#SomosCompostelaCompostelaGastronomíaNovas

De marcha en Compostela

Por Silvia Castiñeiras

 Cócteles en O Boneco. Foto: Iván Barreiro
Cócteles en O Boneco. Foto: Iván Barreiro

A min coincidiume comezar a saír de noite en Santiago polos anos 90, na miña adolescencia. Era aquela época na que o día grande para ir de troula para os do instituto era o venres, os sábados viámolos entón máis para os de trinta. E os xoves, para os universitarios. Eran aqueles anos nos que non lle mandabas ás amigas unha mensaxe cada 10 minutos, “entón era ás doce?”, “como ides?”, “chego algo tarde”, “saio”, “estou na túa porta”… Daquela non tiñamos móbiles e quedabamos xa para a noite ao saír da clase. Daquela chegabas á rúa e estaba todo o mundo, todo estaba ateigado, dentro e fóra dos locais. Entón sabías as rutas, onde había que estar a cada hora. Eran os tempos nos que case podías saír sen quedar previamente porque na noite había de sobra a quen unirte. Era daquela cando os amigos dos teus amigos eran os teus amigos. Foron tempos onde verdadeiramente podías dicir aquelo de “vémonos nos bares”. Foron tempos de moita marcha en Compostela. E agora?

O ocio nocturno pasou por moitas fases dende aqueles noventa, épocas de menos xente e moita oferta e ao revés. Hai profesionais da hostalaría que consideran que é cuestión de ir adaptándose ás circunstancias e aos tempos, ás xeracións que viven o lecer doutra forma e aos cambios nos costumes. Non hai que esquecer tampouco que se nos cruzou unha pandemia polo medio que supuxo un antes e un despois na socialización, tamén na que ten que ver cos bares. Hai quen ve que a noite se apaga en Santiago, por moi diversos motivos, e quen segue vendo luz, aínda que non teña a intensidade de etapas pasadas.

Ambiente na noite santiaguesa

“Os venres, sábados, festivos ou datas como o Nadal, ademais de cando se celebra algo na cidade, como congresos, parece que a oferta nocturna da cidade se queda escasa”. É unha idea que nos transmite Thor Rodríguez, á fronte de O Boneco (Avenida de Raxoi, 19).  Para el a oferta de hostalaría nocturna non parece suficiente, aínda que recoñece que “non enchemos de luns a domingo e os cheos que había antigamente non suceden agora, pero as fins de semana aínda seguen a ser importantes e creo que en momentos puntuais vese que a oferta non é proporcionada á demanda”.

Para Thor esa falta de oferta nocturna á que alude é unha suma de cousas. “Moita xente desistiu debido a que os locais non son tan rendibles como noutras épocas, tamén polos prezos dos alugueres e porque non é un negocio tan atractivo como outros ao nutrirse basicamente dos composteláns, non dos turistas”, explica.

Tamén fai referencia aos cambios nos costumes, como que a xente agora sae máis cedo da casa. Certo é que hai anos a noite comezaba pasadas as doce e agora parece que máis ben a hora de saír comeza xa cara a noitiña.

Martín Calviño, dende o Riquela (Preguntoiro, 35), tamén fai esa reflexión. “Os costumes cambiaron moito dende que eramos adolescentes. Hai ambiente a fin de semana, aínda que non é aquela cousa de antes. Tamén se leva moito agora xa saír da casa con máis día, non tan de noite”. Ademais, engade que “hai que comprender que nós temos que subir os prezos pola inflación e o consumidor ten que seleccionar máis os días que sae e o gasto que pode facer”.

Aínda así, móstrase contento coa afluencia de xente que transita pola súa zona, no casco histórico. Tamén se mostra satisfeito Suso Peón, do Sónar (Mazarelos, 4-5). No seu caso non cre que a oferta sexa escasa. Na súa opinión “ao final Santiago non é Vigo ou Coruña, entre semana hai moito estudante pero o venres e sábado non están na cidade e para os composteláns penso que a oferta é suficiente. Santiago é o que é”.

Tras 15 anos á fronte do seu local recorda que “a marcha cambiou moito nestes anos, non é o de antes pero hai que adaptarse aos tempos. O da noite é xeracional, igual nuns anos aparece outra xeración que sae sen parar, hai que esperar os relevos. É o que ten a noite, é moi inestable.”

 Actuación de Flamenco no Riquela. Foto: Iván Barreiro
Actuación de Flamenco no Riquela. Foto: Iván Barreiro

A supervivencia da hostalaría nocturna

Lucía Vázquez, do Bicoca, segue un pouco a liña que nos comentaba Thor. Para ela baixou moito a oferta de ocio nocturno en Santiago. Así, sostén que “xa non hai tanto ambiente, a xente xa non sabe moi ben onde ir e incluso marcha a outras cidades, algo que antes era ao revés. Logo vén un congreso con mil persoas que tamén queren saír tomar unha copa e non atopan o ambiente adecuado, co cal para outra vez igual levan o congreso para outro lado, porque todo conta á hora de elixir unha cidade”.

Para Lucía, que é presidenta da Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Santiago, esta escaseza vén provocada en gran medida polos peches obrigados, unha situación que veñen dialogando co Concello nos últimos meses, xunto coa asociación Hostalaria.gal e a Asociación Hostelería Compostela. “A situación non está ben para a hostalaría en xeral co tema dos peches, pero afecta aos locais nocturnos especialmente. Xa hai poucos locais e aínda por riba algúns están pechados e sen previsión de abrir”, reflexiona. Así, afirma que “as alegacións van moi lentas e moita xente desiste de manter un negocio, hai unha dinámica complicada agora con Urbanismo”.

É triste, considera Lucía, que di vivir “con pena” que permanezan pechados “locais que son emblemáticos, que son históricos en Santiago”. “Sempre estamos a falar de coidar e conservar o comercio histórico e local, e o ocio nocturno histórico e local?”, pregúntase.

Aínda así, hai quen sobrevive, revive e incluso comeza de novo. É o caso de Jaime Abad, que leva a dobre experiencia de apostar pola hostalaría nocturna á vez que sufriu un deses peches no seu propio local. O ano pasado abriu o Way Club na zona vella e foi pechado por problemas cunhas obras anteriores á súa etapa. Para el a cuestión está en que “non somos criminais, sempre hai vontade de facer o mellor para todos. Se algo está mal pódese dialogar e dar un prazo axeitado para corrixir sen ter que pechar, porque as cousas non se fan a propósito, a mala fe, e pechar un local significa privar a moita xente do seu medio de vida”.

Pese á mala experiencia, Jaime, que di non ter vivido en primeira persoa a época dourada da noite compostelá aínda que todo o mundo lla comenta, está contento co seu proxecto e co que iniciou hai catro anos facéndose co Tropical na Praza Roxa. Tendo en conta que ten presenza en dúas áreas diferenciadas da cidade, explícanos que “o ambiente da noite en Santiago é totalmente distinto dunha zona a outra. A zona nova funciona mellor pola semana, co público universitario. A zona vella é máis para a fin de semana, para xente a partir dos 30”.

Música en directo no Sónar. Foto: Iván Barreiro
Música en directo no Sónar. Foto: Iván Barreiro

Confesa Jaime que a noite é sacrificada pero que sempre compensa dalgunha maneira, e máis cando, di, “nos últimos tempos é verdade que houbo un baixón, pero as ganas de saír volveron tras a pandemia, subiu moito a afluencia de xente”.

Saír non é só beber

Retomando unhas palabras de Thor nas que dicía que a xente agora “demanda unha experiencia, non un simple sitio ao que ir beber, por iso eu coido os detalles do local como se fora a miña casa”, hai que recordar que o ocio nocturno non ten que ir ligado necesariamente a emborracharse, aínda que exista de sempre ese tópico. Saír a tomar algo a un local pola noite tamén é unha forma de socializar, de contarse as cousas, de compartir, de botar unhas risas, bailar, escoitar, atoparse… como quen queda a tomar un café de sobremesa. E a xente é verdade que mudou, ou non sei se son eu e os 40, pero parece que atrás quedaron aquelas noites de formigueiro onde o que menos mirabas era o aspecto dos locais, o que tomabas e mesmo o que escoitabas.

Neste sentido, cunha oferta escasa para uns e máis que suficiente para outros, aínda que é complicado manterse ou hai épocas de pouca vida nocturna, no que si coinciden as persoas coas que falamos é no nivel e na calidade da hostalería nocturna de Santiago. Dende o Bicoca, Lucía recoñece e pon en valor ao sector cando nos di que “a pesar de todas as dificultades non hai que esquecer que Santiago ten grandes referentes en toda Galicia, tanto no baile, como en coctelería ou na música… Aí está, por poñer un exemplo, o Tarasca ou o Atlántico. Sobrevívese porque hai vocación e hai clientela local”.

En Santiago aínda temos a sorte, ademais, de que queden apostas pola música en directo. “No Sónar seguimos funcionando coma sempre, cun estilo moi definido, con música dos 80-90 indie pop e como sitio de referencia para as bandas”, afirma Suso, co seu local a medio camiño entre a zona nova e a vella.

No casco histórico o Riquela tamén se diferencia por contar cunha zona específica de concertos e outra para beber e comer. Martín, o seu responsable dende fai sete anos, recoñece que a programación de concertos (flamenco, jazz, blues…) e outras actividades como sesións de comedia improvisada, “non ten unha rendibilidade directa, non vas gañar máis con elas, pero fan que o teu local sexa especial. Son unha inversión nunha marca, nunha imaxe, que intentamos que sexa o máis coidada posible”.

Así é que concluímos que os tempos cambiaron, como sucede en todos os ámbitos, tamén na maneira de vivir a noite. É certo que se sae antes da casa, e a min isto faime recordar cando miña nai me dicía aquelo de “á hora que ti saes na miña época estabamos vindo de volta xa”. Tamén me quedo con esa idea transmitida por varias das persoas coas que comentamos o estado do ocio nocturno, esa sensación de que a xente “ten ganas de saír e desfrutar da vida”. Non sei cara que modelo de cidade iremos, non sei se volveremos ás masas, como serán as novas xeracións, cantas dificultades haberá para acender as luces dos negocios nocturnos… pero non creo, pola nosa cultura, que deixemos nunca de camiñar pola noite como parte do día, e da vida.

Protocolo contra a violencia sexual e LGTBIfóbica

O Concello de Santiago vén de presentar a posta en marcha dun protocolo contra a violencia sexual e LGTBIfóbica, para o que pide e conta coa implicación da hostalería nocturna para facer de Santiago, afirman dende o Goberno local, “unha cidade libre de violencias”.

O sector en xeral considera que Santiago non é unha cidade especialmente problemática pola noite. Aínda que recordan que tanto os locais pequenos como as discotecas xa tiveron sempre por iniciativa propia este tipo de protocolos encamiñados a unha maior seguridade. Iso si, afirma Lucía Vázquez, como membro da Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Santiago, colectivo partícipe nas reunións, que sempre están dispostos a colaborar con este tipo de iniciativas.

A excepción de que o ano pasado houbo varias pelexas, di Lucía que “en xeral somos unha cidade segura, case diría un remanso de paz”. Fai fincapé, ademais, en que a hostalaría nocturna precisamente “contribúe a aportar máis seguridade nas rúas, porque se nalgún momento te asustas por algo onde te vas meter? Nun bar”. Neste sentido deixa clara unha postura: “Xa sei que se protesta polos ruídos, pero onde hai xente e luz hai menos perigo. En definitiva, que haxa ambiente na rúa tamén axuda a afastar malas actitudes”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.