fbpx
A CoruñaCulturaDe libros

Nacho Carretero: “Interésanme as sombras do fútbol”

A obra ‘Recortes, caneos e outras formas de driblar’ baséase en textos de Nacho Carretero -aínda inéditos. Foto: Aigi Boga

Nacho Carretero (A Coruña, 1981) é un periodista e escritor coruñés que no 2015 saltou á fama por un libro de investigación que xa é mítico: ‘Fariña’. Nel descubría as vinculacións entre narcotráfico e políticos -revelacións moi incómodas que non gustaron a moitos- e que marcaron unha época en Galicia, cando o “tabaco foi pasado e a fariña, futuro”.

Carretero aterra agora no teatro con ‘Recortes, caneos e outras formas de driblar’, baseada en textos seus -aínda inéditos- sobre o mundo do fútbol. A obra, unha coprodución do Centro Dramático Galego con Ainé Producións, representarase no Teatro Colón os días 26, 27 e 28 de xaneiro.

Falamos con el mentres marcha a coller un helicóptero rumbo a Ceuta para facer outra das súas reportaxes de investigación nos recantos escuros do mundo.

A primeira pregunta é obrigada, gústache o fútbol?

(Risos). Non me gusta no que se converteu. Actualmente é un negocio. Síntome decepcionado. Sen embargo, non hai forma de liberarse do fútbol. Interésanme as súas sombras, non o superficial, que é do que se fala normalmente.

A obra ‘Recortes, caneos e outras formas de driblar’ está baseada en textos teus aínda inéditos. Para cando o libro?

Levo varios anos. É un proceso longo no que quero elixir historias que sexan moi interesantes e representativas. Para iso necesito crer firmemente en cada unha das historias, estar convencido de que son únicas e orixinais, e iso é tempo. De pronto nunha das historias deixas de crer ou non ten a forza que pensabas. Outras de súpeto tórnanse interesantes. É un proceso lento.

Sobre cando sairá o libro? É  unha pregunta da que me gustaría ter resposta. Traballar cunha editorial como Libros del KO ten a vantaxe de que cre nos libros profundamente e deixa liberdade, traballar no libro o tempo que necesites. Non mete presión.

De todas maneiras, a idea é que saia no primeiro trimestre de 2023.

Como viviches o éxito de ‘Fariña’?

Aínda supón un motivo de subidón porque en certa forma cambioume a vida pola repercusión que tivo e o recoñecemento profesional que me trouxo.

Pasaron xa sete anos e vas tomando perspectiva. ‘Fariña’ sírveme  como impulso para afrontar todos os proxectos e seguir cara adiante na procura de historias que teñan interese.

Tocaches temas moi espiñentos como o narcotráfico, o fútbol ou o corredor da morte, que tema che queda?

Eu creo que, na curiosidade como reporteiro cando escribes, un tema lévache a outro. Agora estou escribindo sobre o que está pasando en Marbella co crime organizado. Tamén estamos facendo unha serie coa nosa propia produtora (en colaboración con Arturo Lezcano). Queremos desenvolver series a partires das nosas investigacións xornalísticas.

Gústame escribir do que me gustaría ler.

Como foi coñecer a Pablo Ibar (español condenado a cadea perpetua en EEUU, que estivo no corredor da morte)?

Entrevisteino dúas veces. Foi unha experiencia xornalística e vital moi moi intensa a de coñecer a unha persoa que estaba no corredor da morte, ata que lle conmutaron a pena por cadea perpetua.

Ademais do contexto,  está a posibilidade de falar con alguén que está pechado nun sitio sabendo que ten unha execución pendente.

Centrándonos na Coruña, como ves aquí o xornalismo?

O xornalismo a nivel Coruña e Galicia aínda está tratando de recuperarse da crise de 2008, que afectou a todos os sectores. Tamén tivo unha crise de identidade con Internet, as redes sociais… Ambas crises fixeron moito dano.

Tamén se necesitan cartos para poder facer xornalismo de calidade.  Necesítanse máis cartos para que a xente que se dedica a esta profesión non estea na precariedade e poida desenvolver o seu traballo.

 Afortunadamente, hai iniciativas locais de moita calidade, firmas potentes e reportaxes moi bos.

Que xornalista/escritor galego recomendarías?

Gustaríame facer un tributo a Domingo Villar (falecido neste mesmo 2022) porque me parece dos mellores escritores que tivemos e temos.

En xeral, temos unha gran canteira. Creo que hai moito talento e que en moitas ocasións ese talento marcha de Galicia, emigra. O talento hai que coidalo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.