fbpx
CompostelaCulturaNovasReportaxesSilvia Castiñeiras

Mercado Galego da Creatividade, unha tenda con sentimento

Por Silvia Castiñeiras

O Mercado Galego da Creatividade está na Rúa da Caldeirería, nº36, en Santiago. Foto: Iván Barreiro

Creativas Galegas non é ningún lío de mulleres. Se ben hai unha meirande parte que son creadoras, fai referencia a un conxunto de persoas, de marcas creativas galegas que conflúen neste proxecto. Así o explican á sombra dun camelio de máis douscentos anos, en plena rúa compostelá da Caldeirería, Isabel Pernas, Sandra de Rego e Bea Barril, que se toman un respiro para sentarse a falar dos comezos deste local cheo de encanto no que nos atopamos, o Mercado Galego da Creatividade.

Situado no número 36, foi antigamente un dos comercios máis emblemáticos de Santiago, ‘Magdalena’, convertido dende finais do 2020 en punto de encontro das creacións artesanais de marcas da nosa terra. Este espazo foi soñado e recreado nas mentes de tres persoas que nin sequera se coñecían.

Moito máis que un comercio

“Estou aquí nun lío destes de mulleres”, dicía un home falando por teléfono dentro da tenda alá polos seus inicios. A frase quedou gravada no extenso anecdotario que en pouco tempo leva xa escrito o Mercado Galego da Creatividade, moito máis que un comercio. Estamos ante un espazo para compartir, desfrutar e mercar algo único que leva nas súas formas, na súa textura ou na súa cor, incluso no seu envoltorio ou nas palabras de quen te atende, a paixón e agarimo da persoa que lle deu significado.

Entre os seus postos exquisitamente artellados (que para iso hai no grupo quen se dedica ao interiorismo e decoración) os nosos sentidos poden perderse e deixarse levar por todo tipo de artigos de arte e artesanía, produtos selectos de produtores pequenos que van dende a pintura, á ilustración, o deseño gráfico, a moblería, o téxtil, a xoiaría e a decoración ou servizos como o interiorismo e a fotografía e incluso algo de gastronomía. Case que un infinito de posibilidades (un creativo nunca deixa de crear…).

“Son deseños únicos, edicións limitadas, produto exclusivo” comenta Isabel, que se define como contadora de historias e dou fe, proporcionando toda unha declaración de intencións que non dá lugar a dúbidas de que estamos nun comercio especial. Ademais, “aquí o cento por cento do beneficio vai para o propio creador”, sendo isto un lugar moderno pero estruturado como un mercado tradicional, con cadanseu posto por marca.

A súa filosofía non é vender por vender, é mostrar o valor do artesanal, o traballo que leva, a dedicación que require, os materiais que se elixen ou o enxeño de quen crea unha peza. A súa esencia vai unida tamén ao respecto polos animais, á responsabilidade medioambiental e a unha profunda devoción pola cultura galega.

Isabel (marcas: quenindiola e paripepop), Sandra (marca: amorote) e Bea (marcas: spaciob e O teu gusto), son as promotoras de Creativas Galegas. Foto: Iván Barreiro

Os inicios dun soño común

Bea Barril (Spaciob) e Sandra de Rego (amorote) coñecéronse nun curso de empredemento onde puideron compartir as súas necesidades, que non eran outras que contar cun espazo físico onde poder expoñer os seus produtos e servizos, achegalos ao público e compartir gastos.

Curiosamente, anos antes, a Isabel Pernas (quenindiola) rondáballe na cabeza mentres estudaba Bioloxía algo que nada tiña que ver co seu temario. Pensaba no seu espazo perfecto: unha cafetería -libraría.

Alá polo 2013, cando comeza coas súas marcas, ese proxecto inicial volve á súa mente, desta vez en forma de algo así coma un centro comercial da cultura e da arte.

E, cousas que ten o destino, nun coworking no 2019 Isabel sabe da existencia por casualidade de dúas mozas que están a argallar na súa mesma ilusión como se algunha vez mentres durmía estiveran de paseo entre os seus soños. Son Bea e Sandra, comeza a conexión. “Tardaron un mes en facerme caso e contestarme ao email” (Risas).

Para elas o 2020 será recordado non só pola famosa pandemia, senón polo ano que lles deu o tempo e o guión para elaborar un proxecto que se transformou nunha realidade. Pero non falo de intercambiarse uns emails con ideas, non, deseñaron e redactaron o proxecto con todas as da lei, con todos os plans necesarios ata constituírse en cooperativa.

Non estiveron soas na súa andaina. Antes de abrir o espazo físico que hoxe coñecemos xa eran cen as marcas asociadas. “Vimos que era moita a xente que tiña as mesmas necesidades que nós”.

O Mercado Galego da Creatividade inaugurouse o 5 de decembro de 2020. Nel están na actualidade representadas 40 das 270 marcas que forman xa parte do colectivo de Creativas Galegas.

O que tiñan claro, pola súa vea compostelá, era a situación do seu espazo, Santiago. “Á parte de que é a nosa cidade, tamén pola súa historia, o turismo, estar neste casco vello que aínda fai máis especial o que queremos transmitir… é unha cidade que nos dá confianza, aínda que abarcamos marcas de toda Galicia”, explican.

Iso si, o máis probable é que a tenda de Compostela sexa só o xerme do que está por vir, porque xa hai a quen lle urxe apertura noutras cidades galegas e elas están dispostas a asumir o reto e seguir avanzando pola xeografía da nosa terra e incluso nesas mentes que non paran, e a pesar do esforzo constante, xa agroma a aventura de establecer algún local fóra de Galicia, noutros puntos de España.

No Mercado Galego da Creatividade atopamos moitos produtos coa marca de Artesanía de Galicia. Foto: Iván Barreiro

Un lugar con humanidade

O curioso de entrar neste mercado é percibir varias caras con sorriso de aquí para alá pola tenda que deixan que flúas polo espazo á túa maneira, cos teus xiros e as túas paradas, sen que dirixan o teu camiño, pero facendo dalgunha maneira, case como cousa de meigas, que notes un ambiente de confianza propicio para poñerte de leria en calquera momento.

Non é de estrañar que aquí se repartan apertas case que a diario. “A xente que vén de facer o Camiño chega moi emocionada, escoitámola e acabamos abranzándonos, isto acaba sendo moitas veces unha auténtica explosión de enerxía para todos”.

Cando digo varias caras é que son varias. “As persoas creadoras somos as que atendemos a tenda por quendas, con representación da meirande parte das marcas, e o bonito é que todos e todas temos que saber algo das marcas e produtos dos demais”.

E é que funcionar deste xeito provoca que uns aprendan dos outros facendo notar ese aprecio e sentimento de auténtico compañeirismo. “Ímonos complementando co que sabemos unhas e outras, por exemplo dámoslle moita importancia á estética da tenda e o aspecto que ten non é casualidade, é que contamos con interioristas e decoradoras”. Non fai falta nin dicilo, ollos que ven… que gusto!

Así é que, aínda que agora están de moda as opinións dos clientes vía dixital, o certo é que aquí escóitanse de viva voz certas expresións coas que, digo eu, ten que dar ganas de ir traballar. Un espazo moi humano, un lugar de paz, un espazo con alma, museo da artesanía… son algunhas das marabillosas descricións improvisadas de quen entra pola porta e se deixa levar polos sentidos. “Dende logo que o traballo está recompensado con estas reaccións, compensa moito o esforzo e dedicación cando escoitas o que che di a xente sinceramente. Estámonos convertendo nunha tenda de referencia grazas ao valor que ten agasallar con algo que é de aquí, artesanía galega”.

E o recoñecemento a tan bo facer chega tanto da xente de aquí, que sempre tira a valorar menos o da casa, e dos turistas. “Estamos moi sorprendidas porque as persoas que entran entenden moi ben que é unha tenda colectiva e a xente de aquí valora moito o noso, funciona moito o boca a boca… ademais da boa acollida tamén por parte dos turistas que non deixan de darnos os parabéns por este espazo, din, tan bonito. Sen sequera explicalo a xente sabe onde está e o produto que se vende aquí. Captan o concepto que proxectamos”.

Ai! Imaxinen a unha persoa que vén de percorrer a zona vella dunha cidade cun encanto tan maxistral como é Santiago e aínda é quen de abraiarse coa túa tenda…

Exposición na parte baixa do Mercado Galego da Creatividade. Foto: Iván Barreiro

Actividades complementarias cun “Lío” de fondo

Este local da Caldeirería agocha un lugar máis alá do propio Mercado Galego da Creatividade que podería dicirse que é segredo se non fora porque xa é pouco menos que outro reclamo turístico. Todo o mundo quere baixar ao andar inferior para observar o curioso camelio que medrou facéndose oco cara o ceo encaixado entre os muros que rodean un pequeno patio.

Nesta planta de abaixo Creativas Galegas organiza diversas actividades como obradoiros e exposicións, levando a arte e a artesanía máis alá dunha simple exhibición de produtos e aportando maior valor cultural. Un valor que afianzan con outro tipo de propostas que chaman moito a atención dos viandantes e non é para menos, porque non todos os días se ve nun escaparate a unha persoa creativa facendo iso, creando.

“Os escaparates viventes nos que se traballa en vivo e directo supoñen unha garantía para o produto e axudan a entender o custo dos materiais, do traballo… en definitiva, axudan a entender a artesanía”. Así, a xente acaba preguntando iso de “Está feito aquí?” Nada de made in… E cando non hai xoieiras, carpinteiras… no expositor, atopamos auténticas viaxes temáticas a través das pezas, mesmo podes facer o propio Camiño de obxecto en obxecto.

Alá no fondo, tras baixar as escaleiras e percorrer a zona de actividades complementarias, está o patio no que vive Lío, o camelio. Daquela frase do home que falaba dun “lío de mulleres” quedoulle o nome a esta impoñente árbore que parece pretender ser unha peza artesanal máis, encaixando á perfección con Creativas Galegas.

Celia Pía, compositora, chegou a compoñer unha canción sobre Lío que se transformou na banda sonora que se escoita no Mercado Galego da Creatividade. A min non me digan que todo isto non é ser enxeñoso a rabiar.

Son tantas as historias desta tenda con sentimento que ata unha pomba mensaxeira se meteu un día no seu escaparate. Iso é ou non é unha pura obra de arte?

O camilio situado no patio interior da tenda é xa todo un atractivo turístico. Foto: Iván Barreiro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.