fbpx
CompostelaNovas

Artistas locais e un pregón homenaxe as vítimas do coronavirus, nas Festas do Apóstolo 2020

Luis Pardo e Gonzalo Muíños co cartel do Apóstolo 2020. Foto: Concello de Santiago

O concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños, presentou o programa das festas do Apóstolo, que este ano se celebrarán entre o 17 e o 31 de xullo. Segundo indicou, as deste 2020 serán “unhas festas excepcionais nunhas circunstancias excepcionais como son as da Covid-19”, pero con “propostas para todos os públicos e en formatos máis reducidos e seguros”.

“Dende o Goberno municipal sempre pesamos que, se as medidas sanitarias o permitían, debíamos celebrar as festas do Apóstolo por dúas razóns fundamentais: unha, porque despois de meses de confinamento e desescalada, a cidadanía de Compostela precisa de actividades de lecer e de alternativas coas que volver a esta nova normalidade tamén no eido festivo e cultural; e outra, porque despois de meses de parón, estas festas tamén podían axudar a recuperar o sector cultural, neste caso dando un pulo a artistas locais e de proximidade, complementados con outras actuacións de artistas de máis renome, para facer un programa o máis completo posible e con propostas para todos os públicos e gustos”, apuntou o Gonzalo Muíños. Tamén destacou que unhas festas como as do Apóstolo, malia as limitacións deste ano, supoñen “animación de rúa e dinamización doutros sectores, como o hostaleiro ou o turístico”.

As actuais circunstancias condicionan o programa, e malia que todas as actividades son de balde (agás unha actividade no Teatro Principal), haberá que facer unha reserva, a través da web reservas.gal, para así ter un control dos aforos e poder garantir as distancias de seguridade. As reservas poderán facerse dende o vindeiro luns, 13 de xullo, ás 12:00 h.

Para todas haberá que acudir cunha antelación de 30 minutos e coa máscara, que será obrigatoria.

Concertos e actividades
O concelleiro resaltou dous espazos que “serán un pouco o eixe das actividades, principalmente dos concertos: a praza da Quintana e o parque de Galeras”. Para a Quintana, dixo, “reservamos aqueles concertos de maior formato, entre comiñas, nos que podemos garantir unha maior capacidade. Polo escenario pasarán artistas como Nakany Kanté (venres 17), Aretha Soul Divas & The Silverbacks (sábado 18), Broken Peach (domingo 19), A Banda da Loba (martes 21), TéCanela (mércores 22), Najla Shami (xoves 23), Gaizka Project (venres 24), Xacobe Martínez Antelo Trío (luns 27), Nastasia Zürcher (martes 28), Germán Díaz & Benxamín Otero (mércores 29) ou Ortiga (venres 31).

Tamén na Quintana haberá tres xornadas dedicadas á música e bailes tradicionais: o espectáculo “Do blues ao alalá” o luns 20, as Xornadas de Folclore Galego o Día do Apóstolo, e o TradFest que organiza La Voz de Galicia ao día seguinte, domingo 26. E tampouco faltará outro dos concertos máis esperados no Apóstolo, como é o da Real Filharmonía de Galicia, que desta vez se celebrará o día 30 e cun programa dedicado a Beethoven.

O outro espazo principal será o parque de Galeras, onde ademais de concertos, haberá espectáculos de humor e outros para toda a familia. Por alí pasarán artistas como A Banda de Nash, Mad Martin Trío, Lou Reyes & The Rockin Corsarios, o espectáculo familiar Pirilampo, a función teatral de Teatro del Andamio, o monologuista Oswaldo Digón, Colt 45, Andhrea & The Black Cats, Escuchando Elefantes, Agoraphobia, as proposta familiares de Uxía Lambona ou Na Casa de Caramuxo Teatro, o monólogo de Pablo Meixe & Danny Boy Ribera, Triska ou The New Raemon.

Ademais, haberá algún concerto e outras actividades como danza ou performances noutros lugares, como o parque de Bonaval, onde estarán Antía Muíño, 16 mm, Thesaurus, Marcelo Dobode, MounQup ou Ukestra.

Na Alameda poderase desfrutar sobre todo de propostas para toda a familia, especialmente de circo. E no parque de Eugenio Granell haberá un ciclo de cine ao aire libre.

Por suposto, non faltarán citas tradicionais coma o Torneo de Chave, o concerto da Banda Municipal, o Día do Traxe Galego, os xigantes e cabezudos (que desta vez se concentrarán na Quintana) ou o Día de Padrón.

Pregón de homenaxe e espectáculo de humor
As festas arrincarán o venres 17 cun pregón moi especial, co que “queremos render homenaxe a todas as vítimas do coronavirus e tamén a todos estes colectivos que tan importantes foron e seguen sendo nestes meses de pandemia para garantir a nosa saúde, a nosa seguridade e o noso benestar, explicou Muíños. Todo isto mesturado con humor, “que tanto nos fai falta nestes momentos”.

Ás 21:00 h comezará o espectáculo O recuncho da comedia, con Rober Bodegas, Javier Veiga e David Amor. Cando rematen, comezará o pregón, conducido polo xornalista Luis Pardo, e no que intervirán tamén unha enfermeira e unha persoa que pasou o Covid-19. Xunto a eles, nos balcóns, estarán representantes de Protección Civil, Policía Nacional, Policía Local, Policía Autonómica, Garda Civil de Tráfico, Bombeiros, Cruz Vermella, persoal sanitario, Servizos Sociais, Parques e Xardíns, Servizo de Limpeza, persoal de supermercados e de distribución e medios de comunicación.

“Agardo que este pregón sirva para que todo o mundo se sinta representado, e intentaremos que quede claro o compromiso da cidade e do Concello coas persoas que foron claves nestes meses de pandemia”, indicou Luis Pardo, tamén presente na rolda de prensa, a propósito do seu papel no inicio das festas. O acto pecharase cun espectáculo pirotécnico.

O concelleiro pechou a presentación lembrando que os fogos do Apóstolo se lanzarán nesta edición dende oito puntos distintos da cidade, o que “permitirá ver unha estampa especial da cidade esta noite do 24 de xullo”. Precisamente por esa distribución, fixo un chamamento a “evitar as masificacións na rúa”.