Verán 2021… volven os bos tempos dos directos?
Nas pasadas festas da Ascensión, 700 persoas sentadas, con máscara e distancia de seguridade, xuntáronse para gozar no Obradoiro dos principais concertos da súa programación. Unhas semanas antes, o 2 de maio, o grupo Taburete protagonizou a primeira gran actuación en Compostela desde o inicio da pandemia con 500 persoas -a capacidade máxima permitida naquel momento- no Palacio de Congresos. En xullo, se facemos caso ás expectativas do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, o Monte do Gozo podería albergar espectáculos con ata 10.000 espectadores -o que significaría ocupar unha de cada catro prazas das 43.000 das que dispón. O alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo, tamén calcula que a Quintana e o Obradoiro poderían ter un aforo duns 2.000 ou 3.000 asistentes no período estival. Teremos, por tanto, por diante un verán relativamente bo para os espectáculos en directo? Non está tan claro.
Seispés é unha empresa compostelá dedicada á creación de contidos audiovisuais e de produción musical. No seu catálogo, que oscila entre dez e quince artistas de estilos diferentes, atopamos grupos como A banda da Loba, MJ Pérez ou Monoulious DOP. “Nós este verán, por agora, vémolo máis parado que o pasado”, sinalan. “Supoñemos que é porque os programadores agardan que haxa un cambio máis ou menos pronto e prefiren esperar a que se reduzan máis as restricións. E tamén porque, mentres que o ano pasado houbo que tirar por formatos moi limitados e moi controlados polos protocolos da covid-19, e polo tanto, houbo máis espazo para grupos locais ou que non tocan tanto noutras ocasións; este verán parece que hai unha apertura maior e volven a vir bandas máis grandes e de fóra”, explican. “O talento que temos aquí en Galicia é moitísimo pero o problema é que non se lle dá a oportunidade de mostrarse”, subliñan.
O ano de reinventarse
Culturactiva é unha cooperativa de xestión cultural que comezou en Pontevedra no ano 2000 ofrecendo propostas arredor sobre todo do humor e dos espectáculos de rúa, pero sempre cun discurso político detrás. Así naceu o Festiclown, un festival que conseguiu dar un pulo ao circo galego e que, despois de catro anos na cidade do Lérez, pasou por Compostela, Vigo… Desde o 2007, dedícanse tamén á produción de espectáculos musicais e teatrais, cun catálogo moi amplo de artistas (ronda os 80) e con doce persoas traballando desde a súa sede na rúa de Triacastela, en Santiago.
Manuel Roxo, un dos seus socios fundadores, opina que este ano de pandemia foi o de reinventarse. “Houbo unha especie de I+D no que tanto nós como os artistas entendemos que había unha nova realidade e que moitos formatos tiñan que repensarse”, apunta. Así, levaron a cabo moitas das que chamaron ‘producións covid’, ideando formas de seguir chegando ao público como contacontos por teléfono ou ‘Concertos verticais’ (pasarrúas cos espectadores nas fiestras ou balcóns). “Despois tiñamos producións ás que tratabamos de dar unha solución integral. Diciamos: Se non podes ter un espectáculo no teu teatro, creemos unha carpa ou busquemos un espazo aberto cos accesos controlados… E vímonos sendo nós, en primeira persoa, quen controlaba os aforos, quen tomaba os datos para un posible seguimento e rastrexo…”, recorda.
Foron tempos de moitas dúbidas, de afacerse ás máscaras, aos hidroxeles, ás alfombras… e desa dureza de traballar para ter traballo. De desfacer o feito. De campañas como a de #nonnoscanceles, buscando que os programadores adiasen os espectáculos pero non os eliminasen. “Estamos nunha nova realidade que fixo que as propostas que normalmente máis público chaman, formatos que están pensados para grandes audiencias, agora se convertan en propostas ‘problemáticas’ entre comiñas, porque se tes un gran grupo que 50.000 persoas queren ver, para o Concello que programaba unha actividade así e só pode meter 500, é un gran problema. E, sen embargo, houbo bandas e proxectos que sen ter ese nome e esa proxección dixeron, por exemplo, montamos un trío, facemos un repertorio adaptado, e están tendo certo espazo neste contexto”, asegura Manuel.
E nestes momentos, a piques de chegar o verán, en que punto nos atopamos? Hai unha certa esperanza? “Si, se non a houbese apagariamos o chiringuito. Nós cremos moito no que facemos. Estamos nunha cadea, non somos un fin en si mesmo, somos quen pon en contacto un artista cun posible comprador. Facilitamos as cousas. Nese sentido, nesta parte da cadea, nós tratamos de convencer ou facilitar que quen ten que decidir se contrata ou non, dicirlle: podes facelo deste xeito. Mediamos e tratamos de facer que certas cousas poidan ir adiante. A nosa bagaxe, os nosos vinte anos de traballo, coñecer aos programadores… danos esa facilidade”, sentencia. E engade: “O ano pasado podemos dicir que houbo traballo. Puidemos subsistir. E este ano, hai unha situación nova porque hai moita xente vacinada ou en proceso de, o que permite pensar que a situación cada vez vai a mellor. O ritmo é lento pero só podemos ser optimistas. Estase contratando. Aínda que non en todos os ámbitos coma antes. Se eu fose un festival e preguntas como ves a situación: negra, escurísima. Que pasa? Que nós traballamos con festivais pero tamén noutros moitos ámbitos nos que si que hai solucións e sabemos como facelo”.
Entre eses traballos que están movendo desde Culturactiva, Manuel fálanos de ‘Rosalía’, un espectáculo sobre a xuventude de Rosalía de Castro que foi a única peza galega seleccionada en FETEN 2021, a feira de teatro infantil e xuvenil que se celebra en Xixón. Tamén da xira de Guadi Galego, un dos seus buques insignia, que está presentando o seu disco ‘Costuras’; ou do lanzamento dun novo artista, Secho, da Picaraña, que están impulsando desde cero. Ademais, nomea con moita ilusión o proxecto MUMI (Músicas no Minho), unha feira musical entre Galicia e Portugal na que participan varias empresas e que se celebrará en setembro en Tui e Valença. “Para nós vai ser un punto de inflexión porque nos abre o mercado portugués”, sinala.
Música na hostalaría nocturna?
E que pasa cos espectáculos nos locais de hostalaría nocturna? Canto falta para poder gozar de novo dunha actuación en directo pola noite dentro dun bar? Para responder a esta pregunta, primeiro hai que facerse outra. Cando volverá a traballar o sector? Quizais este verán sexa posible.
O 12 de xuño celebrarase unha proba piloto de apertura do ocio nocturno na que participarán seis locais. Só poderán abrir co 50% do aforo no interior e o 75% en exterior e terán que pechar á 1 da madrugada. Ademais, deberá facerse un rexistro de todos os clientes e garantirse unha ventilación axeitada utilizando medidores de CO2.
Un deses establecementos que participarán na proba piloto é o pub Sónar, en Compostela, un local que leva pechado desde o 14 de marzo de 2020, cando se decretou o primeiro estado de alarma. Cunha capacidade de 180 persoas, o 12 de xuño só poderá ter no seu interior a 90. Suso Peón, propietario da sala, espera que esta proba sirva para demostrar que, cumprindo os protocolos, o ocio nocturno é seguro. “Temos que ser responsables e poñer todos da nosa parte”, afirma. Pero cre que sería moito máis efectiva a proba facéndoa noutro horario. “Nós temos costumes moi arraigados. Ás nove da noite non te vas poñer de copas ata a unha da mañá. Sería ao revés. Empezariamos á unha e seguiriamos ata as cinco”, opina.
Antes da pandemia, o Sónar acollía multitude de actuacións en directo, chegando durante moitos anos a organizar o seu propio festival de música, o Santiautor. Pero pese a esta proba piloto, Peón non ten moitas esperanzas en volver a organizalas pronto. “As restricións á hostalaría en Galicia foron das máis restritivas, así que non me aventuro a dicir que poidamos volver neste verán. Teño moitas dúbidas. Vai depender tamén da porcentaxe de vacinación. Necesitamos volver ao noso horario. Se non temos liberdade horaria, é mellor non abrir”. Suso fala de desesperación, dun pesar moi profundo polos locais que están pechando debido a esta situación. “A xente non se pode imaxinar o esforzo que supón ter un local”, comenta. “Sobre todo, preocúpame o que vai pasar dentro dun ano ou dous. Creo que tardaremos en levantarnos e iso pode ser nefasto para o noso sector”, recalca.
O que si que notou é moita clientela desexosa de regresar. “Desde que se soubo que somos un dos locais que participaremos na proba piloto, temos multitude de peticións para vir. A xente ten ganas de vivir, de ser libre para elixir se queres ir para a cama á unha ou ás tres da mañá. Ademais, se estiveramos abertos, o 90% da xente que está de festa na rúa estaría nos locais”, asegura.
Está claro que quedan aínda moitos pasos por dar. Pero estamos no camiño. A luz ao final do túnel empézase a albiscar. Non o estraguemos agora.