“A historia das mulleres da Coruña aínda está por contar”
A Coruña das Mulleres é un proxecto desenvolvido pola Asociación Cultural Alexandre Bóveda e apoiado polo Concello de A Coruña, dentro do seu obxectivo de amosar a aquelas mulleres galegas ocultadas pola historia, a pesar do seu labor. Nesta recuperación da memoria colectiva entran desde a loitas das obreiras ata as historias de desterro daquelas vencelladas ao mundo da arte.
Agora todo aquel que o desexe ten a posibilidade de percorrer un itinerario na Coruña onde descubrirá apaixonantes historias de mulleres. Na revista Pincha tivemos a oportunidade de percorrer o roteiro das mulleres na literatura.
Grazas a María Xosé Bravo (educadora) e Carmela Galego (historiadora da arte) pola súa compaña e contarnos con tanto agarimo, á par que precisión, historias de mulleres fundamentais para a cultura coruñesa e galega.
“A historia das mulleres aínda está por contar e é un acto de xustiza”, afirma María Xosé. “Con A Coruña Literaria queremos poñer en valor todo o feito nesta cidade no eido da literatura e da edición, e con A Coruña das Mulleres poñer foco en mulleres singulares e pioneiras, ademais de coñecer a cidade”.
“A acollida por parte da xente dos roteiros foi abraiante”, comenta Carmela. “Recibimos moito apoio a pesar de iniciar o proxecto con moi pouco tempo”. “Nós comprobamos que o público adulto está moi interesado na historia local”, engaden.
Comezamos o noso paseo no Obelisco, “un lugar no que se xunta o monumental co científico”, tal como afirma Carmela Galego, e “onde comeza todo”, como continúa María Xosé Bravo.
As pioneiras son as que comezan todo, como por exemplo a protagonista da primeira parada, a xornalista Mari Luz Morales, a primeira muller que dirixe un xornal no estado español, La Vanguardia de Barcelona, onde tiña que escribir crítica cinematográfica baixo un pseudónimo masculino. Chegou a ser directora da publicación. Represaliada pola ditadura franquista, foi encerrada e inhabilitada para exercer a profesión periodística, ata que foi rehabilitada trala morte de Franco.
A seguinte parada é na casa de Juana de Vega, muller mecenas que ampara a Concepción Arenal, unha das primeiras mulleres que vai á universidade e defensora das mulleres presas, visitadora de cárceres (foi nomeada Visitadora de Cárceres de Mulleres en 1863) e que buscaba a mellora da vida das mulleres na cadea. “Creade escolas e pecharán cárceres”,dicía. Porque os libros rompen cadeas. “O traballo florece cando se fai en conxunto”, di María Xosé, referíndose o labor realizado por Concepción Arenal apoiada por Juana de Vega.
A medida que camiñamos polo roteiro dámonos de conta da cantidade de nomes que faltan na historia da literatura galega habitualmente contada. Sempre se nomean aos mesmos grandes homes, pero poucas veces a mulleres como Emilia Pardo Bazán. Conta con sorna María Xosé que se necesitarían 300 anos de exposicións só dedicadas a mulleres para facer xustiza.
A terceira estación lévanos ata a xa desaparecida “A libraría da Arte” (situada no número 45 da Rúa Real), creada pola parella e tándem artístico formado por Syra Alonso mais o seu marido o pintor Francisco Miguel, cuxa obra é difícil de atopar hoxe en día, a pesar das súas influencias surrealistas inspiradas en Lugrís. ‘A libraría da Arte’ unía a literatura con faladoiros intelectuais, algo que se bota de menos na actualidade. A parella comeza unha vida en común bohemia. Viven en París, México e en diferentes lugares cos seus tres fillos, facendo a “viaxe da arte”, traendo a Galicia a arte do momento. Finalmente regresan a Oleiros para instalarse na que chamaron a súa “Casa da felicidade”. Sen embargo, a súa felicidade vese truncada polo Golpe de Estado do 36 xa que Francisco Miguel é encarcerado polo seu pasado comunista. A partir dese momento, Syra Alonso relata o periplo para intentar liberar ao seu marido das “fauces fascistas”, como explica Carmela. Nos seus diarios fala das “Mulleres Muro”, mulleres que fan unha cadea humana diante do cárcere para evitar que aos homes apresados os gardas lles fixeran o fatídico “paseo” do que nunca regresaban. Syra finalmente logra marchar a México vía Lisboa. Trátase esta dunha historia pouca coñecida dunha parella que contribuíu a modernizar a arte galega.
“A nosa cidade está chea de historia local feminista, como por exemplo a historia das mulleres lavandeiras que nos anos 20 do século XX botan de Betanzos ao marido dunha delas que era moi violento”, continúa Carmela.
O roteiro ten tamén memoria de Rosalía de Castro, que viviu catro anos en A Coruña, e Emilia Pardo Bazán. Pardo Bazán foi a primeira que falou de feminicidios e bautiza Coruña como Marineda, ao estilo do Macondo de García Márquez, contando a historia das folgas das cigarreiras. Hoxe en día está considerada como unha das escritoras máis prolíficas da literatura en lingua castelá, chegando a dirixir dúas revistas.
O noso roteiro chega á praza de María Pita, símbolo da resistencia galega contra a invasión das tropas inglesas en 1589.
E a última parada é na rúa María Barbeito; mestra, pedagoga, escritora e tradutora. Introdutora en Galicia da pedagoxía Montessori e que tamén sufriu as represalias franquistas.
En definitiva, A Coruña ten unha forte pegada de historia feminista aínda por contar. Invitámosvos a descubrir este roteiro que podedes facer vós mesmos na súa páxina web.