Cloaca: “A pandemia foi o golpe definitivo para a escena underground”
Por Javier Pereira Gasamáns

‘Vertido tóxico’ foi o primeiro, e polo de agora o único, longa duración do dúo Cloaca. Pese ao seu título supuxo a entrada de aire fresco na escena coruñesa de rock ´n´ roll. Non tanto pola súa mestura de surf, garaxe e punk, senón polas súas gañas de pasalo ben e de facer gozar ao público. O seus concertos apóianse en temas curtos e directos, que ofrecen unhas melodías infecciosas mentres amosan un son coidado, afastado das toneladas de fuzz e reverb que adoitan empregar outras bandas do xénero. Capítulo aparte merecen as súas letras, capaces de arrincar un sorriso e non precisamente de vergoña allea. Todos estes elementos fan de Cloaca unha banda perfecta para botar uns bailes, para esquecer o aborrecido que temos o traballo e para lembrar por que seguimos a confiar na forza revitalizadora do rock. Coñecemos un pouco máis a Cloaca da man do seu batería, Rata Ray, e do seu guitarrista e cantante, Bento Carroña.
Por que montar un dúo cando semella que hai sobre saturación de dúos tocando rock?
(Ray) Non pensamos en ser un dúo. Arrincamos nolos dous e nunca houbo o pensamento de completar a banda con máis membros. (Bento) E ademais son todo vantaxes. Non hai discusión posíbel e tampouco hai o típico grupo de Whatsapp. E para xirar todo é moito máis cómodo. Máis típico son os formatos de banda en trío ou cuarteto. (Ray) Si que é certo que cada vez hai máis dúos. Penso que é por mor da pandemia. Buscas unha formación para dar bolos máis pequenos e sen o problema de xuntar moita xente. (Bento) Non buscamos un baixista. Se aparece é porque aparece a persoa indicada, como se aparece o amor da túa vida.
Como é o voso proceso creativo? Tedes unha fórmula infalíbel para compoñer temas?
(Bento) Ás veces levo eu cousas preparadas ao local e outras cousas comezamos nolos dous a esbardallar no local de ensaio e aparece un tema. Logo probamos como funcionan as cancións en directo. Moitas veces as cancións desbótanse despois dun bolo. Hai moito material que queda apartado. Gústanos probar se o tema flúe, se nos custa moito sacalo para diante, deixámolo de lado. Guiámonos polas nosas sensacións, que moitas veces coincide coas do público. As letras seguen unha mesma liña; é unha especie de análise da realidade dende o punto de vista da merda e da inmundicia que somos todos nos (risas). (Ray) Eu ‘flipo’ moitas veces que no local temos un tema e a letra vai saíndo natural, hai que pulila, pero a letra esta aí.
Aparentemente sodes unha banda de garaxe, pero hai moito máis, non si?
(Ray) A intención de partida foi facer unha banda de garaxe, pero non unha banda de garaxe ao uso. Tentar facer unha amalgama coas cousas que nos gustan. (Bento) O concepto é máis complicado do que parece. Nese sentido buscamos unha produción e un son influenciado polos oitenta. O son foise atopando pouco a pouco. (Ray) O plan ao principio foi meter fuzz a tope, pero ao ser unha soa guitarra, aquelo non funcionaba. (Bento) Queríamos encher o escenario con noso son, pero se só metiamos ruído a cousa non arrincaba.
Como vedes a situación para as bandas agora que a pandemia quedou atrás?
(Bento) Quedou todo un pouco morto. Pecharon moitos sitios para tocar. Moita xente que se dedicaba a isto deixouno de lado. Aínda que hai a idea de que a cousa está volvendo a funcionar, o certo é que eu penso que non. E ao mellor non volve a ser o que era. (Ray) A nivel underground a cousa quedou morto. Pensaba que ía haber unha explosión, sobre todo para nós, para bandas pequenas. Hai cousas moi grandes, grandes festivais que están saturando todo, pero a nivel amateur non funciona. Nós estamos tocando moito, pero por cada bolo que sae, hai dez que non se chegan a facer. (Bento) Hai xente que ten que recuperar moitos cartos e non están dispostos a facer experimentos. E tampouco se toman riscos cos cartos públicos. E isto mesmo vale para a música e para calquera manifestación artística.
Hai posibilidades de montar unha escena?
(Ray) Non hai escena. Iso quedou roto. Xa viña rota antes da pandemia, que foi o golpe definitivo. Creo que as cousas van rexurdir, pero ao mellor a nós non nos colle. Para nós é unha sorte ver nos nosos bolos un grupiño de xente nova que teñen interese polo rock ´n´roll. (Bento) Hai xente nova, pero non é suficiente para un relevo xeracional. (Ray) Tampouco hai relevo para o público. Aquí en Galicia aínda non chegamos a isto, pero por aí adiante estanse facendo os bolos as seis da tarde, pensando na xente que ten fillos.
Como vedes a situación na Coruña?
(Ray) Botamos de menos os garitos pequenos onde montar un bolo. O que nos chamamos concertos de bar. Un sitio pequeno que non che pida 200 euros de alugueiro de sala para tocar. Na provincia de Pontevedra a cousa está mellor. Non sei se a xente ten máis ánimo. Supoño que tamén importa que os concellos deixen facer cousas. Proxectos como a Insumisa axudaron moito a que bandas como a nosa se animasen a insistir na súa proposta. (Bento) O ambiente da cidade non axuda moito. Falta tecido obreiro, que é a xente que se move polo rock. Todos sabemos que hai unha empresa que é a que trae traballadores á cidade, pero eses traballadores buscan outras cousas.
As redes socias serven para algo cando es unha banda pequena?
(Bento) Terían que estar prohibidas. As redes non son reais. As bandas perden o tempo nelas pero por obriga social. Non imos ser unha de esas bandas que publican todo o que fan ou o que lles pasa. Son unha auténtica dor de moas. (Ray) Por exemplo, polas redes ves moita xente reivindicando que se fagan cousas, pero logo esas persoas non aparecen. Onde están?