CompostelaEntrevistasGastronomíaNovas

Chicha Lovers, deliciosos bocadillos de chourizo e roxóns que nos transportan aos sabores da aldea

Darío e Graciela, no interior do Chicha Lovers. Foto: Iván Barreiro
Darío e Graciela, no interior do Chicha Lovers. Foto: Iván Barreiro

Se es de Santiago seguro que reparaches algunha vez no quiosco que había na Porta do Camiño, que rexentaba Preciosa e que estaba sempre ás cheas. Hoxe as revistas, xornais e lambetadas mudaron por riquísimos bocadillos de roxóns e chourizos para levar. Estamos en Chicha Lovers.

Detrás deste novo proxecto gastronómico compostelán están Graciela Castro e Darío Capelo.  ‘O auténtico sabor da aldea’ é a frase que os define. “Pretendemos recuperar os sabores tradicionais con dous produtos moi coñecidos como protagonistas, pero dándolles unha volta a través dun formato moi desenfadado e actual”, contan.

No ratiño que pasamos alí facendo esta entrevista moitos curiosos e curiosas pararon diante da porta para albiscar que hai agora aí dentro. “A xente sorpréndese do grande que é, porque como o quiosco estaba tan cheo de cousas!”, conta Grace. Foi buscando un espazo para a súa empresa de comunicación e produción de eventos ONyVÁ como deu con este local en pleno barrio de San Pedro. “Vímolo, chamamos, todo foi moi fluído e aquí estamos”, recorda.

O seu socio en Chicha Lovers, e tamén compañeiro de vida, Darío, hai menos dun ano que puxo en marcha a carnicería ‘A dos Capelo’ no Mercado de Abastos de Santiago. “Eu sempre dixen que non tería un negocio cunha parella... pois mira, nunca digas nunca porque aquí estamos!”, admite Graciela entre risos. “Todo isto xurdiu porque funcionamos moi ben como equipo. Pensamos que se tiñamos un produto marabilloso, como é a carne de ‘A dos Capelo’, que teñen gandería propia, por que non facer algo con el? Tivemos esta idea e namoramos dela desde ao principio. Aos dous días xa estabamos facendo catas de bocadillos na casa!”, explica. “E ademais, así tamén chegamos a máis público, porque na Praza a clientela é maior, e aquí dámoslle acceso a xente máis nova”, engade Darío.

Carta moi galega

O resto de produtores cos que traballan en Chicha Lovers, ademais da carne de ‘A dos Capelo’, son tamén de proximidade: materias primas do Mercado de Abastos, grelos de A Rosaleira, queixos de Queixería Barral e pan de dous dos mellores obradoiros artesanais de Compostela: Pan da Moa e Bulanxerí.

A carta inclúe diferentes propostas con nomes moi galegos: ‘Éche o que hai’, ‘Ai miña naíña!’, ‘Maloserá!’, ‘Arredemo!’, ‘Quedar coma un Pepe’, ‘É ben xeitoso’, ‘Vas caer’, ‘Cajoendiola’...

“Teño unha amiga que chorou, emocionouse moitísimo cando probou o  que chamamos ‘Cheghar e encher’ -que leva roxóns, chourizo e grelos- porque sabe a caldo. Dixo que acababa de transportarse a un domingo na casa da súa avoa”, asegura Graciela mentres nos prepara un ‘Trapalleiro’ con pan brioche de molde, ‘chicharróns’ con coleslaw e queixo San Simón DOP.

Como sobremesas propoñen dous deliciosos clásicos: ‘Pan con chiculate’ e ‘Queixo con membrillo’.

Ademais tamén terán á venda chourizos e roxóns envasados ao baleiro, e outras propostas de empresas galegas como galletas ou mel.

Chicha Lovers polo mundo

“O nome de Chicha Lovers foi unha idea marabillosa que tivo Darío”, confesa Grace. Para representalo elixiron a cara dun simpático porquiño. “Coidamos moito a imaxe porque queremos que estea acorde coa calidade do produto. Como se fose unha hamburguesería pero en formato galego de toda a vida!”, afirma. Por iso, os seus uniformes son as típicas batas de avoa galega. Teñen tamén á venda camisetas e puchos co seu logo.

Traballan, así mesmo, moito a súa presenza en redes sociais, organizando concursos, sorteos e retos a través do seu perfil en instagram @chichalovers.santiago

O obxectivo de Grace e Darío a medio prazo é abrir novos locais noutros municipios. Aínda que por agora, a afortunada será a veciñanza de Santiago, que poderá gozar dos riquísimos bocadillos do Chicha Lovers desde o vindeiro sábado 8 de xuño.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.