A lectura, ese exercicio con recompensa e sen castigo!
O exercicio de ler, unha vez aprendido, convértese nunha acción intuitiva, instantánea, por iso Camilo Franco, director do Festival da Lectura SELIC, cre que é importante recoñecelo, para saber que sucede no noso comportamento cultural: “Hai que facer fincapé na estratexia da lectura; o libro é o obxecto fundamental, pero o importante é que proporciona lectura! O que queremos dende o festival é involucrar a lectores e non lectores neste universo. Demostrarlles que ademais de divertido, é útil nun sentido xenérico, como facer deporte. Deberíamos dedicar trinta minutos diarios á lectura! Ampliarían a nosa capacidade de ter intimidade e comprensión profunda e real do que lemos, estaríamos máis preparados para entender o mundo”.
E para iso está a SELIC, que se celebrará do 7 ao 16 de xuño. Este evento mestura dúas liñas de traballo, reúne a toda a industria editorial ao redor do libro en Compostela, e é un espazo de encontro co público. Unha parte está protagonizada polas propostas das librerías, autoras e autores e editoras e editores de Santiago; e outra parte é unha programación que ten que ver coas liñas principais do mundo literario compostelán, galego e internacional. “O importante no mundo ao redor do libro non é tanto o soporte, como acción de ler. A intención deste festival de lectura é que todo mundo se sinta integrado e chamado a participar. Por iso facemos actividades que devolvan o público a curiosidade de ler e para o público fiel, que xa le, un espazo no que ampliar o seu espazo da lectura”, detalla Camilo.
Este ano hai ao redor de 50 actividades, cunha gran carpa na praza da Quintana, paseos provocados pola lectura e polos libros: o paseo das gárgolas, o paseo das barallas de Santiago, o paseo de Compostela morada, que vai facer Arancha Nogueira; o paseo dos lugares escénicos de Santiago, con Paula Carballeira. Ademais de tres rutas relacionados co espazo criminal. Haberá tamén obradoiros, contacontos, unha liña de atención para os lectores infantís.
Continúa así mesmo o apartado da SELIC criminal, da que o director subliña que “en vista de que en Galicia non había unha proposta clara sobre este xénero, e é o xénero principal que demanda o público galego, xurde a iniciativa, englobando en criminal: policial, detectivesco, novela negra... Aínda que hai matices, pero permite acollelos a todos”. Neste sentido, van celebrar a conmemoración dos 40 anos da publicación de ‘Crimen en Compostela’, unha novela da que sinala “considerase fundacional do xénero negro en Galicia e que ten como protagonista á propia cidade de Santiago”. Mario Regueira fará unha ruta e, ademais do club de lectura ao redor deste libro, farase un encontro con Carlos González Reigosa, autor do mesmo.
Por outra parte, farase unha ruta sobre Roberto Vidal Bolaño que consiste en representar na rúa escenas de ‘Doentes’. Franco explica que “é un percorrido por Santiago dando vida ás escenas do libro, para que a xente poida asistir e facerse á idea de como podía suceder o relato co escenario auténtico, co espazo real. Queremos reivindicar que Bolaño tamén escribiu teatro negro, aínda que non se etiqueta así. Polo tanto hai cine negro, teatro negro, novela negra e cómic negro. Neste sentido Carlos Portela e Miguel Anxo Prado falarannos sobre o cómic criminal e as súas características principais. Tamén hai organizada unha mesa redonda con detectives de ficción, onde novelistas e guionistas de series falarán de como se crean ou inventan os seus detectives”.
Jhon Banville é outro dos reclamos da SELIC. Pero haberá moitos máis autores relacionados con Compostela, como Diego Ameixeiras que presentará o seu novo libro, Rosa Aneiros, Afra Torrado, Celso Fernández Sanmartín... Dúas intervencións relacionadas co 25 de abril de Portugal, cunha actividade entre Teresa Moure a María João Worm, Jon Bilbao, Miguel Barrero, Rosendo Cid, Francisco X. Fernández Naval, Eva Veiga, Manel Cráneo...
Por último o director do SELIC fala das pezas musicais que se gravarán ao inicio da programación, as Miudiño Sessions, ademais da entrega dos premios do ano pasado, volumes que se poñerán á venda durante os días da celebración do festival, e agarda fixar unha data anual do encontro entre os clubs de lectura da Biblioteca Ánxel Casal e a Biblioteca de Braga.
Camilo Franco leva catro anos dirixindo este evento cultural e afirma que hoxe lese máis que nunca! “Outra cousa é se lemos o correcto... (Rimos!). A acción de ler é máis importante agora que en ningún outro momento. Polo tanto, cada vez, temos que estar máis preparados para facelo. Preparar o cerebro para clasificar as mensaxes, diferenciar o verdadeiro do falso. O incremento da lectura como medio de adquisición de información e tal que que resulta necesaria a literatura: para ser máis espelidos! A literatura ensínanos cales son as trampas, os dobres sentidos... É un exercicio que sempre ten recompensa e nunca castigo. Da mesma maneira que adestramos o corpo, a capacidade de percepción mellorámola a través da lectura! Lendo podes aprender moitas cousas que na vida real che costarían algún desgusto. Adquires coñecemento sen sufrir, ten moitas vantaxes”.
Polo tanto, queda por diante un mes de xuño de moita lectura coa SELIC... Así que tede en conta que quen escribe con paixón, pretende que leamos con entrega! Reportaxes de Pincha incluídas!