de Marrozos (sábado 3), Angrois (domingo 4), Aríns (sábado 10) e no Eixo (domingo 11).

O propio día 17 de febreiro aínda se poderá desfrutar da festa cos Entroidos rurais en Compostela a partir das 18 horas e co Entroido de Conxo, cunha ampla programación ao longo de toda a xornada que inclúe pasarrúas, exposición concurso, sesión vermú, xantar e foliada entre outras actividades, con organización a cargo da Coordinadora de Festas Tradicionais do barrio.

Entroido nos Centros Socioculturais

Os Centros Socioculturais de Santiago súmanse á celebración do Entroido compostelán cunha variada oferta de actividades que foron presentadas a semana pasada polo concelleiro de CSC, Xan Duro.

Así, os centros socioculturais participarán un ano máis coa súa propia comparsa no desfile do Martes de Entroido, o 13 de febreiro. Desta vez, a temática elixida para os disfraces que se empezarán a preparar nos centros socioculturais é o “Roubín de Corazóns”, de maneira que os veciños e veciñas que queiran apuntarse convertiránse en ladróns e ladroas que se dedicarán a roubar e a espallar amor. Esta comparsa volverá saír á rúa o sábado 17 de febreiro, para facer un percorrido pola cidade histórica. Ademais, o centro sociocultural de Conxo está a traballar na súa propia comparsa para o desfile do martes de Entroido, coa temática “Marchamos para outro mundo”.

Relacionado coa figura dos Xenerais da Ulla, no centro sociocultural do Castiñeiriño traballarase na preparación dos disfraces dos chamados “Xeneraliños do Casti”, así como nos atranques e nas coplas, para celebrar o carnaval cunha gran festa o venres 16 de febreiro. Será en colaboración coa asociación veciñal, e haberá tamén comparsas e concurso de filloas.

Nas Fontiñas, haberá obradoiros para preparar os disfraces de “Seres máxicos” cos que o centro sociocutural participará na chamada “Festa Rechamangueira” que se celebrará en Área Central o 10 de febreiro; e desde o centro Maruxa e Coralia da cidade histórica vólvese organizar varios obradoiros para prepara os disfraces para a comparsa dedicada ás irmáns Fandiño do luns 12 de febreiro.

Propostas nas redes sociais e obradoiros temáticos

Ademais de participar nas diferentes festas do Entroido, desde a rede de CSC anímase á veciñanza a celebrar o carnaval tamén na casa e a través das redes sociais. Dunha banda, volve a iniciativa de “O Meco manda nas redes”, para que os veciños e veciñas sigan as instrucións que esta personaxe trasladará a través do Facebook e do Instagram dos CSCs entre o 5 e o 13 de febreiro, subindo as súas fotos e etiquetándoas cos cancelos #NoEntroidoPretoDeTi e #CentrosSocioculturaisPretoDeTi. Ademais, do 10 ao 17 de febreiro a cidadanía a compartir as fotos dos seus disfraces libres.

A programación do Entroido nos Centros Socioculturais complétase con diferentes obradoiros relacionados con esta festa. Así, haberá un taller sobre petiscos de Entroido, tanto para persoas adultas como para público familiar. No caso das persoas adultas, será nos locais de Sar, A Gracia, A Rocha, Nemenzo, O Romaño, Cardeal Quiroga, A Trisca e Vite. Os obradoiros de cociña para as familias serán en Marantes, Santa Marta, Fontiñas, Villestro, Maruxa e Coralia, A Peregrina e Pontepedriña. Tamén está previsto un obradoiro de chapeus e colas dos Xenerais da Ulla, dirixido a crianzas desde os 5 ata os 11 anos. Será o 15 de febreiro nos centros socioculturais de Santa Marta e Vite.

Tamén haberá cinco obradoiros de teatro improvisado baixo o título ‘Polo Entroido fai comedia!’, impartidos por Jorge Rey e que se desenvolverán nos centros de Pontepedriña (1 febreiro), Maruxa e Coralia (2 febreiro), Vite (3 febreiro), Santa Marta (6 febreiro), Figueiras (7 febreiro) e Fontiñas (8 febreiro); e o espectáculo de teatro improvisado ‘Unha comedia de Entroido!’ dirixido a un público familiar que se poderá ver no CSC de Conxo o 10 de febreiro, e no Romaño, o 17 de febreiro.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.