fbpx
EntrevistasGalicia

Cristina Fuentes: “Nos concertos de Alén escoitabamos comentarios machistas do tipo: Para ser mulleres, fadécelo guay”

Por Rebeca Munín

Mayte Vascuas e Cristina Fuentes. Foto: Iván Barreiro
Mayte Vascuas e Cristina Fuentes. Foto: Iván Barreiro

Sendo moi noviñas Mayte Vascuas e Cristina Fuentes formaron o grupo Alén, unha das poucas bandas exclusivamente femininas nos anos 90 en Compostela. O grupo chegou a gravar un dos oito singles que editou o Rock Parrulo no ano 1995. Tratábase dunha iniciativa da xa desaparecida Sala Nasa que contribuíu notablemente á promoción das xoves bandas de pop e rock do momento. Alén desfíxose pronto e cada unha delas seguiu o seu camiño ata que se reencontraron para traballar en dous novos proxectos. Cristina contounos a súa a historia para a reportaxe sobre o Rock & Roll en Santiago que publicamos en #pincha4. Pero tamén podes lela aquí 😉

Cando nace Alén?

Naceu sobre o ano 1993. Eramos Mayte, que empezou cantando unha temporada; Marta, que tocaba a guitarra; Maribel, que tocaba a batería; Yolanda, que tocaba o baixo; e eu, que tocaba outra guitarra. Pero ningunha de nós sabía tocar ben. Eramos rapaciñas indo ao instituto (sorrí), pero pasábamolo moi ben e compartíamos a intención de querer expresarnos coa música.

Que estilo de música tocábades?

Eramos moi punkarras (risos). Un rollo punk-rock. Gustábanos o estilo de bandas como Parálisis Permanenteasí que imaxínate! (ri). Ensaiábamos na Casa Encantada, en Sar. Foi unha sorte porque non tiñamos cartos. Foi unha oportunidade como centro cultural para grupos coma o nosos superboa.

Vivistes algunha situación sexista polo feito de ser nos inicios un grupo só de mulleres?

Si, nos concertos vivimos situacións de machismo. Por exemplo, había moitos tíos que ían ás actuacións a ver se estabamos boas. Eran así os comentarios que escoitabas. Ou tipo: “Para ser mulleres, facédelo guay!”. Había este tipo de actitutes. Incluso unha vez un tocándolle o cú a unha de nós mentras tocabamos. Nós nas nosas letras non eramos moi feministas, eran máis sociais. Apetecíanos facer algo xuntas, pola nosa complicidade, por ter intereses en común… 

E que pasou despois?

Mayte estivo pouco tempo. A min o que máis me gustaba era cantar. Empecei a facelo eu pero  érame moi complicado cantar e tocar a guitarra. Así que buscamos a alguén que cantara, que se chamaba Estela. E a outra guitarra, Marta, quedou embarazada e deixou o grupo. Entón entrou un colega noso, Severino. Fixemos varios concertos moi divertidos en varios lugares, gravamos co single do Rock Parrulo… Pero pouco a pouco empezou a ser moito máis complicado quedar. O grupo desfíxose despois de máis ou menos catro anos por cousas da vida, empezamos a universidade…

Como continuaron as vosas carreiras na música?

Eu estiven facendo coros con algún grupo, tiven algún proxecto que non chegou a nada… Acabei a carreira, púxenme a traballar e dediqueime por completo á bioloxía. Estiven vivindo en Ribeira e cando regresei a Santiago apetecíame retomar a música. Preguntei por un coro, porque cantar foi o que sempre me gustou. A guitarra deixeina totalmente abandonada. Metinme no Coro Sin Nombre. Mayte estivo no grupo Sendeiro de Polillas e despois estivo vivindo fóra, en Madrid, Valencia, León… sempre moi vinculada á musica. Logo regresou a Santiago e tivemos a idea de formar outro grupo. Empezamos a buscar outras rapazas para tocar. Foi complicado pero por fin, fai dous anos, xuntámonos con tres rapaces para unha banda co que nos presentamos a un concurso da Gentalha do Pichel. E o ano pasado xurdiu a oportunidade ademais de facer algo xunto con dúas rapazas, Claudia e Silvia. Empezamos os ensaios o pasado mes de maio. O grupo chámase Trikini. Eu canto, Clara toca o baixo, Silvia toca a batería e Mayte toca a guitarra.

E seguides sendo tan punkarras?

(Risos) Non, o estilo é diferente a Alén. Ten un guiño ao punk pero non é tan salvaxe. Temos só catro versións e facemos improvisacións. Tiñamos pensado algo de garage, nesa onda. Pero estamos verdes. Só ensaiamos. Vai a cousa lenta. Pero é moi divertido e pasámolo moi ben.