fbpx
CompostelaCulturaNovas

O novo pop galego protagoniza o festival Acento en Compostela

Presentación do concerto Acento, organizado pola SGAE para celebrar o Día Europeo da Música.
A Fundación SGAE presentou a cuarta edición do festival Acento, que se celebrará este mércores, 21 de xuño, na sede de SGAE en Santiago de Compostela. “A creación musical en Galicia vive un momento de auxe nos diversos estilos, e esta programación trata de ofrecer unha representación da escena actual”, lembrou Miguel Diéguez, director de SGAE Noroeste, na convocatoria de medios. Acento integra o novo pop de Blanco Palamera, a proposta delicada e poliédrica de Néboa e dous valores emerxentes: Rhome e Marián, que traballaron con Iván Ferreiro na recente edición dos Laboratorios de Creación da Fundación SGAE en Galicia.
A Fundación SGAE organiza este evento o 21 de xuño, a partir das 19.30 horas con acceso libre, para conmemorar o Día Europeo da Música. O concerto celebrarase na terraza de SGAE en Santiago de Compostela (Parque Vista Alegre) e conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC).
Ao acto de presentación asistiron os autores Rhome e Marián (esta última interpretou unha canción propia a guitarra e voz). Tamén participou Jacobo Sutil, director de AGADIC, que describiu o evento como “unha festa da música galega” e compartiu “os valores de apoio á cultura, a defensa dos dereitos de autor e a promoción dos valores emerxentes”. Finalmente, a marca Alma Atlántica anunciou que ofrecerá unha copa de benvida dos seus viños espumosos a tódalas persoas asistentes a Acento.

Artistas

Blanco Palamera
O dúo compostelán formado por Manuel Blanco e Xoán Domínguez traballa o pop coma se fose labor de ourivería. Infusionando o xénero con matices de soul, jazz, R&B, electrónica ou bossa nova, esta parella de autores, produtores e intérpretes alterna o seu propio proxecto con colaboracións para outros artistas (Sen Senra ou Judeline, por exemplo). O estupendo segundo disco de Blanco Palamera, Intimidade (2022), é a base dun repertorio que conectou con toda unha xeración.
Néboa
Este quinteto é unha das mellores noticias do pop alternativo en Galicia nos últimos anos. Néboa é a combinación de talentos de catro galegos (Jacobo García Lafuente, Tomás Porteiro, Sandra Pérez Míguez e Lucas de Centi) e unha portuguesa (Susana Nunes). A súa visión do pop non cabe nunha definición: a súa proposta vai do pop de autor á electrónica alternativa. O seu álbum A realidade enganosa (2020) foi nomeado Mellor Disco en Galego nos Premios MIN 2021. A súa continuación, o EP Fósforo (2022), consolidou o prestixio dun grupo cuxa creatividade está moi por riba de xéneros.
Rhome
Recoñecido como unha das grandes promesas do pop galego, o noiés Pablo Rhome foi elixido tamén para a última edición dos Laboratorios de Creación Fundación SGAE Galicia na categoría de Música, titorizada por Iván Ferreiro. Rhome prepara un disco conceptual, fortemente ambientado na realidade galega, que toca temas como a migración, a identidade cultural, o silenciamento do rural, o impacto da globalización e o auto odio.
Marián
Nacida en Suiza, Marián Romero é un dos talentos con maior proxección xurdidos en Galicia nos últimos anos. Tras participar en varios grupos, o seu debut como solista é un repertorio plurilingüe baseado na experiencia persoal e liderado pola súa voz. Recoñecida co segundo premio no certame Xuventude Crea por Faros, un tema de creación propia, Marián foi elixida tamén na última edición dos Laboratorios de Creación Fundación SGAE Galicia na categoría de Música.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.