fbpx
Crusat & CostasGaliciaGastronomíaJosé CrusatLorena Costas

Crusat e Costas: Nemo 2021

"Nemo elabórase con albariño 100% no fondo da ría de Vigo,
onde se atopa a Illa de San Simón"

Viños do mare

Por Lorena Costas

Ola, Pincheirxs! Ano novo e un novo viño do que falar para non perder o costume! Xa sabedes que gustamos de falar de elaboradores e elaboradoras que nos moven dalgún xeito, ben por ser menos coñecidos, ben por ir un pouco a contracorrente. Nesta ocasión toca falar dun viticultor que reúne todas esas condicións e algunhas máis. A Antonio Portela coñézoo dende hai moitos anos; teño sempre un grato recordo del, desde que me provocan un sorriso, pois é, xunto coa miña querida Marina Cruces, o organizador de A Emoción dos Viños, sen dúbida unha das mellores feiras de viño do noroeste peninsular. Os meu contacto con mundo do viño de xeito lúdico sempre irá acompañado desa feira, sobre todo cando tiña lugar na fermosa vila de Tui. Antonio, que ademais é sumiller, e poeta (hai un tempo tiña un blog chamado “O Viticólogo dos Bagos”), elabora viño na península do Morrazo; unha das miñas paisaxes preferidas na contorna das Rías Baixas.

Comezou alá polo 2016 co seo proxecto, denominado por el mesmo como “proxecto de resistencia viticulturista que pretende embotellar as paisaxes que definen a península do Morrazo”. Atopou neste lugar a identidade que buscaba, onde cultiva Tinta Femia, Loureiro Tinto, Espadeiro Branco e Albariño. A Tinta Femia non se chama así de xeito casual. Crusat contaravos un pouco máis da curiosa e bonita historia de por que ese nome.

Os viños de Antonio falan do mar, falan inequivocamente da paisaxe onde medran e onde se vendiman, contan historias:  areais e enseadas preto do mar deixan a súa pegada na alma oceánica destes viños.

Antonio elabora os seus viños en practicamente todo O Morrazo, onde existe unha IXP, aínda que Portela elabora fóra dela, clasificándoos como “Viños de Praia”, como “Area Brava” de espadeiro branco, “Viños de area do complexo dunar Nerga-Viñó-Barra”, “Viños de Tinta Femia da enseada” de Bueu como o “Namorado” e, finalmente “Viño da Baía de San Simón” de onde provén este Nemo 2021.

Nemo, do que vos falará un pouco máis Crusat, elabórase con albariño 100% no fondo da ría de Vigo, onde se atopa a Illa de San Simón, próxima ás salinas de Ulló. Faise unha maceración pelicular de 12 horas antes do prensado manual. Fermentación e crianza de 12 meses en depósito de inox. máis logo un ano en botella. Un viño lixeiro, salino, profundamente marcado polas súas raíces mareiras... case podemos escoitar a Mendinho cantarlle ás ondas grandes do mar como séculos atrás.

Un viño do Antonio Portela, home de “case todo” o Morrazo

Por Jose Crusat

Imos con Antonio Portela, que para min é o referente dos viños na península do Morrazo, aínda que non está adscrito á IXP da zona. El traballa de xeito independente, buscando a súa interpretación dos lugares e as variedades do territorio, a liberdade de interpretación propia sen normas e obrigas. Esa para min é unha parte moi interesante que aporta esa diferenciación e viños máis persoais.

Coma comentou antes Lorena, Antonio traballa con uvas e parcelas dos catro puntos cardinais da zona do Morrazo, coa loureira ou espadeiro branco na zona de Cangas e Bueu, albariño de Vilaboa mirando cara a baía de San Simón e tinta femia na parroquia de Ardán en Marín. Que por certo, chámase tinta femia porque nas parroquias de Bueu (principalmente en Cela), onde máis está representada esta uva na zona, eran as mulleres as que coidaban das videira mentres os seus compañeiros estaban a navegar polo mundo adiante. Como vedes, ao Portela nada máis que lle queda traballar algunha parcela en Moaña, pero é que nese concello é onde menos vides existen no territorio.

Este Nemo 2021 é un albariño 100% procedente da enseada de San Simón, que macerou toda a noite coas peles da uva antes de ser prensada. O viño ferveu e criouse coas súas lías en depósito de aceiro inoxidable utilizando unicamente levedo natural e un pouco de sulfuroso. Tras varias trasfegas e unha filtración suave, embotellouse para permanecer outro ano máis antes de saír ao mercado recentemente.

Coma notas de cata direi que é un viño moi especial que reflicte as particularidades do elaborador e mailo lugar de procedencia das uvas. Presenta unha cor amarela e reberete verdoso, limpo. Aromas voluminosos de mazá, cítricos e herbas. Na boca é fresco, salino, estruturado e con acidez media,  complexo, mazá madura, pomelo.

Xa na cousa da papatoria, e como maridaxe, ou harmonía coma agora algunha xente di, propóñovos dúas opcións ámbalas dúas con produto local da enseada de San Simón, e ademais nos que o viño forma parte da elaboración. Por unha banda imos cuns chocos en tinta ao estilo de Redondela e, pola outra, como non, tamén produto local, unhas ostras, pero neste caso cun aliño dunha emulsión de kinchi un chisco do mesmo viño e rematamos con cebolo picado por riba

FICHA DO VIÑO:

Adegueiro:
Antonio Portela
D.O.: Sen D.O.
Variedades:
Albariño
Grao: 12º
Colleita: 2021

Prezo: En torno aos 27

Un comentario en «Crusat e Costas: Nemo 2021»