Aberta a inscrición a cursos de formación no encontro Corazón da Artesanía
A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación acaba de abrir o prazo de inscrición do seu programa de formación especializada para artesáns que se vai desenvolver no Corazón da Artesanía. IX Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que se celebra os días 8, 9 e 10 de xullo nos Pendellos de Agolada (Pontevedra), en horario de 11:30 a 14:00 e de 16:00 a 21:30 horas.
Trátase de cinco cursos centrados no coiro, na xoiería, no bordado con la, na pasamanería e na cestería de esparto para os que é preciso inscrición previa na páxina web da Fundación.
TÉCNICAS DE VOLUME EN COIRO, impartido polo mestre do coiro José Luis Bazán (Ubrique, Cádiz), Premio Nacional de Artesanía 2021, e no que compartirá os seus coñecementos sobre o material, as súas variedades e como darlle forma a diversos obxectos de coiro a partir de moldes feitos de madeiras, de rochas e doutros elementos. O custo deste curso son 50 euros e está dirixido a profesionais.
ENGASTADO ELEMENTAL DE PEDRA NATURAL NON CALIBRADO E COMPOSICIÓN DE FORNITURA. Impartido por Noroeste Obradoiro, gañador do Premio Produto nos Premios Nacionais de Artesanía 2021 pola súa colección “Línea” e do Premio Artesanía de Galicia 2016. Jose Castro e Antonio Ibáñez amosaranlle aos asistentes conceptos elementais do engastado de pedras naturais e as premisas que estes profesionais da xoiería empregan para a composición das súas fornituras. Este curso está dirixido a profesionais e estudantes do oficio da xoiería e ten un custo de 50 euros.
CESTERÍA CON ESPARTO, con Simone Simons (Chelva, Valencia). Ofrecerá información sobre a planta e a súa preparación para a cestería, sobre a cultura do esparto, o oficio e as técnicas téxtiles aplicadas. O custo será de 50 euros e diríxese tanto a profesionais como a público en xeral interesado na cestería con coñecementos previos.
BORDADO AO AIRE, impartido por Zeltia ao aire (A Coruña), que terá un custo de 40 euros e consistirá na aprendizaxe básica da técnica do bordado ao aire mediante a elaboración de catro patróns cos recheos máis comúns. O curso está dirixido a profesionais e a público en xeral interesado na pasamanería.
BORDADO EN LA, impartido por Lola García do obradoiro Logaro (Ourense), que traballará cun grupo diferente cada día e terá un custo de 15 euros. As persoas asistentes aprenderán os puntos básicos e realizarán unha composición floral sobre unha mostra de tecido ou unha prenda tecida, co obxectivo de personalizala e darlle unha nova vida. Está dirixido a profesionais e a público en xeral interesado no bordado e no téxtil.