fbpx
GaliciaNovas

Vía libre para inscribirse na sétima edición dos Premios Martín Códax da Música

Foto: Pixelín

“Recoñecer e facer rendible o potencial da nosa música”. Con esa vontade vén de presentarse a sétima edición dos Premios Martín Códax da Música Galega en palabras de Xiana Lastra, presidenta da Asociación Músicas ao Vivo, entidade organizadora dos mesmos. Novas categorías e novo sistema de votación foron algunhas das novidades que se deron a coñecer na festa de presentación celebrada este xoves na compostelá Sala Sónar cun concerto aberto ao público e a comparecencia de organizadores e patrocinadores dos ditos Premios. Desde o 1 ao 15 de marzo é posible inscribirse de forma libre e gratuíta. 

Os galardóns deste ano “botarán luz” sobre 51 proxectos musicais en activo dos que 17 serán galardonados ademais dos 3 premios á Industria. Así o constataron desde a Asociación de Músicas ao Vivo cun proceso de inscrición que estará aberto do 1 ao 15 de marzo para todos os proxectos musicais galegos e en activo (agás os que foran premiados na edición de 2019). Ademais “non é preciso ser socio/a de Músicas ao vivo para poder presentar candidatura”, indicou Lastra.

Máis categorías e máis poder de decisión para as músicas e músicos
Foron moitos os músicos e músicas entre o público presente na festa organizada na Sala Sónar, que deu unha “moi boa acollida” ao evento, tal e como afirman desde a organización do mesmo. Xusto antes do concerto de Brais Morán, premiado na edición 2018, o primeiro dos cambios anunciados por Xabier Mera, vicepresidente de Músicas ao Vivo, foi o que ten que ver con aumento do número de categorías. Neste sentido, a categoría folk/tradicional desdóbrase, pasando a establecerse unha só para a música folk e outra únicamente para a tradicional. Por outro lado, créase unha nova categoría de bandas de música populares. Un total de 17 categorías musicais ás que, por suposto, hai que engadir os 3 Premios Organistrum para a Industria e o Premio Honorífico Músicas ao Vivo.

Outra novidade importante nestes Premios Martín Códax da Música será o sistema de votacións. Así, invírtese a orde das emisións de voto, facendo a primeira selección un xurado profesional e deixando a decisión final de escoller o proxecto premiado nas mans das socias e socios de Músicas ao Vivo. Con este lixeiro cambio dáselle “moito máis poder de decisión” ás músicas e músicos, xa que “ao fin e ao cabo, delas e deles será a última palabra”, tal e como explican desde Músicas ao Vivo.

Ademais, e co obxectivo de “crear marca”, presentouse o novo e definitivo logo dos Premios, xa que ata o de agora víñase facendo unha modificación en cada edición. Anunciouse igualmente que Víctor Lorenzo seguirá sendo o encargado de realizar as melómanas -unha edición máis coas que se agasalla aos premiados e premiadas. Entre os adiantos dados a coñecer, Xabier Mera, anunciou tamén que a dirección artística desta edición correrá a cargo de Gustavo Dieste e que a gala final da entrega de premios se celebrará o vindeiro día 6 de maio.

Compromiso coa cultura galega
Como vén sendo habitual desde a súa creación, os Premios contan co patrocinio de diversas entidades, tales como Bodegas Martín Códax, Concello de Pontevedra, AGADIC e a Deputación de Pontevedra. En palabras de María Garrido, directora de Márketing das Bodegas Martín Códax, “estes premios son necesarios para reivindicar a calidade artística das producións musicais galegas e conseguiron, ao longo das anteriores edicións, posicionarse á altura dos outros premios culturais do país”. No mesmo sentido pronunciouse a concelleira de Cultura de Pontevedra, Carme Fouces, facendo fincapé “na promoción da cultura, especialmente da galega” ao apoiar o Concello un proxecto deste calibre.

Pola súa banda, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, AGADIC, Jacobo Sutil, deixou testemuño do apoio da Xunta a estes galardóns desde o seu nacemento. Ademais, destacou a “representatividade probada e o peso específico actual” de Músicas ao Vivo, trazos que a lexitiman -engadiu- como unha das interlocutoras principais coa Administración á hora de decidir e de levar a cabo as distintas políticas que inciden na música en directo.

A deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra, Victoria Alonso, felicitou a Músicas ao Vivo polo seu labor ao tempo que agradeceu ás músicas, aos músicos e a todo o sistema musical galego “a súa arte como ben cultural imprescindible”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.