fbpx
CompostelaCulturaNovas

O festival de artes performativas Plataforma celebrarase en Compostela do 9 ao 18 de xuño

Presentación ‘Plataforma’. Foto: Concello de Santiago

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, o director do CGAC, Santiago Olmo, e os directores do Festival, Mónica Maneiro, Iñaki M. Antelo e David Barro, presentaron a terceira edición de PLATAFORMA, o festival de artes performativas de Santiago que terá lugar entre o 9 e o 18 de xuño e que pretende tender pontes entre as artes visuais e as artes vivas, a música, a arquitectura, a poesía e outras disciplinas culturais.

Plataforma é un festival de cidade, transversal, comprometido co urbanismo e a riqueza patrimonial material e inmaterial de Compostela, coa súa diversidade, coa igualdade, coa tradición e coa innovación cultural, preocupado pola sustentabilidade e por proxectar o talento local. Por este motivo as súas dúas primeiras edicións gozaron gran fortuna crítica en medios estatais e autonómicos, sendo destacada a súa programación no Observatorio de la Cultura en España (Fundación Contemporánea) e en varios medios nacionais.

Dirixido pola Cooperativa Performa, Plataforma continúa coa intención de traballar en rede e complicidade co maior número de axentes, institucións e espazos posibles dunha cidade referente cultural como Santiago de Compostela.

Para os directores do festival David Barro, Mónica Maneiro e Iñaki Martínez Antelo, “Plataforma é un festival perfecto para este momento de reactivación cultural pola súa transversalidade e a descentralización das súas localizacións, pola súa escala, pola súa programación pensada para espazos singulares e pola posibilidade de seguir con facilidade os protocolos adecuados de sustentabilidade”.

Programación
Nesa liña, unha das singularidades do festival é a programación paralela de varias exposicións coas que se relacionan directamente algunhas das performances programadas, como as de Marta Pazos, Rosana Antolí e Berio Molina no CGAC (presentes na exposición O museo como escenario); Misha Bies Golas e Benxamín Otero no Auditorio de Galicia (presentes en Sons improbábeis); Irene Grau e Alberto Odériz na Galería Nordés; ou as conferencias perfomativas de Chévere (coa interpretación de Patricia de Lorenzo), ou Patricia Esquivias na Fundación DIDAC (no contexto da intervención espacial do artista alemán Markus Linnenbrink).

Tamén é de sinalar a implicación do festival con aquelas iniciativas que polo seu carácter experimental e híbrido habitualmente non teñen espazo nas programacións museísticas ou nas programacións estables de ámbito cultural. Por outra parte, o festival Plataforma fomenta a colaboración entre artistas de diferentes disciplinas o que favorece o cruce de públicos diversos e singulares conexións creativas, como é o caso da colaboración entre a poeta Chus Pato e o artista Rodríguez-Méndez, de Pálida con MIL111 (Iria del Bosque e Borja Fernández), de Cristina V.Miranda con Auto Sacramental ou da artista Macarena Montesinos coa Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela.

Na súa aposta pola igualdade, Plataforma conta cunha importante representación feminina e unha decidida aposta polo talento galego. Plataforma reúne performances, concertos, danza, propostas escénicas, poesía e arte contemporánea en exposicións, accións e conversacións capaces de unir a creadores galegos con valores de recoñecemento internacional como Daniel García Andújar ou Patricia Esquivias.

Ademais, Plataforma destaca por apostar pola produción propia e os encargos específicos aos artistas participantes. No seu programa haberá estreas absolutas de pezas escénicas, performances ou conferencias performativas. Ana Gesto estreará unha performance percorrendo co público o Barrio de Vite, Irene Grau e Alberto Odériz presentarán o seu proxecto no Parque de Bonaval antes de que sexa instalado na Galería Nordés e os artistas Rosana Antolí, Berio Molina e Marta Pazos presentarán novos traballos escénicos nas salas do CGAC na mostra “O museo como escenario” e a escritora Cristina V.Miranda estreará o seu proxecto de poesía e música en colaboración con Auto Sacramental. Outro dos encargos do festival será a presentación inédita de Chus Pato sobre o traballo do artista Rodríguez-Méndez no escenario do Teatro Principal.

No festival haberá tamén espazos para a educación e a mediación cultural cos talleres infantiles deseñados por Alba Cacheda, conversas con artistas como Marta Pazos, Berio Molina, Rosana Antolí, Alejandra Pombo e Calís Pato.

Nos próximos días estarán dispoñibles as entradas de balde na web do festival baixo reserva previa www.plataforma.gal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.