fbpx

GO!GO!ZO! Xacobeo 21-22 aposta polo talento das bandas emerxentes co ciclo ‘Novas Músicas en Galego’

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe no Pazo de San Roque na presentación da proposta musical Novas Músicas en Galego, que terán o seu espazo no festival Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22 no Monte do Gozo.

Valentín García fixo fincapé “na necesidade de apoiar aos artistas emerxentes da música de actualidade en lingua galega no marco das actuacións do Xacobeo 21-22, no que o galego ten que ser un sinal de identidade, sendo labor da Xunta impulsar e animar este tipo de actuacións”.

Xunto ao secretario xeral tamén interviron Juio Asorey, integrante da organización de Go!Go!Zo! Xacobeo 21- 22, e o director da escola de música A Casa do Rock Adrián Hernández.

En relación ao programa, Julio Asorey quixo dar as grazas no nome da organización á Secretaría Xeral de Política Lingüística polo seu apoio ao festival e explicou que GoGoZo! Xacobeo 21-22 “naceu co obxectivo de dotar dun espazo de seu aos artistas galegos emerxentes”.

Pola súa banda, Adrián Hernández manifestou o seu agradecemento á organización de GoGoZo! Xacobeo 21-22 por “reservar un espazo para a música rock dentro do seu festival por segundo ano consecutivo”, e á Xunta “por continuar apoiando á base formativa que sustenta o futuro da música galega”.

O escenario de Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22 acollerá, entre o sábado 24 e o domingo 25 de setembro (a partir das 17:30h), a actuación de 18 bandas emerxentes procedentes das escolas Rock School de A Coruña e A Casa do Rock de Santiago de Compostela. Cada día participarán un total de 9 bandas, integradas todas elas por mozos e mozas de entre 18 e 25 anos, que subirán ao escenario do Monte do Gozo para achegar ao público as súas propostas en quendas de 25 minutos.

Xa o domingo terá lugar tamén, a partir das 16:00h, unha macro actuación organizada por A Casa do Rock, que reunirá a máis de 500 músicos para tocar en vivo dúas pezas: Terra, de Tanxugueiras (as tres integrantes do grupo foron alumnas da escola) e Forza pra un mundo libre, a versión en galego creada polo centro compostelá do mítico tema de Neil Young Rocking In The Free World.

Música electrónica e unha xornada benéfica para pechar setembro

Máis aló destas actuacións, GoGoZo! Xacobeo 21-22 tamén terá outras dúas datas sinaladas este mes de setembro: un festival de DJs o venres 16, no que participarán catro recoñecidos picadiscos do panorama galego, e a xornada solidaria Día da Irmandade entre a cultura galega e ucraína, que buscará dar a coñecer a cultura do país a través dunha mostra de danza, música e postos de artesanía cuxa recadación irá destinada aos afectados pola guerra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.