fbpx
CulturaEntrevistasNovas

Madalena Gamalho: “Síntome moi orgullosa porque non é fácil facer un disco autoeditado e partindo da nada”

Madalena Gamalho acaba de lanzar ‘Invento’, o seu primeiro traballo discográfico. Foto: Inferninho

Madalena Gamalho lembra que sempre tivo a necesidade de cantar. Dedicarse á música era unha idea que conviviu con ela dende moi nova. “Pero se cadra estaba un pouco esquecida, nas sombras”, admite.

Foi fai sete anos cando empezou a asistir a aulas de técnica vocal e a cantar en locais e salas con Nota Bene. Despois creou o trío Os Meninos, xunto a Roberto Marqués e Iván Barreiro. Actualmente forma parte da banda Laroá e acaba de publicar o seu primeiro traballo en solitario: ‘Invento’. “Evolucionar, camiñar, aprender. Eses son os meus obxectivos na música. E este disco é un paso máis”, asegura.

 Como te sentes co teu primeiro disco xa por fin na rúa?

Estou moi contenta. Para min é un soño que se fai realidade. Nunca pensei que podía ter a capacidade de facer un proxecto así, desta magnitude, e síntome moi agradecida e orgullosa de ter transitado este camiño, a pesar dos medos e das inseguridades. Porque non é fácil facer un disco autoeditado e partindo da nada.

Que imos atopar nel?

É un disco moi sincero, feito para desfrutar, moi pensado para os directos, que é o que sempre tivemos na mente. E que recolle 10 temas, algunhas cancións son máis emotivas e outras máis enérxicas e reflexivas.  Seis delas son de autoría propia, tres son poemas musicados, e tamén hai unha versión da canción Teresa Torga de José Afonso.

En canto ao estilo musical, fixemos algo moi de acordo ao noso espírito persoal, non queriamos encadrarnos en etiquetas. Por iso aparecen influencias do pop, rock, funk ou de músicas do mundo.

‘Invento’ ten a sorte de ter contado con músicos de grande traxectoria e experiencia aos que lles estou moi agradecida. Iván Barreiro (guitarra eléctrica), Carlos Arévalo (batería), Rafa Morales (baixo), Iria Iglesias (teclados) e Javier Pereiro “GDjazz” (trompeta), Pablo Pacior (frauta traveseira) e Benxamín Otero (óboe).

 Por que ‘Invento’?

O nome de ‘Invento’ foi o escollido entre unha das cancións. Trátase dunha poesía de Pepe Cáccamo, un escritor galego cunha ampla traxectoria, ademais de amigo meu e veciño. El quixo compartir comigo varios dos seus textos para musicar.

 A partir desta palabra, aparece todo un imaxinario que se ven a reflectir no deseño do álbum.

A capa do disco presenta un ser inventado, ficticio, a camiño entre ave e peixe, con elementos mecánicos e sonoros. É unha capa entre antiga e futurista, que resulta nunha simbiose interesante e misteriosa.

Por outra banda, a palabra ‘Invento’, penso tamén que recolle elementos que forman parte da miña personalidade. A capacidade creativa, a imaxinación, o asombro ante todo o que nos arrodea, a infancia.

Celsius Pictor é o artista creador das ilustracións e o deseño do disco é de Inferninho.

Dis que ‘Invento’ é “unha reconciliación co amor e as emocións humanas”. Por que?

Esta idea da reconciliación ten moito que ver co mundo que estamos a vivir. Unha realidade hiperindividualista onde somos cada vez máis desconfiados co que temos en fronte. E é isto mesmo, esta idea o que eu quero desterrar.

En moitas das cancións que escribo sempre está presente a necesidade de convivir cos demais, de falar cos outros, de compartir as nosas vivencias con outros seres humanos, como unha maneira de desconexión ou como un xeito de depurarnos. Penso que isto é moi necesario. E ten moito que ver coa saúde mental, agora que é un tema de grande actualidade.

Cando falo do amor, non se trata de amor romántico, senón mais ben da necesidade de dar e recibir amor das amizades, da familia, da veciña de en fronte, do señor co que falaches no supermercado ou na parada de autobús. Esta confianza depositada nos demais que nos abre camiño a que nos pasen cousas boas.

Digo reconciliación por isto mesmo, porque eu mesma pensaba que era preferible afastarse da sociedade para vivir máis feliz, e agora creo que verdadeiramente do que se trata é de afastarse das mensaxes negativas coas que nos bombardean constantemente.

O produtor musical é o tamén fotógrafo de Pincha, Iván Barreiro. Quen é Iván para ti?

Iván é o meu compañeiro, o meu amigo e unha persoa á que estou moi agradecida, por ter confiado en min para facermos xuntos este proxecto. A nosa é unha relación de confianza mutua e temos moitos aspectos en común. Os dous somos moi perfeccionistas co noso traballo. Dende que o coñezo sempre me sorprendeu a súa capacidade creativa e toda a aprendizaxe musical que alberga. É unha persoa marabillosa e un grande músico.

Como foi o proceso de gravación do disco?

Comezou en época de pandemia, en outubro de 2020. E é por isto mesmo que toda a preprodución é realizada dende as nosas casas. Digamos que durante meses e meses, as ideas que logo se irían materializar en cancións, foron compartidas a través de videoconferencias entre Iván e eu.

A dicir verdade, non sabemos se este proxecto tería nacido de non ser por esta situación. Sei que pode resultar algo sorprendente ou contraditorio, pero realmente tanto Iván como eu contabamos con máis tempo para dedicarlle a este proxecto e puxemos nel toda a nosa enerxía.

As gravacións comezaron en novembro, nos estudios Savik Sound con José Trincado (Triki). A verdade que foi un proceso moi intenso e sempre nolo puxo moi fácil. Neste sentido é de agradecer contar con persoas así, tan involucradas no seu traballo.

Como ves o panorama musical galego tras case dous anos de pandemia? 

A dicir verdade penso que as cousas están a ser moi complicadas. A situación para a cultura nunca foi moi esplendorosa nos anos previos á pandemia, canto menos agora. Pero tal e como din, non hai mal que cen anos dure e eu quero ser optimista, así que espero que todo se vaia recompoñendo pouco a pouco.

 Cando e onde poderemos escoitar ‘Invento’ en directo? 

 Espero que axiña. Agora mesmos estamos cos ensaios, así que é probable que as primeiras presentacións sexan na primavera. Convidámosvos a todos e a todas a acompañarnos e acoller ‘Invento’ como parte das vosas vidas.