fbpx
CulturaDe librosGaliciaNovas

Olga Novo: “Empecei escribir por unha necesidade de ter poesía”

Con Olga Novo (Vilarmao, Pobra de Brollón, 1975) achegámonos a ‘Feliz Idade’, un mundo máxico encravado no rural no que se dan a man a vida e a morte, unha existencia que comeza e outra que remata, cunha extraordinaria beleza, felicidade e positividade ante o que nos depara o Universo.

Ela mesma di que se trata dun libro “celebratorio”, e así  recoñecérono a crítica e o público.

Como recibiches o Premio Nacional de Poesía 2020?

O Premio Nacional veu precedido do Premio da Crítica Española, do Premio da Crítica Galega, do Premio da Gala do Libro Galego. Foi unha sucesión de galardóns moi inesperados porque todos eles chegan sen presentarte. O que me fixo máis feliz foi o recoñecemento por parte dos lectores e lectoras. Sei que hai lectores que é a primeira vez que se achegan a un libro de poesía, polo tanto, é a porta pola que entran ao xénero poético.

Que contas en ‘Feliz Idade’?

É unha experiencia persoal ao longo de sete anos, pero que fala de cuestións profundamente humanas, que me aconteceron a min, e sen embargo transcenden ao colectivo. Calquera persoa pódese encontrar neses textos porque no fondo falan do ser humano. Fálase da concepción dunha filla, dun nacemento, pero tamén da desaparición dun pai e do sentimento de dó. É un libro escrito ao mesmo tempo que foi vivido.

Este é un libro que destila felicidade e beleza, a pesares de tratar da morte…

A morte pertence ao ciclo da existencia. É un libro celebratorio da vida, ancorado na idea dunha idade feliz. Fronte ás taxonomías clásicas das Idades da Historia (Ferro, Metais…), eu aposto por unha idade emocional, da celebración do amor, da beleza e de todo aquilo que nos conforma como seres humanos.

Todas as idades teñen un punto de felicidade?

Si, pero neste libro a felicidade está relacionada coa experiencia vital ao longo de sete anos. Falo do embarazo e do parto como momentos de creación asociados coa creación literaria. Ao mesmo tempo está a memoria dos devanceiros. Vivín o embarazo na miña aldea e sentir que a miña filla fora concibida no mesmo lugar ca min parecíame extraordinariamente poético. Tamén está o encontro entre a miña filla e meu pai e que teñen a posibilidade do amor a través do xogo, dunha vida que está comezando e outra que está rematando.

Vese o contraste entre a vida que comeza e outra que remata.

É un círculo. A vida del ten continuidade na dela. Creo que no fondo é o sentido da vida e o que dá sentido ao Universo.

Foto: Anxo Cabada

Reivindicas o rural. Como ves esta volta ao rural debido á pandemia?

Creo que é puntual pola experiencia durísima do confinamento. Pensamos no natural como espazo de esparexemento. Creo que unha vez pasado isto todo volverá a ser o que era, para o bo e para o malo. As grandes transformacións son moito mais lentas.

É moi difícil que a xente regrese ao rural cando case non hai servizos que faciliten a vida da poboación (colexios, médicos de proximidade…).

Eu vivín ese desartellamento na miña aldea. Había un interese por erradicar unha forma de vida autosuficente.

Como naceu o teu amor pola poesía sendo unha nena do rural?

De maneira moi natural e intuitiva. Na miña contorna familiar non había ningún poeta, pero miña nai recitaba de memoria romances tradicionais e poemas. Gustábame moito escoitala. Fascinábame a musicalidade. Cando empecei a escola tiñamos un libro de lectura que traía moitos romances e lino tantas veces que acabei sabéndoo de memoria. Unha vez que o aprendín  fun buscar os libros de texto dos meus irmáns maiores, a ver onde aparecían as “liñas cortadas” -non sabía que eran poemas-  e así descubrín aos clásicos (Rosalía, Espronceda, Béquer), pero chegou un momento que tamén se acabaron. Entón no verán dos meus oito anos decidín escribir eu porque pensei que así non se me acabarían nunca. Empecei  escribir por unha necesidade profunda de ter poesía.

Que é para ti a poesía?

Forma parte de min. É unha necesidade case fisiolóxica. Ten moito de revelación, é traer do nada algo que aparece. As veces releo o  que escribo e doume conta do que aparece, un recordo que regresa. É un exercicio pracenteiro, radical. Ás veces choro.

Como ves a situación da poesía galega?

Véxoa moi ben. Partimos de que tivemos unha grande idade de ouro na Idade Media, logo voces enormes no Rexurdimento como Rosalía, que nos sustenta. Non partimos de cero. Temos un panorama moi diverso e enriquecedor  e iso é moi san. Hai voces moi interesantes, potentes e diferentes, que é o que da o ton da riqueza dunha literatura.

Que nos espera tras ‘Feliz Idade’?

Eu escribo cando o corpo o pide. Non podo proxectar nada, o cal é unha marabilla. Agora estou escribindo uns artigos en prosa poética na revista Luzes dunha serie titulada “O bosque dos cromosomas”. Son descricións de persoas humildes, descoñecidas, veciños da miña aldea. Eses artigos ímolos reunir nun libro que se publicará probablemente cara a finais deste ano.