fbpx
De baresGastronomíaNovas

Os cans tamén elixen o bar

Patio de O Sendeiro. Foto: Iván Barreiro

Cada vez máis son os locais que deciden abrir as súas portas a que sexan as mascotas as que traian aos seus donos a pasar un bo rato! Sabedes aquelo de é o can ao amo ou o amo ao can? Pois definitivamente constatamos que hai peludos que se imitan ben ao seu dono, ata no físico! E moito nos rimos.

Estivemos de conversa con Juan M. Rey Rivas do Rock Café e tamén cos cans que atopamos ese día neste bar do Ensanche compostelán, porque oes fálanche todos, non coma a xente e sabédelo… Río que ata choro!

Por que decidiron aceptar a esta clientela peluda? “Son compañeiros. Aos animaliños quéreselle máis que a moitas persoas. Non é que pasen da porta e que entran saudar! Aquí tivemos cans, gatos, furóns e ata un papagaio! A miña filla máis eu tivémolo claro dende que abrimos en 2014. Non entendemos tampouco a nosa vida sen animais, non somos capaces de vivir sen eles!”, explica Juan.

Juan M. Rey Rivas, no Rock Café. Foto: Iván Barreiro

E pregunto: son amigos vosos os cans e os que veñen cos cans, non? “Son dous amigos. Xa ves como se portan. Ademais, pásanos que aquí veñen cunha persoa, pero pola rúa van con outra e saúdannos!”, responde o hostaleiro.

Pero cal sería a diferenza entre un bar que admite mascotas e outro que non? “Hai xente á que lle molestan os animais. Pero non pasa nada. Moléstanlles que ladren, que se movan… E ti moitas veces sénteste preocupado, porque poidas molestar a outras persoas. Estás máis pendente do que poida facer o animal… O que tratamos aquí é que o animal estea cómodo. Que se mova por todo o bar. É un máis! Realmente hai poucos bares nos que poidas entrar co can. E en Galicia, onde chove oito meses ao ano, estar fóra na terraza co teu can… Hai moi poucos nos que poidas estar no interior! Entón desistes e non vas co can”, sostén.

“Se che molestan os animais… sinceramente o Rock Café non é o teu bar. Pero pasaría o mesmo se non te sentes identificado coa música ou co estilo do local. Se estás incómodo non pasa nada. Non pasa nada! Porque non todos temos que ir a todos os sitios ou aos mesmos lugares. E a algunha xente xa se lle ve, non ten que dicir nada. Aínda que non ven a importancia que ten o teu compañeiro… Non se dan conta, pero cando adoptas un canciño, cámbiache a vida! Acompáñante en todo momento. Terás sempre un abrazo festivo cando chegues á casa. Dá igual que tardes cinco minutos, como se tardas dous días (rimos!) E no bar nótase! Nótase a compañía, o benestar… As caricias que lles damos aos animaliños, a galleta de benvida que é como un suborno (máis risas!). É una cura. Son como a boa música! Unha cura. Que te relaxa ou que che fai sentir brutal. O can comparte as túas doenzas e os teus temores. Vés co can, boa música, tapa para o can, tapa para min”.

O can é como o amo? “Si. E as veces é moi evidente! (Gargalladas) Hai casos nos que o dono fisicamente se parece ao seu can! Temos un cliente que é baixiño, gordiño e engurrado e cando trae ao seu bull dog francés e que é cravado!”. (Morro!)

Sergio e o seu amigo peludo en O Sendeiro. Foto: Iván Barreiro

E o restaurante

Pero os cans non só elixen o bar, senón tamén o restaurante. Sergio Delpont Vázquez, xerente de O Sendeiro, na Rúa do Olvido, cóntanos que podes entrar co teu can no seu local na terraza, no bar e para comer nun comedor reservado.

Por que decidiron aceptar mascotas? “Facémolo porque eu son un amante dos animais, dende pequeno. Tiven tres cans e un gato. A miña muller é veterinaria e aos meus socios tamén lles gustan os animais. Ao ter can xa te das conta do mercado que hai, porque non hai moito a onde ir comer, en especial se buscas xa un certo tipo de local. Esta era unha oportunidade e estamos súper contentos, porque se vende moi ben. Todas as semanas hai alguén, hai familias que veñen xantar co seu can”, conta Sergio.

Pero cre que este tipo de locais medrarán? “Si, malia que en Galicia non hai tanta costume, como si pode haber no Reino Unido, onde está moito máis aceptado e avanzado neste sentido, pero aquí co tempo irá a máis! Aquí ven moita xente de fóra, os que fan o Camiño de Santiago co can… Estamos moi contentos, porque tivo moi boa acollida, moita xente cando vén por primeira vez ou cando lle coincide ver un can, gústalle a idea. Sorprendeume a boa acollida. A verdade é que faríamos todo o local para cans, pero tamén pensamos que pode haber alguén que veña comer e teña algunha alerxia ou que non lle gustan os cans… Así podemos convivir todos. O único no bar, que si que poden estar, pero a quen non lle guste terá que aguantarse e pasar polo seu lado… (Rimos!) É que en Santiago só deixar entrar mascotas na terraza é enganoso, porque isto non é Tenerife, aquí chove. Entón non sería verdade que aceptas animais. Esta decisión deunos unha oportunidade, porque coas poucas opcións que hai na cidade, ves que é un nicho de mercado moi grande, porque se chove xa non tes opcións para comer practicamente”.

E teñen un lugar especial nas nosas vidas estes peludos? “Calquera que ten ou tivo un can ou outro animal sabe que é algo máis que un compañeiro, é un membro máis da familia. Se non o tiveches nunca, pois ao mellor non entendes a importancia que ten para outro”, opina Sergio.

Hoxe moita xente ten mascota. Pasear e poder tomar un café con el nun local ou comer está moi limitado, hai pouca oferta. Pero todos coincidimos en que irá a máis! Para moitos negocios é un mercado por explorar e unha nova oportunidade.

Os vosos cans poden levarvos en Compostela, por exemplo, á terraza do Hotel Costa Vella, á do Café Altamira, á Taberna da Chorima, ao Ratiños Coffee Shop e a comer ao Entre Pedras. Evidentemente tamén tedes que visitar o Rock Café e O Sendeiro.

Dende aquí dígovos que moitas veces xa prefiro os cans á xente! E non podo acabar este escrito sen recomendarvos moito, moitírmo: non merquedes, adoptade! E se vedes a alguén maltratando un animal, denunciade. Cremos firmemente que os animais nos fan mellores persoas.

Graciñas a todos os peludos que nos deixaron facer esta reportaxe e aos seus amiguiños humanos tamén!