Lorena Terrón, autora de Cans ego Mortis: “Non se deben mercar nin regalar cans no Nadal”
Lorena Terrón, de Meu Can, acaba de presentar na Coruña o seu libro ‘Canis ego Mortis’. Falamos con ela deste proxecto e da importancia de non mercar animais para regalar neste Nadal, senón mellor adoptar ou apadriñar.
Que é Meu Can e que labor facedes?
Meu Can divídese en dúas partes. Por un lado está Meu Can escola canina, que é como o seu nome indica unha escola canina onde realizamos clases de educación temperá, de grupo, particulares e a domicilio, ademais de deportes caninos como o Agility, habilidades caninas, mantraliling e propiocepción. Ademais de proxectos de TAA e TAC con especialidade na rama educativa e penitenciaria. Tamén facemos cine e televisión, as nosas cadelas Marnie e Lala saíron en series como ‘Viradeira’, ‘Serramoura’, ‘Néboa’ e tamén na película ‘A Parra’.
Meu Can é unha escola en positivo, de educación amable e que defende a importancia de respectar a personalidade de cada can e súa natureza. O noso lema é “Divírtete Aprendendo!”. A nosa especialidade é a modificación de conducta cunha experiencia de máis de 20 anos traballando como educadora canina titulada pola Xunta de Galicia co número de rexistro CCA-D 061.
A outra parte de Meu Can é a marca de produtos Meu Can, onde desenvolvín unha marca de deseños orixinais representando a diferentes cans e gatos coas súas características persoais. Os nosos produtos van dende sudadeiras, camisetas, mochilas, axendas, paraugas e tamén o noso libro en físico e audio libro ‘Canis ego Mortis’.
Que podemos atopar en ‘Canis ego Mortis’ e onde podemos mercalo?
En ‘Canis ego Mortis’ podemos atopar dezaseis relatos de animais. Son historias inventadas pero baseadas en feitos reais e tamén en personaxes reais, inspirados nos meus cans e cadelas e en aqueles que coñecín o longo da miña carreira como educadora canina.
Esta obra literaria presenta uns personaxes que sofren unha transformación, e se converten noutro ser con calidades especiais, que lle axudarán a comprender o seu obxectivo na vida.
É un libro crítico mediante o humor e a retranca, que quere concienciar e facer reflexionar respecto ao trato que temos cos animais e a natureza. Realmente a intención narrativa é facer comprender a todo o público a importancia de querer aos animais tal como son, e sempre tendo en conta a súa personalidade como individuo e as súas necesidades. En definitiva, ‘Canis ego Mortis’ pretende ser unha obra divulgativa, educativa, reflexiva e de concienciación do benestar animal e medioambiental.
Este libro estará dispoñible na nosa páxina web: www.meucan.es, na tenda O Agrow Shop (na rúa Cultura nº 7, na Coruña) e tamén na nosa escola canina Meu Can.
En breve teremos tamén o audio libro coas voces das actrices María Verdía e Chus Álvarez, da man do equipo técnico de Jalsistemas .
Agora que están a piques de comezar as festas do Nadal e hai quen regala animais, que debemos ter en conta con eles?
O primeiro dicir que non se deben mercar nin regalar cans no Nadal, posto que é unha vida e é unha decisión moi importante que ten que tomala o titor ou titora do can ou cadela. Esta práctica debe extinguirse, porque moitos cans e gatos que se regalan estas festas serán abandonados nos próximos meses nas canceiras ou protectoras. O mellor é adoptar un animal cando temos claro a responsabilidade que supón e estamos dispostos a compartir a nosa vida con el ou ela. Este Nadal apadriña un can ou gato, regala solidaridade, voluntariado… Hai moitas protectoras que necesitan axuda, regala alimento para os animais necesitados, medicinas e gastos veterinarios… O mellor é que regales Amor do Bo!