O Nadal SON OS BARES! Os da aldea e os da cidade
Hai quen di que o Nadal é un invento dunha coñecida área comercial... Pero non hai quen non o utilice de escusa para ir de bares! É unha cita ineludible para sentarse ao redor dunha mesa chea de manxares que cheiran a familiar, a fogar, a recordos, a ilusión, a nostalxia polos que non están, a esperanza polos que acaban de chegar... E que saben a gloria bendita!
Non mo discutades. O Nadal SON OS BARES! Os da aldea e os das cidades! Lugares onde abrazas a veciños, brindas con emigrantes retornados, coincides coa prima coa que nunca falas, con amigos, inimigos, amantes, descoñecidos e demais familia!
Para documentarnos sobre este espírito, non marchamos a Laponia... Tan só andamos de bares!
Bar O Empalme
Empezamos no concello de O Pino. E o mellor anfitrión desta terriña veciña de Compostela é Borja Castro, no bar O Empalme.
“No Nadal vén de todo e veñen todos! Xúntanse os que estudaron xuntos no colexio e fan quedada... Os que teñen familia fóra e brindan cos que non ven en todo o ano. Os que se reúnen antes de cear para ver aos que non son da familia. Os que se citan cos veciños, compañeiros, coñecidos, porque non se van ver despois... O bar é o punto de encontro para celebrar! Na aldea a cociña témola na casa, pero non perdoamos un brinde!”, asegura.
“Nestas datas nótase moito, nós non traballamos con grupos ou grandes xantares ou ceas, pero aquí veñen facer algún picoteo e a partir das catro pasan con nós a sobremesa, veñen tomar as copas, veñen ao vermú, a pola primeira antes de ir á festa...”, conta Borja.
E continúa: “Nunha cidade ao mellor podes facer unha oferta concreta e dirixirte a un público determinado. Pero non temos unha urbe concorrida preto, co cal facemos dende os cafés pola mañá e adaptámonos a todo tipo de públicos! O Empalme era de meu pai, botou neste bar máis de 35 anos. Leva aberto e na familia máis de 70 anos, era dunha tía del. Foi ultramarinos, vendían arroz, viño, un pouco de todo... Garda recordos de moitas xeracións! Estivo alugado unha tempada, veu a pandemia e cadrou todo e aquí estamos miña irmá Iria máis eu”.
“Traballamos todo ano para a xente de todo o ano. Temos un menú e unha pequena carta. Pola tarde veñen tomar os cafés e o ritual de xogar a partida, que aumenta cara a fin de semana, e despois máis preto da noite chegan os que comentan o día ao saír do traballo, toman unhas cervexas... Ao ser medio rural hai menos xente, pero a O Empalme vén xente de O Pino, Touro, mesmo de Santiago! E nós procuramos darlle a mesma atención. Intentamos traballar sen discriminar ningún tipo de idade. Xuntamos mocidade da redonda, pero intentamos atender a todos co mesmo agarimo!”, sinala. “No Nadal, empezas a ver que hai máis xente que sae cear fóra, aínda que nun concello eminentemente rural non é o habitual, pero si que temos esa cultura de xuntarnos todos no bar!”, engade.
“O Empalme é unha forma de gañar o pan. Tes que romper moito a cabeza. Sería máis cómodo traballar nunha empresa. Non sei o que pasará mañá... Pero aquí conviven moitas xeracións xuntas, no mesmo ambiente. É o bonito! Tanto entra un rapaz de 20 anos a xogar a partida cun de 60 como hai xente da mesma quinta tomando algo. Pais con fillos. Pero si que se levan todos. É que non somos unha gran masa de xente e coñecémonos todos!”.
Borja ten unha cesta do nadal enorme que ten dende unha aspiradora desas modernas, ata turrón, licores ou un monopatín. No cartel onde anota os nomes dos que participan hai debuxos de tractores, camións, hai quen pon o apelido, o sobrenome. Calquera dos que estamos aquí é probable que saibamos a que casa pertence cada un. No tempo de facer esta entrevista Iván (o noso fotógrafo Pincha) máis eu falamos con catorce.
Restaurante Orixe
Pero o conto segue... E como a Santiago vou á festa... Paramos no restaurante Orixe, na rúa das Casas Reais, e falamos con Martín Pais: “Polo Nadal, nós traballamos moitísimo coa xente de Santiago e da contorna. Moitos grupos, sobre todo de amigos. Hai unha característica moi concreta, porque como Santiago é cidade universitaria, a xente fai grupos de amigos que ao longo da súa vida profesional espállanse pola xeografía galega, e Santiago segue sendo o punto de referencia para volver a atoparse! Entón buscan locais como o noso con produto galego, con receitas tradicionais con un toque diferente. Buscan un sitio cálido, coma se fora na casa! Un sitio tranquilo, agradable. Para recordar vellos tempos”.
“Temos moitas familias que queren gozar dun día xuntos e non queren cociñar na casa. E temos familias que se xuntan, porque teñen membros en distintos lugares”, explica.
O Nadal é un período de convivencia. Está moi arraigado na nosa cultura o comer ou pasar a tarde e a noite xuntos ao redor dunha mesa cunha comida, levámolo intrínseco no noso ADN de galegos. “En Orixe sempre temos a carta conforme ao produto de tempada... Peixes, carnes de caza, guisos, cogomelos, produto de mercado. A nosa vieira de Ferrol. Doces con castañas. Segundo abren as vedas, veñen os mariscos de tempada. Non falta o bacallau! Feito con crema de coliflor, para recordar...”, explica.
“O noso restaurante é moi dinámico. A carta cambia do mediodía á noite e dun día para outro. Hai moitos pratos base, mais cociñamos moito o día a día o que hai no mercado. Non vai faltar a nosa vieira no menú de final de ano. Nin o peixe á muradá!”, afirma. “A cociña de Orixe está baseada en receitas recollidas entre as mulleres da miña infancia; da miña contorna: miña nai, as miñas avoas, miña madriña, as miñas tías, as veciñas... Eses recordos de cociña de leña, de repouso, de antigo... E o peixe á muradá é unha receita desas de cociña de leña, que facía miña nai, case todos os días, de noite, para cear. É o peixe á grella cunha salsa feita con aceite de oliva virxe extra, allo torrado e viño branco, que nós facemos con albariño, e que emulsionamos e poñémoslla por enriba ao peixe”, engade.
Martín opina que os bares teñen un papel importante en gardar as tradicións culinarias galegas. “Os restaurantes do noso país son as grandes enciclopedias da cultura gastronómica, das receitas tradicionais dos nosos pobos son os que as recuperan, conservan e difunden de novo!”, sentencia. “Nós temos en Orixe unha morcilla feita cunha receita de Mazaricos, que me transmitiu miña nai. Unha receita que á xente cando a proba lévaa á infancia. E que lla dan de probar aos fillos, sorprendidos porque igual había vinte anos que non a comían! A filosofía do noso restaurante é traer o do pobo á cidade, a cultura gastronómica galega é un dos piares base da nosa sociedade, xunto coa música, a lingua...”, conclúe.
Familia dos bares: Este é un convite para recoñecer que a hostalería serve de nexo de unión entre os desprazados, os que fai tempo que non se ven, os que teñen ansia de comer e os que brindan de felicidade. Graciñas por facer as festas inesquecibles!
Fabas de Lourenzá con polbo do restaurante Orixe. Foto: Iván Barreiro