CompostelaGastronomíaNovas

A hostalaría compostelá ofrecerá caldo de gloria durante a Semana de Rosalía

Un total de 114 establecementos de Santiago, do ámbito comercial e da hostalería, participarán nas iniciativas de homenaxe a Rosalía de Castro impulsadas pola Asociación de Veciños Raigame, e nas que colaboran distintas entidades, entre elas o Concello de Santiago. Entre o 21 e o 27 de febreiro, os comercios do Ensanche agasallarán á súa clientela cun marcapáxinas co lema “Rosalía ben merece unha praza” e os nomes dos restaurantes que ofrecen caldo de gloria. E os locais de hostalería distribuirán un pousavasos, co nome dos comercios participantes.

Explicouno Xosé Manuel Durán, presidente da AV Raigame do Ensanche, que aproveitou para pedir que a actual Praza de Vigo, na contorna da cal se localizaba a casa na que naceu a poeta, pase a levar o nome de Rosalía de Castro. Unha petición que, sinalou a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, vaise estudar por parte do Concello.

Na iniciativa presentada hoxe estaban presentes, aparte de Mercedes Rosón e Xosé Manuel Durán; Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro; José Antonio Seijas, presidente de Comercio Punto Compostela; Lois Lópes, de Hostalaría.gal, e Thor Rodríguez, da Asociación Hostalería Compostela.

Todos eles destacaron a colaboración do concello e das distintas entidades implicadas (Asociación de Veciños Raigame, Fundación Rosalía de Castro, Comercio Punto Compostela, Em Rede, Hostalaría.gal e Hostalería Compostela); nunha iniciativa, que sinalaron, ten como obxectivo difundir a figura e o pensamento de Rosalía de Castro.