fbpx
CompostelaCulturaNovasReportaxes

Jose Castro, Noroeste Obradoiro: “A xoiería non pode ser de ocasión”

Jose Castro. Foto cedida pola Fundación Artesanía de Galicia.

Dende o corazón da Zona Vella de Compostela, nun local de 120 metros cadrados na Rúa Travesa, Jose Castro (Santiago, 1979) deseña, manufactura e vende as súas pezas de xoiería. A compostelá vén de gañar o Premio Nacional de Artesanía 2021 na categoría de produto por ‘Línea’, unha colección de colares, pulseiras e pendentes que están inspiradas no concepto da liña, simple ou composta, recta ou curva, pero sempre despoxada.

Como foi o teu camiño ata chegar a ser premio nacional?

Longo! (Ri) Con moito esforzo e con moita xente marabillosa. Tiven moita sorte de que na miña vida sempre me acompañaron persoas boas e tiven moita axuda ao principio.

Meu bisavó era canteiro, miña nai, redeira… Veño dunha familia moi sensible co feito a man e coa forma da natureza, do mar… Iso mesturouse con coñecer a Marian (Diéguez) e Antonio (Ibáñez), que tiñan unha galería de xoiería contemporánea, Noroeste, na Ruela de Xerusalén. Cos cartos dun premio literario que gañei con 16 anos comprei unha peza de Antonio e tiven a sorte de que eles se involucraron na miña vida, no meu futuro, e convenceron a meus pais de que formase en xoiería.

Primeiro fun a Estados Unidos a estudar un bacharelato artístico, así que fixen algo de porcelana. Despois estiven en Londres, antes de irme para Barcelona, e posteriormente viaxei a Toronto. Cando regresei a Santiago, once anos despois, as miñas primeiras pezas de xoiería empezáronse a expoñer no antigo Noroeste.

Marian faleceu e os plans de que eu me integrase na empresa se aceleraron. Empezamos cun taller na Rúa de San Pedro. Foi a primeira vez que notamos que á xente lle interesaba saber de onde viñan as pezas, que tiñan a necesidade de saber quen as facía, a súa historia… Abrindo o taller tamén buscamos dignificar o labor das mans.

Despois, por circunstancias, houbo que pechar a galería, e unificamos na Rúa Travesa tanto a galería como o obradoiro. Agora Antonio xa está xubilado, pero segue sendo unha parte fundamental do proxecto. Vén todos os días. Para min é a alma de aquí.

 Como é o proceso de elaboración das pezas? Que técnicas empregas?

Como materiais empregamos prata, ouro e pedras naturais. Nós facemos todo o proceso produtivo. Dedicámonos á xoiería en construción. Somos menos do 5% da xoiería, non só en Galicia, senón no resto do mundo. Iso quere dicir que non traballamos por molde, senón que aplicamos as técnicas máis antigas. De feito, facemos xoiería practicamente como faría un home prehistórico. O soprete está un pouco máis avanzando, non hai que soprar, xa vén co aire incorporado, pero as técnicas son as mesmas. E para nós é moi importante aplicar esas técnicas a unha forma contemporánea.

Fálanos de ‘Línea’, a colección coa que acabas de recibir o Premio Nacional de Artesanía.

‘Línea’ é unha colección moi extensa, tanto en pezas como en tempo, porque a primeira peza fíxena fai once anos.

Antonio ensinoume a extraer o fundamental do que vemos. Todo se pode debuxar cunha liña, todo se pode sintetizar con ela. A liña é a máxima expresión que temos. Un neno cando empeza a debuxar fai unha liña… Así que a colección son liñas de prata e ouro, ás veces cun pequeno engadido moi delicado, que pode ser cunha pequena pedra de cor, un diamante…

Outra cuestión importante é que as nosas pezas tratan de ser moi fáciles de poñer. Nós pensamos que a xoiería non pode ser de ocasión. As mulleres -porque nesta época histórica somos as mulleres quen levamos xoiería, aínda que antes non foi así- levamos unhas vidas moi activas. Levantámonos ás 7 da mañá e non paramos ata as 10 da noite. Non podemos ter unhas pezas que nos dificulten ir a traballar. As xoias teñen que servir como talismán, como elemento estético e permitirnos estar tremendamente cómodas.

Fotos cortesía da Fundación Pública Artesanía de Galicia

Como recibiches este premio?

É unha marabilla por moitos motivos. Primeiro porque estes anos foron tremendos. Esta crise para todos os negocios, especialmente para os pequenos, está sendo dura, longa e esgotadora emocionalmente.

E segundo porque para un negocio tan pequeniño como o noso, na ‘periferia’ -porque todo o que está fóra de Madrid e Barcelona se considera periferia- é especialmente gratificante. É unha honra.

Antes deste premio, no ano 2016, xa recibiras o Premio Artesanía de Galicia pola peza ‘Voluta Volutidae’. En que consistía?

‘Voluta Volutidae’ é un pouco a esencia do que estamos falando. Dáste de conta que antes as casas estaban cheas de obxectos de prata? Non só marcos, senón tamén fontes, azucreiros… A nós facer obxectos encántanos, pero con forma contemporánea. Entón o que fixemos foi facer un saleiro e un azucreiro coa súas culleres, coas técnicas antigas de forxa en frío, pero aplicando unha forma moi contemporánea. É reinventar o obxecto de mesa.

Como valoras o labor que fai Artesanía de Galicia?

Fai un grandísimo labor, que todas as comunidades envexan. É un apoio perpetuo e próximo. Ademais, apoian a sectores moi diferentes dentro da artesanía e son conscientes de que o nivel de produción e deseño que temos agora mesmo é o mellor de España. Ademais, están poñéndonos na mellor palestra internacional. Ás feiras ás que nos levan son as mellores de deseño: en Londres, en Estocolmo…

Xa que estamos comezando o ano, cales son os teus obxectivos para 2022?

Seguir vivindo dunha pequena produción. Seguir satisfacendo as necesidades emocionais dos nosos clientes. E seguir traballando, sendo pequeniños e facendo coleccións, con dignidade, con ganas e coa mesma ilusión.