Manuel Heredia, director xeral de Comercio e Consumo: “Hai que incentivar a remuda xeracional na artesanía galega”
A Fundación Artesanía de Galicia fai neste 2023 vinte anos. Suma xa dúas décadas desenvolvendo programas de asistencia, formación, innovación, catalogación, promoción, comercialización e calquera outro aspecto inherente á cultura dos oficios artesanais na nosa terra. Esta entidade sen ánimo de lucro depende da Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, á fronte da cal está desde novembro do 2020 Manuel Heredia.
Vinte anos xa de Artesanía de Galicia. En que punto está hoxe en día a entidade?
Na actualidade temos rexistrados 3.370 artesáns e artesás. Son 826 obradoiros inscritos que realizan sobre 88 actividades artesanais e dan emprego a máis de 7.800 persoas. O cal é un dato bastante relevante.
Apostamos pola comercialización e estamos traballando para que, tanto con axudas como a nivel expositivo e de comunicación, os proxectos teñan boa visibilidade. É certo que hai artesáns e artesás que teñen un produto excepcional pero non saben vendelo. Desde Artesanía de Galicia axudámoslles, explicámoslles os ámbitos nos que teñen que mellorar… Eu sempre defendo o mesmo: unha vez que comercializas, o teu obxectivo ten que ser a satisfacción do consumidor. Porque se non é así, perdes eses clientes.
Sobre que máis obxectivos estades traballando?
Preocúpanos moito a remuda xeracional e nese sentido, cremos que a formación é moi necesaria. Hai que profesionalizar o sector e mellorar a dixitalización. Por exemplo, é moi difícil plasmar nunha foto un produto artesanal, feito a man, con todas as súas impurezas… porque non son pezas perfectas. Iso é o bonito da artesanía. Son pezas únicas.
A divulgación é tamén outra parte moi importante a través das feiras e encontros que facemos, como ‘Artesanía no prato’ ou ‘Artesanía de Galicia no Courel’. Esta última pon ademais o valor no rural galego, porque hai moitos proxectos que están na Fundación que nacen do rural, conservando procesos tradicionais, pero tamén evolucionando nos tempos actuais. E como dicía antes, hai que incentivar que a xente nova colla esa remuda.
O lucense Santiago Besteiro vén de gañar o Premio Nacional de Artesanía no 2022. A xoieira compostelá Jose Castro fíxoo no 2021; a zoqueira Elena Ferro e a ceramista Paula Ojea, no 2019… Estes premios demostran que a artesanía galega ten un moi bo nivel?
Si, e non só iso. A propia Fundación foi finalista na última edición. Tamén o obradoiro de tornería Vikensen… – Desde a creación destes galardóns no ano 2006, o sector artesán galego ten recibido 13 premios e unha mención especial, ademais de ser finalistas en numerosas ocasións.- Galicia estase convertendo no foco no que miran outras comunidades autónomas. Hoxe podemos dicir con certo orgullo que, tanto a nivel de agroalimentación como de produtos artesanais, somos referencia a nivel nacional. Seguramente haberá moitas cousas que temos que mellorar, pero cada vez temos unha maior relevancia.
E fóra de España?
Cada vez nos teñen máis en conta. Neste 2023 a nivel dixital calquera produto galego pode ter unha canle de comunicación co resto do mundo. E iso é unha oportunidade que temos que aproveitar para poñer en valor o que temos. Hai vinte anos, tirabamos moito do noso, exportabamos a nivel local… pero hoxe en día somos unha gran potencia a nivel de exportación, de materia prima, de produto.
Falando de materia prima, outro selo que depende da Dirección Xeral de Comercio é o de Galicia Calidade, que en decembro celebrou o seu 25 aniversario. Cal é o segredo do seu éxito?
Hai un gran traballo que fan e fixeron os seus xerentes pero eu creo que realmente o seu éxito é grazas ás empresas que apostan polo selo, que o ven como unha oportunidade de distinguir os seus produtos. Cuns criterios que son exixentes. Nas auditorías que facemos de Galicia Calidade hai moitos que quedan fóra.
Nós buscamos esa tripla fusión: produto de Galicia Calidade, talento na cociña con eses grandes restauradores galegos que temos e que para as súas creacións aposten por pezas de Artesanía de Galicia.
Cales son os obxectivos principais da Dirección Xeral de Comercio e Consumo para este ano 2023?
Apostamos por tres eixos principais: comercio de proximidade, dixitalización e sostibilidade. Os orzamentos para 2023 destinan 24 millóns de euros de investimentoneste sentido.
Estamos nunha época complicada para o consumo, con grandes subidas nos prezos. Como vai axudar a Dirección Xeral?
Vimos dun escenario bastante complexo. Saímos da pandemia, no 2021 empezamos a albiscar certa recuperación e logo chegou un ecosistema xeopolítico que non favoreceu nada. Produciuse unha retracción do consumo, empezáronse a incrementar as materias primas, a inflación dos prezos… E polo tanto, a capacidade de gasto da poboación en xeral cada vez se reduce máis.
E con ese contexto puxémonos a traballar. No 2022 lanzamos un paquete de axudas ao sector comercial, con 20 millóns de euros, unha delas foi o Bono Activa Comercio, cunha contía de 5 millóns de euros. Activámolo para cofinanciar as compras no comercio galego. Tiñamos a disposición 30 euros para cada galego e galega e, a partir dun determinado importe, tiñas unha serie de descontos. Foi moi ben recibido polo sector porque lles axudou a paliar esa inflación dalgunha maneira e, por outra parte, serviu para concienciar á xente de que consuma no pequeno comercio.
No 2023 volvemos estar nun escenario de incerteza, pero pase o que pase estamos preparados, con todas as respostas.
Repetirase o Bono Activa Comercio neste ano?
O que temos é que apostar pola especialización do pequeno comercio. E obviamente ten que ser un comercio actualizado ao ano 2023. Ese é o noso labor como Administración. Está moi ben en momentos puntuais establecer programas de dinamización xa o facemos a través das federacións e asociacións de comerciantes destinando 3 millóns e medio de euros para esas campañas, pero no 2023 temos que ir vendo como evoluciona o ano.
Tamén é clave que as entidades locais poñan un ollo no pequeno comercio. Cónstannos que algunha o fai, pero creo que ten que haber un plan estratéxico sobre o tipo de comercio que queren ter para que poidamos traballar todos conxuntamente.