fbpx
CulturaDe librosNovas

Carlos Meixide: “Permitinme converter o Camiño no escenario de atentados internacionais”

Carlos Meixide. Foto: Iván Barreiro.

Neste Ano Santo ampliado, resulta refrescante achegarse a unha novela como ‘Camiño de Paixóns’ de Carlos Meixide  (Vilagarcía de Arousa, 1977).

Trátase dunha historia que el mesmo define como “pulp” (acción, erotismo, consumo rápido) e que mestura o Camiño de Santiago coas seitas xaponesas. De feito, gañou o I Premio de Novela Camiño de Santiago.

Entrevistamos ao seu autor nun lugar tan moderno coma el, a tenda de moda para home e muller, Bombarda, en pleno Ensanche compostelán.

Fálanos de ‘Camiño de Paixóns’ e a súa influencia xaponesa.

A novela introduce un acontecemento histórico algo esquecido que é o atentando no metro de Tokio en 1995.

Quería facer unha novela de estilo pulp, de quiosco, de explotación das pulsións máis primarias como a sexualidade e a violencia, un pouco disparatada.

Apareceu a posibilidade de presentarse ao I Premio de Novela Camiño de Santiago e pensei que era unha boa oportunidade para experimentar. Nese tempo souben que acababan de executar ao líder da seita Verdade Suprema, autora do atentado. Isto fíxome revisar a historia do acontecemento. Para vencellar co  Camiño de Santiago, pensei na súa capacidade de concitar a xente de diferentes países que as veces viaxan soas con intencións redentoras, como os personaxes protagonistas de Hiromi e Olalla.

Permitinme o exceso de converter o Camiño no escenario dunha trama de atentados internacionais.

Parece que ten unha certa influencia de Murakami…

Acudín a un par de libros de Murakami nos que investiga sobre os atentados. Un deles, ‘Underground’, recolle testemuñas de vítimas nas que contan as secuelas do atentado e como influíu na súa vida.

Ten outro libro sobre persoas que formaron parte da seita Verdade Suprema, como se viron involucradas na organización e o funcionamento interno da seita.

Como ves o Camiño?

O personaxe de Olalla é o meu alter ego porque ten unha visión sobre o Camiño máis próxima a min. A Olalla, o Camiño parécelle unha trapallada de Fraga que afecta á vida dos composteláns.

Eu sempre tiven unha visión máis escéptica. Para min é un fenómeno masificado, aínda que non nego que poida haber una experiencia fermosa no feito de andar e atoparse cun mesmo.

Nunca fixen o Camiño de Santiago (risos).

‘Camiño de Paixóns’ está editada por Galaxia, pero durante varios anos autoeditaches novelas como ‘Cans’, ‘Ons’, ‘Guitiriz’ e ‘Arousa’. Como é a experiencia da autoedición?

Para min a autoedición non viña tanto porque non atopara outra maneira de publicar os meus textos, senón mais ben da necesidade de reconstruírme a nivel persoal. No momento en que decidín autoeditarme estaba nunha crise persoal e creativa. Quería dedicarme ás cousas que me gustaban como escribir, e para facelo vin que a mellor maneira era a autoedición, de forma que tamén fora dono dos meus traballos e dos meus beneficios. Así conseguín ter unha carreira literaria e unha paralela como editor, ademais dunha nova vida.

A entrevista con Carlos Meixide fixémola en Bombarda, na República do Salvador, 13, Santiago. Foto: Iván Barreiro

Acabas de crear xunto a Berta Dávila a editora ‘Rodolfo e Priscila’. Cal é o espírito da vosa editorial?

A idea é editar libros cun selo determinado, con vocación de permanecer no tempo e construír pouco a pouco un catálogo. Queremos facer libros que nos gusten, que sexan fermosos e interesantes. Non descartamos facer ilustración, ensaio… aparte de novela.

Cal e a orixe do nome?

O nome ten que ver con cousas queridas por nós. Rodolfo é o meu peluche de cando era neno, que tivo un final tráxico porque un día cheguei a casa e xa non estaba. Priscila era unha boneca dunha caixa de música de Berta Dávila.

Cales son os teus plans para 2022?

Teño varias cousas feitas. Levo tempo sen publicar, pero iso non quere dicir que non escribise. Teño unha obra rematada e verei se editamos por conta propia ou con outra editora.