Guillermo Moscoso, de Pan da Moa, impartiu o showcooking ‘Pans do Camiño’ en Arzúa
O mestre panadeiro Guillermo Moscoso, de Pan da Moa, liderou este martes o showcooking ‘Pans no Camiño’ no obrador da Efa Piñeiral (Arzúa), na que foi a sexta sesión de “Sabores e Saberes do Camiño”, proxecto liderado pola Federación Efas de Galicia e que forma parte do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia.
‘Pans do Camiño’ é unha aposta pola incorporación de ingredientes locais aos produtos da panadaría, resultando da mesma panificacións innovadoras. “Pans do Camiño xira arredor do quilómetro cero puro e duro, aos recursos e produtos que temos no noso territorio e que entendemos claves como diferenciación da panadería que queremos; sempre e cando a elaboración sexa sincera e honesta coas bases”, afirmou Moscoso.
Nas elaboracións Moscoso fusionou fariñas e ingredientes autóctonos do territorio para dar forma a un amplo abano de propostas; masa nai, coca de améndoa e azúcre, coca de sementes e herbas aromáticas, pan de hamburguesa, roscas, pan de iogur Kalekoi e brioche con Mel Erica Mel.
Sabores e Saberes do Camiño
O programa “Sabores e Saberes do Camiño” ten como finalidade o desenvolvemento das áreas rurais do Camiño de Santiago, a promoción da súa riqueza cultural, natural e humana a través de actividades de difusión da potencialidade gastrocultural nos Concellos de O Pino, Arzúa, Palas e Melide. “Poñer en valor a riqueza gastrocultural dos nosos territorios é un dos obxetivos de Sabores e Saberes do Camiño, pero tamén dar pé á creación de novas propostas e fomentar sinerxias entre produtores, profesionais e público en xeral, tal e como vimos de presenciar hoxe neste showcooking”, comentou a responsable de proxectos da Federación Efas de Galicia, Rocío Agra, quen lembrou que todo o bo facer deste proxecto se verá compilado nun manual.
Yayo Daporta pecha a I edición da Aula Gastronómica Galicia Calidade
Este martes foi tamén a data escollida para rematar a I edición da Aula Gastronómica Galicia Calidade, cunha masterclass dirixida por Yayo Daporta no IES de Foz. Ante unha ducia de alumnos de primeiro curso de Dirección de Cociña, o restaurador pontevedrés elaborou un menú baseado nos principios básicos do seu facer gastronómico: o bo gusto e o sentido común que dan lugar a unha cociña tradicional, innovadora cun toque emocional e da terra.
O xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, destacou que esta acción culmina a rolda iniciada en abril no IES Compostela de presentación e divulgación dos produtos e cociñeiros avalados por Galicia Calidade entre o alumnado dos centros da Comunidade nos que se estuda a rama profesional de Hostalería e Turismo.
“Estamos seguros de que os futuros cociñeiros de Galicia serán quen de levar a nosa marca nos seus proxectos a afianzala aínda máis como referente da excelente gastronomía que se fai en Galicia grazas aos produtos de calidade cos que contamos”, asegurou Alfonso Cabaleiro.
O menú proposto por Yayo Daporta consistiu en fabas de Lourenzá estofadas con cocochas de merluza ao pil-pil, navallas ao natural, canelón de tartar de navalla e pil-pil de pescada de Celeiro. Tamén elaborou este excelente peixe ao vapor acompañado de moluscos e ameixas ao natural; crema de pementos de Herbón e xarda ou xurelo mariñado e asado, espaguete mariño e pan de millo. Finalmente, Yayo Daporta propuxo unha mousse de queixo de Arzúa e marmelada de pementos de Herbón.
As empresas de Galicia Calidade que participaron na acción foron Terras da Mariña, Puerto de Celeiro, Pementos Carmucha, A Pementeira, A Rianxeira, Pazo de Anzuxao e Feiraco.